Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 11 de marzo de 2021 Páx. 14305

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela

EDICTO (DOI 332/2020).

Eu, Marina Pilar García de Evan, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de despedimento obxectivo individual 332/2020 deste xulgado do social, seguido por instancia de Gerhard Prinsloo contra Oels English, S.L. e o Fondo de Garantía Salarial, sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

«Auto:

Santiago de Compostela o 17 de febreiro de 2021

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 12.2.2021 ditouse sentenza respecto da cal a parte demandante solicita aclaración, emenda, complemento ou corrección.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Dispón o artigo 267.1 da Lei orgánica do poder xudicial que os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que sufran.

Ao anterior precepto débese agregar o establecido nos artigos 214 e seguintes da Lei de axuizamento civil, ao establecer que os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que sufran.

As aclaracións a que se refire o punto anterior poderán facerse de oficio dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou por petición de parte ou do Ministerio Fiscal, formulada dentro no mesmo prazo, e resolta neste caso polo tribunal dentro dos tres días seguintes á presentación do escrito en que se solicite a aclaración.

Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento.

Pola súa banda, o artigo 215 refírese á emenda e ao complemento de sentenzas e autos defectuosos ou incompletos, e establece que as omisións ou os defectos que puideren sufrir sentenzas e autos e que for necesario remediar para levar plenamente ao efecto as devanditas resolucións, poderán ser emendadas, mediante auto, nos mesmos prazos e polo mesmo procedemento establecidos no artigo anterior.

De se tratar de sentenzas ou autos que tiveren omitido manifestamente pronunciamentos relativos a pretensións oportunamente deducidas e substanciadas no proceso, o tribunal, por solicitude escrita de parte no prazo de cinco días contados desde a notificación da resolución, logo do traslado da devandita solicitude ás demais partes, para alegacións escritas por outros cinco días, ditará auto polo que resolverá completar a resolución co pronunciamento omitido ou non proceder completala.

Se o tribunal advertise en sentenzas ou autos que ditase as omisións a que se refire o punto anterior, poderá, no prazo de cinco días contados desde a data en que se dita, proceder de oficio, mediante auto, a completar a súa resolución, pero sen modificar nin rectificar o que tivese acordado.

Non caberá recurso ningún contra os autos en que se completen ou se denegue completar as resolucións a que se refiren os anteriores puntos deste artigo, sen prexuízo dos recursos que procedan, se é o caso, contra a sentenza ou o auto a que se referise a solicitude ou a actuación de oficio do tribunal. Os prazos para estes recursos, se foren procedentes, comezarán a computar desde o día seguinte ao da notificación do auto que recoñecer ou negar a omisión de pronunciamento e acordar ou denegar remediala.

Doutra parte, non procede acceder á imposición de custas no presente procedemento. A simple non comparecencia do demandado non é razón de temeridade ou mala fe.

Segundo. En aplicación do anterior, a parte demandante solicita aclaración da sentenza ditada nos presentes autos, por entender que hai un erro de transcrición en feitos probados, en concreto, no feito primeiro, na antigüidade, ao sinalar:

Primeiro. Gerhard Prinsloo prestaba servizos para a entidade demandada, coa categoría profesional de profesor auxiliar adxunto, con antigüidade do 18.11.2018 e percibindo un salario bruto mensual de 1.666,11 euros con inclusión das pagas extras (doc. nº 1, 2, 3 e 6).

Cando esta é do 18.11.2015.

Admítese a petición de aclaración por tratarse dun erro na transcrición, xa que na documental referida nos propios feitos probados acredítase a antigüidade do 18.11.2015 e esta foi tida en contía para o cálculo da indemnización na propia sentenza.

Polo tanto, no feito probado primeiro, onde di:

«Primeiro. Gerhard Prinsloo prestaba servizos para a entidade demandada, coa categoría profesional de profesor auxiliar adxunto, con antigüidade do 18.11.2018 e percibindo cun salario bruto mensual de 1.666,11 euros con inclusión das pagas extras (doc. nº 1, 2, 3 e 6)».

Debe dicir:

«Primeiro. Gerhard Prinsloo prestaba servizos para a entidade demandada, coa categoría profesional de profesor auxiliar adxunto, con antigüidade do 18.11.2015 e percibindo cun salario bruto mensual de 1.666,11 euros con inclusión das pagas extras (doc. nº 1, 2, 3 e 6)».

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación.

Parte dispositiva:

Procede aclarar a Sentenza do 12.2.2021, no sentido indicado na fundamentación xurídica desta resolución.

Esta resolución é firme e contra ela non cabe recurso ningún.

Así, por esta miña resolución, pronúncioo, mándoo e asínoo, Carolina Nores Díaz, maxistrada titular do Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela».

E para que lle sirva de notificación na forma legal a Oels English, S.L., en paradoiro ignorado, expido o presente edicto para a súa inserción no boletín oficial correspondente.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021

A letrada da Administración de xustiza