Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 2 de marzo de 2021 Páx. 12610

V. Administración de xustiza

Audiencia Provincial da Coruña (Sección Terceira)

EDICTO (RPL 600/2020-L).

Eu, Francisco Javier Pedreira Sánchez, letrado da Administración de xustiza da Audiencia Provincial, Sección Terceira, da Coruña, certifico que nos autos de recurso de apelación RPL 600/2020 se ditou sentenza cuxo encabezamento e resolución son do teor seguinte:

«Sentenza 60/2021.

Maxistrados:

María Josefa Ruiz Tovar, presidenta

María José Pérez Pena

Rafael Jesús Fernández-Porto García

A Coruña, 12 de febreiro de 2021

Ante esta Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña, constituída polos maxistrados que anteriormente se relacionan, tramítase baixo o número 600/2020 o recurso de apelación interposto contra a sentenza ditada o 2 de setembro de 2020 pola maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, nos autos de procedemento ordinario rexistrado baixo o número 752/2019, en que son parte:

Como apelantes, os demandados: María del Carmen Martínez-Bordiú Franco, María de la O Martínez-Bordiú Franco, Francisco Franco Martínez-Bordiú, María del Mar Martínez-Bordiú Franco, José Cristóbal Martínez-Bordiú Franco, María Aránzazu Martínez-Bordiú Franco e Jaime Felipe Martínez-Bordiú Franco, así como a entidade mercantil Pristina, S.L., todos eles representados pola procuradora dos tribunais Susana Prego Vieito, baixo a dirección dos avogados Luis Felipe Utrera-Molina Gómez e Antonio Eduardo Gil Evangelista.

Como apelados: a demandante Administración xeral do Estado, representada e dirixida polo avogado do Estado.

A coadxuvante da demandante Xunta de Galicia, representada e dirixida polo letrado da Xunta de Galicia.

A coadxuvante da demandante Deputación Provincial da Coruña, dirixida polo letrado da Deputación.

A coadxuvante da demandante Concello da Coruña, representada e dirixida pola letrada do Concello.

E a tamén coadxuvante da demandante Concello de Sada, representado pola procuradora dos tribunais Belén Casal Barbeito, baixo a dirección do avogado Miguel Torres Jack.

Ademais, dirixiuse a demanda na primeira instancia contra «herdeiros de Manuela Esteban Collantes y Sandoval», en situación procesual de rebeldía.

Versa a apelación sobre nulidade de doazón, nulidade de compravenda, nulidade de caderno particional, nulidade parcial de doazón e reivindicatoria como ben de dominio público por usucapión extraordinaria do inmoble coñecido como Torres de Meirás; despois de fixarse a contía en 714.168,33 euros.

Resolución:

Polo exposto, en nome do rei e pola autoridade que lle confire a Constitución, a Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña decidiu:

1º. Estimar no que se infire o recurso de apelación interposto en nome dos demandados María del Carmen Martínez-Bordiú Franco, María de la O Martínez-Bordiú Franco, Francisco Franco Martínez-Bordiú, María del Mar Martínez-Bordiú Franco, José Cristóbal Martínez-Bordiú Franco, María Aránzazu Martínez-Bordiú Franco, Jaime Felipe Martínez-Bordiú Franco e Pristina, S.L., contra a sentenza ditada o 2 de setembro de 2020 pola maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, nos autos do procedemento ordinario seguidos co número 752/2019, e no cal é demandante a Administración xeral do Estado, e coadxuvantes da demandante a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello da Coruña e o Concello de Sada, e codemandada «herdeiros de Manuela Esteban Collantes y Sandoval».

2º. Revogar parcialmente a sentenza apelada e, con estimación parcial da demanda, acórdase:

a) Declarar a inexistencia xurídica da doazón das Torres de Meirás ou Pazo de Meirás efectuada o 5 de decembro de 1938 a Francisco Franco Bahamonde, e que se plasma no pergameo da devandita data cuxa copia se gardaba na Deputación Provincial da Coruña.

b) Declarar a nulidade, por simulación absoluta, da escritura de compravenda outorgada o 24 de maio de 1941 ante o notario de Madrid Luis Sierra Bermejo, baixo o número 839 do seu protocolo, pola que supostamente Manuela Esteban Collantes y Sandoval vendeu a Francisco Franco Bahamonde, representado no devandito acto por Pedro Barrié de la Maza, e coa renuncia de María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán aos dereitos do artigo 811 do Código civil, o inmoble Torres de Meirás, en canto se refire ao predio rexistral 7623 do Rexistro da Propiedade de Betanzos, situado no concello de Sada.

c) Declarar a ineficacia da partición do caudal hereditario de Francisco Franco Bahamonde protocolizada o 18 de maio de 1976 ante o notario de Madrid Sergio González Collado, baixo o número 2702 do seu protocolo, en canto inclúe entre os bens inventariados os predios rexistrais 7623, 10443, 10462, 10463, 10464, 10465, 10466, 10467, 10468, 10469, 10470, 10471, 10472, 10473 e 10474 do Rexistro da Propiedade de Betanzos, sitos no termo municipal de Sada, e cuxa agrupación física se correspondería coa representación gráfica do predio catastral 00180 0100N J50B0 001HR.

d) Declarar a nulidade da doazón levada a cabo o 30 de novembro de 1982 ante o notario de Madrid Javier Gaspar Alfaro, baixo o número 4179 do seu protocolo, pola cal Carmen Polo y Martínez-Valdés doou a Carmen Franco Polo diversas propiedades inmobiliarias, en canto se refire aos predios rexistrais 7623, 10443, 10462, 10463, 10464, 10465, 10466, 10467, 10468, 10469, 10470, 10471, 10472, 10473 e 10474 do Rexistro da Propiedade de Betanzos, no termo municipal de Sada, e cuxa agrupación física se correspondería coa representación gráfica do predio catastral 00180 0100N J50B0 001HR.

e) Declarar que é propiedade do Estado español o predio coñecido como «Pazo e Torres de Meirás», formado pola agrupación física dos predios rexistrais 7623, 10443, 10462, 10463, 10464, 10465, 10466, 10467, 10468, 10469, 10470, 10471, 10472, 10473 e 10474 do Rexistro da Propiedade de Betanzos, no termo municipal de Sada, e cuxa representación gráfica se corresponde co predio catastral 00180 0100N J50B0 001HR, incluíndo as edificacións existentes.

f) Condenar os demandados María del Carmen Martínez-Bordiú Franco, María de la O Martínez-Bordiú Franco, Francisco Franco Martínez-Bordiú, María del Mar Martínez-Bordiú Franco, José Cristóbal Martínez-Bordiú Franco, María Aránzazu Martínez-Bordiú Franco, Jaime Felipe Martínez-Bordiú Franco e Pristina, S.L., así como «herdeiros de Manuela Esteban Collantes y Sandoval», a avirse ás precedentes declaracións, debendo desaloxar as mencionadas propiedades, deixándoas libres e á disposición do Estado español, con liquidación previa dos gastos útiles e necesarios que se acrediten.

g) Ordenar a cancelación das inscricións rexistrais contraditorias do dominio que se declara sobre os mencionados predios.

h) Non impoñer as custas ocasionadas na primeira instancia.

3º. Non impoñer as custas devindicadas polo recurso de apelación.

4º. Acordar a devolución do depósito constituído para apelar. Proceda o letrado da Administración de xustiza do xulgado de instancia a expedir mandamento de devolución a favor da procuradora dos tribunais Susana Prego Vieito polo importe do depósito constituído.

5º. Dispoñer que sexa notificada esta resolución ás partes, con indicación de que contra ela, ao ditarse nun procedemento tramitado por razón da contía, excedendo de 600.000 euros, pode interpoñerse recurso de casación conforme o previsto no ordinal 2º do artigo 477.2 da Lei de axuizamento civil, así como recurso extraordinario por infracción procesual, para o seu coñecemento e resolución en ambos os casos pola Sala Primeira do Tribunal Supremo. O recurso deberá acomodarse ao disposto no articulado da Lei de axuizamento civil e ao establecido na disposición derradeira décimo sexta desta; tendo en consideración o «acordo sobre criterios de admisión dos recursos de casación e extraordinario por infracción procesual» adoptado pola Sala Primeira do Tribunal Supremo no Pleno non xurisdicional do 27 de xaneiro de 2017, así como os reiterados criterios xurisprudenciais sobre admisión de recursos contidos nos autos da devandita sala, que poden consultarse na páxina «www.poderjudicial.es». Presentarase ante esta Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña no prazo de vinte días hábiles, contados desde o seguinte a aquel en que se teña por feita a notificación. É preceptivo que o recorrente compareza representado por procurador dos tribunais e defendido por avogado en exercicio.

Alternativamente, e incompatible cos recursos mencionados no parágrafo anterior, se se considera que esta resolución, exclusivamente ou xunto con outros motivos, infrinxe normas de dereito civil de Galicia, pode interpoñerse recurso de casación, no cal poderán incluírse motivos procesuais, para ante a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o previsto no artigo 478 da Lei de axuizamento civil e na Lei 5/2005, do 25 de abril, do Parlamento de Galicia. Presentarase ante esta Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña no prazo de vinte días hábiles, contados desde o seguinte a aquel en que se teña por feita a notificación.

Co escrito de interposición deberá achegarse xustificante de ter constituído previamente un depósito por importe de cincuenta euros (50 €) por cada clase de recurso na conta de depósitos e consignacións desta sección, na entidade Banco Santander, S.A., coa clave 1524 0000 06 0600 20 para o recurso de casación, e coa clave 1524 0000 04 0600 20 para o recurso extraordinario por infracción procesual. O Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais están exentos de constituír o depósito (disposición adicional décimo quinta, número 5, da Lei orgánica do poder xudicial).

Esta instrución de recursos ten carácter meramente informativo. A indicación errónea dos recursos procedentes en ningún caso prexudicará a parte que interpoña os mencionados [STC 244/2005, do 10 de outubro; 79/2004, do 5 de maio; 5/2001, do 15 de xaneiro], nin impide que poida presentar outros que considere correctos.

6º. Firme que sexa a presente resolución, expídase certificación para o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, con devolución dos autos.

Así se acorda e asina».

E para que conste e para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia co obxecto de que sirva de notificación aos demandados en paradoiro descoñecido, ignorados herdeiros de Manuela Esteban Collantes y Sandoval, expido o presente edicto.

A Coruña, 15 de febreiro de 2021