Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 1 de marzo de 2021 Páx. 12409

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se aproba o Plan de inspección Ecommerce do Instituto Galego de Consumo e da Competencia para o ano 2021.

O artigo 51 da Constitución española establece que os poderes públicos garantirán a defensa das persoas consumidoras e usuarias, protexendo, mediante procedementos eficaces, a seguridade, a saúde e os seus lexítimos intereses económicos, e que promoverán a información e a educación das persoas consumidoras e usuarias, fomentarán as súas organizacións e oiranas nas cuestións que poidan afectar aqueles, nos termos que a lei estableza.

De acordo co artigo 30.1.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle a esta Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de defensa do consumidor e usuario, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia.

O artigo 56 da Lei 2/2012, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece que a Administración autonómica e as administracións locais, no ámbito das súas respectivas competencias en materia de defensa do consumidor, realizarán actuacións de inspección e control para comprobar que as empresas ou establecementos que producen, distribúen ou comercializan bens ou servizos cumpran coa lexislación vixente en relación cos dereitos e intereses dos consumidores, así como a realización, directamente ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas, de estudos, controis, ensaios, análises e comprobacións sobre os produtos, bens, servizos e establecementos onde estes se comercialicen e presten.

O artigo 31 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación dispón que lle corresponde ao director xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior e exterior, artesanía e consumo.

De conformidade co disposto no artigo 13 do Decreto 118/2016, do 4 agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos, o director xeral de Comercio e Consumo exerce a dirección do Instituto Galego de Consumo e da Competencia.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia ten atribuída a competencia relativa á correcta aplicación das normas sobre protección da saúde, información e seguridade dos consumidores.

A estratexia de protección ás persoas consumidoras para o período 2020-2025 ten por obxecto lograr un alto nivel de protección na nosa Comunidade Autónoma; esta enmárcase na Nova axenda europea do consumidor 2020-2025. Neste senso, comparte os obxectivos recollidos nela e encádrase dentro do ámbito competencial da Comunidade Autónoma en materia de protección das persoas consumidoras.

Establece tres ámbitos de actuación, que son os seguintes:

– Transformación dixital.

– Persoas consumidoras vulnerables.

– Formación e educación sustentable, económica, integral e inclusiva.

Dentro do ámbito da transformación dixital recóllese a realización de plans anuais de inspección no Ecommerce.

Na situación excepcional provocada pola pandemia da COVID19, incrementouse a adquisición de produtos e servizos a través do comercio electrónico, polo que cómpre reforzar o control das vendas e publicidade efectuadas por este medio. O confinamento incrementou a compra de produtos que tradicionalmente se adquirían de forma presencial –é o caso de produtos alimenticios– e tamén levou moitos consumidores a optaren pola compra de servizos de carácter cultural e deportivo.

Todos estes cambios na forma de consumo merecen unha atención prioritaria por parte das autoridades de consumo e poñen de manifesto a necesidade de acometer cambios no control e supervisión deste tipo de mercados.

A transición dixital implica vantaxes importantes, pero tamén puxo de manifesto a existencia de incumprimentos da normativa de protección das persoas consumidoras, polo que é necesaria a intervención das autoridades de consumo como garante dos dereitos dos consumidores e usuarios.

A experiencia realizada pola Inspección de Consumo no ano 2019 e no ano 2020 no control do Ecommerce resultou efectiva, polo que cómpre reforzar este tipo de controis.

O deber de información vén recollido no artigo 11.c) da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, que determina o dereito a unha información clara, veraz e transparente sobre os diferentes bens, produtos e servizos, de forma especial sobre aqueles considerados como servizos básicos de interese xeral.

Por outra banda, o artigo 15 da Lei de protección das persoas consumidoras de Galicia, ao referirse á protección da seguridade e saúde destas, establece que os bens e servizos postos no mercado non poden supor ningún risco para a seguridade e saúde das persoas consumidoras.

Tamén se dispón na normativa de protección das persoas consumidoras a protección dos seu lexítimos intereses económicos e sociais, en particular fronte a situacións de desequilibrio como as prácticas comerciais desleais ou abusivas, ou a introdución de cláusulas abusivas nos contratos.

De acordo co anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, esta Dirección Xeral de Comercio e Consumo

RESOLVE:

Primeiro. Aprobación do plan

Apróbase o Plan de inspección Ecommerce da Xunta de Galicia para o ano 2021, co contido recollido nos seguintes puntos.

Segundo. Ámbito de actuación e vixencia

O presente Plan de inspección Ecommerce, que ten ámbito autonómico, será realizado polos servizos de Inspección de Consumo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e está dirixido a comprobar, a través da análise de inspección das páxinas web, o grao de cumprimento da legalidade vixente en materia de consumo.

As actuacións levaranse a cabo ao longo do ano 2021.

Terceiro. Obxecto

As comprobacións versarán sobre os seguintes aspectos:

a) Prezo por unidades de medida e se son completos, impostos incluídos.

b) Desistencia: prazo publicitado para o seu exercicio.

c) Gastos de devolución vinculados ao exercicio do dereito de desistencia, de ser o caso.

d) Control de cláusulas que limiten de forma abusiva a responsabilidade do empresario.

e) Verificar se figuran os datos de identificación do responsable: nome, CIF/NIF, teléfono, correo electrónico, enderezo completo.

f) Condicións das garantías, de ser o caso.

g) Xurisdición e sometemento aos tribunais correspondentes ao domicilio do consumidor.

Cuarto. Metodoloxía

O plan desenvolverase en dúas fases, da seguinte maneira:

– Nunha primeira fase, prevista para o segundo trimestre, realizarase un control da información e publicidade nas páxinas web a través de dilixencias da Inspección de Consumo.

– A segunda fase estará dirixida a comprobar a seguridade do produto e a veracidade da etiquetaxe mediante a realización de tomas de mostras obtidas a través de compras en liña empregando un método de pagamento especialmente destinado a este tipo de comercio.

Quinto. Número de actuacións

O número de actuacións previstas é dun total de duascentas, que se desenvolverán nos seguintes sectores:

– Máscaras hixiénicas.

– Equipamentos de protección individual.

– Produtos e artigos para a práctica deportiva (fitness).

– Roupa e calzado de deportes.

– Roupa homewear.

– Artigos para o fogar, decoración e xardinaría.

– Produtos de electrónica, informática e ofimática.

– Servizos de mantemento e reparación a domicilio, de rehabilitación e decoración de vivendas.

– Prestación de contidos dixitais (streaming, download dixitais).

– Control da publicidade de produtos alimenticios.

Sexto. Protocolos de actuación

Os protocolos de actuación que seguirá a Inspección de Consumo serán desenvolvidos con anterioridade ao inicio do plan.

Sétimo. Seguimento do plan

Para o correcto seguimento das actuacións descritas no Plan de inspección Ecommerce realizarase un informe co seguinte contido:

– Número de páxinas web controladas.

– Número total de actuacións.

– Número de actuacións por sectores.

– Número de incumprimentos.

– Tipo de incumprimentos.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

Manuel Heredia Pérez
Director xeral de Comercio e Consumo