Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 23 de febreiro de 2021 Páx. 11198

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 32/2021, do 11 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Humanización e alargamento de camiño en Capela (Quintela), no termo municipal de Crecente (Pontevedra).

O Concello de Crecente, en sesión realizada o día 14 de agosto de 2020, acordou solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Humanización e alargamento de camiño en Capela (Quintela), no termo municipal de Crecente (Pontevedra), ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data do 21 de outubro de 2020 tivo entrada no Rexistro do Portelo Único da Xunta de Galicia a solicitude do concello de Crecente e parte do expediente. Con data 26 de outubro de 2020 remitiuse documentación complementaria á inicialmente enviada. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que esta actuación, que ten como obxecto mellorar e alargar a vía de acceso ao núcleo de Capela, na parroquia de Quintela, reducirá o risco que implica que sexa unha zona moi concorrida e cun largo medio que imposibilita o adecuado acceso no caso de urxencia sanitaria ou emerxencia de calquera tipo, como un incendio nunha vivenda ou o acceso do transporte público e servizos como recollida de lixo, debido ao estado da vía. Ademais, o camiño é moi utilizado por todos os veciños para desprazarse a pé, debido a que conecta entre si varios dos núcleos máis importantes da parroquia, como son Cruceiro, Coedros, Cancelo e Capela. Coas actuacións previstas pretenden mellorar a seguridade viaria que, na actualidade, debido á estreiteza no seu tramo inicial e final e a sinuosidade da vía existente, provoca que os desprazamentos dos veciños se realicen de forma insegura ao compartir espazo cos vehículos de motor.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do once de febreiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Humanización e alargamento de camiño en Capela (Quintela), no término municipal de Crecente (Pontevedra). Unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse, de ser o caso, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, once de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo