Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 23 de febreiro de 2021 Páx. 11195

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 31/2021, do 11 de febreiro, polo que se aproba a disolución da agrupación entre os concellos de Guntín e Portomarín para o sostemento en común do posto de secretaría e a constitución dunha agrupación voluntaria entre os concellos de Taboada e Guntín para o mantemento en común do posto de secretaría.

Os concellos de Guntín e Portomarín, nas respectivas sesións plenarias que tiveron lugar os días 23 e 25 de setembro de 2020, acordaron aprobar definitivamente o expediente para a disolución da agrupación constituída entre os ditos concellos para o mantemento en común dun único posto de secretaría de clase terceira.

Asemade, os plenos dos concellos de Guntín e Taboada, en sesións que tiveron lugar o 23 de setembro de 2020, acordaron a aprobación definitiva do expediente para constituír unha nova agrupación entre os ditos concellos para soster en común a praza de secretaría de clase terceira.

De conformidade coa normativa estatal, Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e o Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, corresponde ás comunidades autónomas, de acordo coas súas normas propias, acordar a constitución e disolución de agrupacións de secretaría dentro do seu ámbito territorial.

A normativa autonómica regula as agrupacións voluntarias de municipios para o sostemento en común de prazas reservadas a persoal funcionario de Administración local, nos artigos 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e nos artigos 11, 12, 13 e 16 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Nos expedientes de disolución e agrupación seguíronse os trámites previstos na normativa sinalada, constando os informes da Deputación Provincial de Lugo e da Delegación do Goberno. Así mesmo, consta a proposta de clasificación dos postos resultantes.

A competencia para a aprobación e disolución de agrupacións corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, de acordo coa normativa autonómica.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de febreiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a disolución da agrupación voluntaria dos concellos de Guntín e Portomarín para o mantemento en común do posto de secretaría.

Segundo. Aprobar a agrupación voluntaria dos concellos de Taboada e Guntín para o sostemento en común do posto de secretaría, así como os estatutos polos que se rexerá a dita agrupación que forman parte integrante do expediente.

Terceiro. Clasificar os postos resultantes da disolución da agrupación Guntín-Portomarín e da constitución da agrupación de secretaría entre os concellos de Taboada e Guntín nos seguintes termos:

Entidade: Concello de Portomarín.

Posto: secretaría de clase terceira.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Nivel de complemento de destino: 28.

Complemento específico: 19.302,65 €.

Entidade: Agrupación de secretaría Taboada-Guntín.

Posto: secretaría de clase terceira.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Nivel de complemento de destino: 28.

Complemento específico: 52.750,00 €.

Cuarto. Adscribir a Nadia Díaz Vázquez, funcionaria da Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de secretaría-intervención, titular do posto de secretaría de clase terceira do Concello de Taboada, ao novo posto de secretaría da agrupación de concellos de Taboada e Guntín.

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación perante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, once de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo