Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 261 Mércores, 30 de decembro de 2020 Páx. 51049

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 16 de decembro de 2020 pola que se fixan as retribucións dos recadadores de zona.

O ordinal 4 do artigo 29 do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona, indica que a Consellería de Facenda poderá revisar as retribucións dos recadadores de zona cando as circunstancias o aconsellen, en función tanto do número de documentos e o volume de débeda cargada a cada zona como dos gastos desta e as súas circunstancias obxectivas.

As actuais circunstancias económicas e a súa afectación á actividade recadatoria das oficinas recadadoras aconsellan a revisión dos axustes introducidos pola Orde do 31 de xullo de 2012 pola que se fixan as retribucións dos recadadores de zona.

Por iso, e en uso da autorización contida na disposición derradeira primeira do citado decreto,

ACORDO:

Artigo 1

As retribucións dos recadadores de zona serán as que resulten de aplicar sobre a suma dos ingresos que sexan imputables en cada exercicio a cada zona e que corresponden a providencias de constrinximento cun importe cargado que non exceda os 500.000 euros, as seguintes porcentaxes:

– De 0 euros a 600.000 euros, o 20 %.

– De 600.000,01 euros a 1.200.000 euros, o 15 %.

– De 1.200.000,01 euros a 2.100.000 euros, o 10 %.

– De 2.100.000,01 euros a 2.400.000 euros, o 5 %.

– De 2.400.000,01 euros a 3.000.000 de euros, o 4 %.

– De 3.000.000,01 euros a 3.600.000 euros, o 3 %.

– De 3.600.000,01 euros a 4.200.000 euros, o 2 %.

– A partir de 4.200.000,01 euros, o 1 %.

Artigo 2

Nas providencias de constrinximento cun importe cargado que exceda os 500.000 euros, a retribución dos recadadores establecerase por cada valor aplicando aos ingresos que obteñan a porcentaxe do 1 %.

Artigo 3

Fíxase no 1 % a porcentaxe para satisfacer sobre o total recadado en período executivo no suposto de recompensas especiais a que se refire o artigo 33.1 do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona.

Artigo 4

As retribucións a que se refiren os artigos anteriores non inclúen o imposto sobre o valor engadido.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 31 de xullo de 2012 pola que se fixan as retribucións dos recadadores de zona.

Disposición derradeira única

Esta orde terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2021.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública