Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 261 Mércores, 30 de decembro de 2020 Páx. 51051

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2020 sobre a ampliación dos prazos establecidos nos artigos 7 e 21 da Resolución do 8 de agosto de 2019, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e gran empresa do sector industrial (Programa de actuacións de eficiencia enerxética en industria) (Diario Oficial de Galicia número 158, do 22 de agosto).

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), na reunión da Comisión Consultiva de Aforro e Eficiencia do 20 de novembro de 2020, informa da tramitación dunha modificación do Real decreto polo que se regula o Programa de axudas para proxectos de eficiencia enerxética na industria (Real decreto 263/2019, do 12 de abril) que amplía a vixencia do programa que inicialmente remata o 31 de decembro de 2020.

De acordo co disposto no artigo 7.2 da convocatoria das axudas, o prazo de presentación de solicitudes comezará o 12 de setembro de 2019 ás 9.00 horas e permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2020.

Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá acordar a ampliación dos prazos establecidos de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

O Inega pretende prorrogar esta convocatoria de axudas, para non prexudicar as empresas galegas con respecto ás empresas do resto do Estado, que poderán seguir beneficiándose desta convocatoria de axudas e, ademais, dado que non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 7.2 da convocatoria de axudas para a presentación de solicitudes e ampliar o período de presentación de solicitudes, como máximo, á data de finalización da vixencia do programa de axudas que se establece no artigo 12 do Real decreto 263/2019, do 12 de abril.

Segundo. Modificar a data limite para a execución dos proxectos que figura no artigo 5.2 da convocatoria de axudas. O prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 21 da convocatoria.

Terceiro. Modificar o prazo de execución e xustificación das actuacións que figura no artigo 21 da convocatoria de axudas, así, o prazo máximo de execución das actuacións será de 24 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión. En casos excepcionais derivados de circunstancias imprevisibles debidamente xustificadas poderase ampliar o citado prazo ata un máximo de 30 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

Cuarto. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Quinto. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia