Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 261 Mércores, 30 de decembro de 2020 Páx. 51043

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 228/2020, do 23 de decembro, polo que se regulan as condicións da prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

O artigo 54 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece que se a Lei de orzamentos xerais non fose aprobada polo Parlamento de Galicia antes do primeiro día do exercicio económico en que teña que aplicarse, consideraranse automaticamente prorrogados os do exercicio inmediato anterior.

O Consello de Política Fiscal e Financeira que debe informar os obxectivos de estabilidade orzamentaria a que refire o artigo 15.1 da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, non foi convocado ata o pasado 5 de outubro; ese mesmo día comunicáronse os recursos do sistema de financiamento autonómico previstos para a Comunidade Autónoma de Galicia en 2021; por último, o proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado, que recolle os restantes fondos finalistas e a normativa básica do Estado en materia de evolución de masa salarial, non se aprobou ata o pasado de 27 de outubro.

Como consecuencia desta falta de información mínima para elaborar o teito de gasto, non foi posible presentar o 20 de outubro o proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, como acontece de xeito habitual.

Malia que o Consello da Xunta de Galicia aprobou o proxecto de orzamentos para 2021 o pasado 20 de novembro, non está programada a súa votación no Parlamento de Galicia antes do remate deste ano.

O artigo 54 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece que se a Lei de orzamentos xerais non é aprobada polo Parlamento de Galicia antes do primeiro día do exercicio económico en que teña que aplicarse, a Consellería de Facenda e Administración Pública poderá elaborar os correspondentes estados de gastos nos cales se detallarán os importes dos créditos prorrogados.

Estes importes serán o resultado de realizar nos créditos iniciais do orzamento prorrogado a exclusión daqueles gastos correspondentes a actuacións que deben quedar rematadas ao finalizar o exercicio de 2020, así como aqueles que non se consideren necesarios para o exercicio que se inicia. Novas actuacións urxentes poderán ser tidas en conta na medida en que se compensen coas baixas derivadas do establecido no parágrafo anterior. A Consellería de Facenda e Administración Pública determinará que modificacións orzamentarias, das realizadas durante o exercicio cuxos orzamentos se prorrogan, se consolidarán no estado de gastos.

A Consellería de Facenda e Administración Pública confeccionará, así mesmo, os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga. Estes elaboraranse en función das previsións que poidan derivar das liquidacións de ingresos do exercicio prorrogado, ou de calquera outro dato válido para sustentar as referidas previsións, sempre que non supoña introducir ningún cambio na normativa legal vixente durante o exercicio no cal se prorroga o orzamento.

Como consecuencia, o principio de que se parte é o de que se produce a prórroga xeral da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020, salvo nos créditos correspondentes a actuacións que rematan ou obrigas que se extingan en 2020.

Do mesmo xeito, e aínda que a lei de orzamentos xerais ten vixencia anual, a prórroga non afectará aquelas normas de vixencia indefinida que esta poida recoller, que seguirán estando vixentes.

De acordo co anterior, prorróganse, a partir do 1 de xaneiro de 2021 e ata a entrada en vigor do novo orzamento, os créditos iniciais aprobados para o ano 2020, salvo os correspondentes a actuacións que concluirán no exercicio prorrogado ou sexan financiadas con fondos finalistas non prorrogables.

Na súa virtude, e en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020

A partir do 1 de xaneiro de 2021 prorróganse os créditos iniciais dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020, aprobados pola Lei 6/2019, do 23 de decembro, de acordo cos seguintes criterios e excepcións:

1. A estrutura orzamentaria da prórroga axustarase ao establecido no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

2. O orzamento inicial prorrogado adaptarase para recoller os efectos das modificacións consolidables aprobadas durante 2020.

3. Non se prorrogarán os créditos para gastos destinados a programas e actuacións que finalicen en 2020.

4. Os créditos precisos para facer fronte ás obrigas do endebedamento, que sexa preceptivo recoñecer, prorrogaranse segundo os compromisos adquiridos.

5. Os créditos financiados ou cofinanciados con recursos procedentes da Administración do Estado prorrogaranse, excluíndo aqueles dos cales se teña constancia da súa non percepción no exercicio 2021.

6. Os créditos financiados ou cofinanciados a través de programas operativos plurianuais orzaranse atendendo aos importes previstos no seu marco temporal.

7. O resto de créditos con financiamento externo orzaranse sempre e cando exista, na data de elaboración do orzamento, un compromiso firme de ingreso que os sustente.

Artigo 2. Orzamentos das entidades públicas instrumentais

Os orzamentos das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico durante o período de prórroga axustaranse e executaranse segundo os mesmos requirimentos que os establecidos para a Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 3. Estado de ingresos

A Consellería de Facenda e Administración Pública confeccionará os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga. Estes elaboraranse en función das previsións que poidan derivar da liquidación dos orzamentos do exercicio prorrogado, ou de calquera outro dato válido para sustentar as referidas previsións e da programación de fondos europeos para o exercicio de 2021.

Artigo 4. Dispoñibilidades dos créditos no orzamento prorrogado

A dispoñibilidade dos créditos, a que se fai referencia neste decreto, supeditarase na súa contía ao cumprimento das taxas de referencia de déficit e débeda pública establecidas polo Estado.

Artigo 5. Tramitación de expedientes de gasto durante o período de prórroga

1. Durante o período de vixencia da prórroga do orzamento, a tramitación de expedientes de gasto axustarase aos seguintes criterios:

a) Os gastos de persoal realizaranse con base nas remuneracións vixentes en 31 de decembro do ano 2020 para cada tipo de persoal previsto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2020 e nas disposicións que a desenvolven.

b) Os gastos correntes en bens e servizos, con cargo ao capítulo II, e ata o límite do crédito inicial a nivel de vinculación, aprobados no orzamento de 2020:

1º. Polos gastos ordinarios de funcionamento precisos para a prestación dos servizos públicos imputados ao capítulo II do orzamento de gastos.

2º. Polos compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores.

3º. Polas obrigas xeradas en exercicios anteriores derivados de compromisos de gasto debidamente adquiridos no ano 2020.

4º. Polos compromisos, aprobación e retención de crédito correspondentes a expedientes de tramitación anticipada.

5º. Os compromisos de gasto que resulten dos acordos de validación aprobados polo Consello da Xunta derivados de obrigas xeradas en exercicios anteriores.

c) Os gastos financeiros, con cargo ao capítulo III, e os pasivos financeiros, con cargo ao capítulo IX, segundo o calendario de pagamentos e amortizacións da débeda da comunidade autónoma previsto pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

d) O resto dos gastos, é dicir, as transferencias correntes e de capital, os investimentos reais e os activos financeiros, con cargo aos capítulos IV, VI, VII e VIII, respectivamente, e ata o límite do crédito inicial, a nivel de vinculación, aprobado no orzamento de 2020:

1º. Polos compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores.

2º. Polas obrigas xeradas en exercicios anteriores derivados de compromisos de gasto debidamente adquiridos no ano 2020.

3º. Polos compromisos, aprobación e retención de crédito correspondentes a expedientes de tramitación anticipada.

4º. Polos compromisos de gasto que resulten dos acordos de validación aprobados polo Consello da Xunta derivados de obrigas xeradas en exercicios anteriores.

5º. Polos compromisos derivados de disposicións, convenios e contratos programa que estivesen en vigor en 31 de decembro de 2020 e supoñan obrigas para 2021, así como aqueles compromisos debidamente adquiridos que se destinen a pensións, prestacións económicas, subvencións e axudas a que a persoa beneficiaria teña dereito o 1 de xaneiro de 2021. Estes compromisos imputaranse trimestralmente.

6º. Polos gastos financiados con recursos finalistas sempre que se acredite a existencia do compromiso de financiamento da Administración ou entidade cofinanciadora.

7º. Polo libramento das transferencias correntes de financiamento ás entidades instrumentais do sector público autonómico, que se realizará por doceavas partes do crédito dispoñible.

2. Fóra dos supostos recollidos no número 1 anterior, non procederá a tramitación de ningún expediente novo agás nos supostos de expedientes de gasto de urxente e inaprazable necesidade.

Nestes supostos, deberá quedar acreditado no expediente a urxencia e a necesidade que xustifiquen a excepción, así como a certificación do órgano xestor en que se indique a existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos para o exercicio de 2021, concretando o proxecto a que se lle imputará, se é o caso, que financie tanto os expedientes incluídos neste número como os previstos no número 1 deste artigo.

Disposición adicional única. Normativa aplicable

Durante o período de prórroga continuará en vigor, coas excepcións da súa adaptación ao establecido neste decreto, o texto articulado da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación deste decreto, así como a realizar os axustes previstos para adaptar o orzamento aos cambios de estrutura que xurdan respecto da existente no momento de elaboración dos orzamentos para 2021.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2021 e permanecerá vixente ata a entrada en vigor da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública