Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 260 Martes, 29 de decembro de 2020 Páx. 50798

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 9 de decembro de 2020 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes do monte veciñal en man común Seixo e Val, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Poulo (agás Sobrado, Cerdal, O Dorno e Garabelos), e do monte veciñal en man común Seixo e Val, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Trasportela, no concello de Gomesende.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes do MVMC Seixo e Val, pertencente á CMVMC de Poulo (agás Sobrado, Cerdal, O Dorno e Garabelos), e o MVMC Seixo e Val, pertencente á CMVMC de Trasportela, no concello de Gomesende, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 27 de xuño de 2019 o presidente da CMVMC de Poulo (agás Sobrado, Cerdal, O Dorno e Garabelos) presentou un escrito no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/rx 1406128) relativo a un acto de deslindamento entre a citada comunidade de montes veciñais en man común e a de Trasportela.

Entre outra documentación, achegou unha certificación do Xulgado de Paz de Gomesende, e certificacións de aprobación do deslindamento por ambas as CMVMC.

Segundo. O 3 de xullo de 2019 a CMVMC interesada presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/1441635) un novo escrito co cal incorporou a seguinte documentación: arquivo shape de vértices de deslindamento e un arquivo shape de poligonal de deslindamento.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 22 de novembro de 2019 considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, aínda que non consta unha acta do deslindamento nin se achega memoria. Polo que o Servizo de Montes lle propuxo ao Xurado a aprobación do deslindamento, ben que co seguinte condicionado:

Exclúese o tramo comprendido entre o vértice auxiliar A22 (situado entre os vértices V20 e V21) e o vértice V23, por entender que afecta a confluencia do perímetro estremeiro destes dous MVMC co MVMC Seixo e Val, pertencente á CMVMC da parroquia de San Lourenzo de Fustáns. Polo que este punto deberá establecerse mediante un procedemento de deslindamento que inclúa o acordo da comunidade de montes veciñais titular deste.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 2 de setembro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Seixo e Val, pertencente á CMVMC de Poulo (agás Sobrado, Cerdal, O Dorno e Garabelos), e o MVMC Seixo e Val, pertencente á CMVMC de Trasportela, no concello de Gomesende, de acordo co informe do Servizo de Montes do 22 de novembro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 10 de decembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense