Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 256 Martes, 22 de decembro de 2020 Páx. 50289

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2020, da Área de Planificación e Proxectos, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública de mellora da capacidade do enlace da vía de altas prestacións (VAP) AG-41 coa PO-504 en Sanxenxo (clave PO/18/119.01).

A Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), ditou o 9 de decembro de 2020 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de construción de mellora da capacidade do enlace da VAP AG-41 coa PO-504 en Sanxenxo, de clave PO/18/119.01.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A actuación que se propón busca mellorar a capacidade do ramal de enlace de saída da VG-4.1 en dirección a Sanxenxo, para o cal se proxecta a modificación do ramal existente partindo da estrutura sobre a actual PO-504, desenvolvendo un ramal cun raio de xiro adecuado e ampliando a calzada no treito da estrada entre a glorieta do enlace de Sanxenxo e da PO-504, tamén se elimina o stop existente e dótase dun carril adicional, o que permite aumentar a capacidade e a mellora considerable do fluxo do tráfico.

A solución é compatible co futuro desdobramento da VG-4.1 recollido no proxecto de trazado de desdobramento da VG-4.1 (AG-41)-A Lanzada (PO-550), de clave PO/08/146.00.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia núm. 45, do 6 de marzo de 2020, publicouse o Anuncio do 20 de febreiro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de mellora da capacidade do enlace da VAP AG-41 coa PO-504 en Sanxenxo, de clave PO/18/119.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto de referencia.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública non se formularon alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse á información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto e tras os informes e certificados presentados,

RESOLVO:

Aprobar o expediente de información pública do proxecto de construción de mellora da capacidade do enlace da VAP AG-41 coa PO-504 en Sanxenxo, de clave PO/18/119.01.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2020

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos