Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 4 de decembro de 2020 Páx. 47981

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. Enrique Mandado Pérez, presidente do padroado da Fundación, o 21 de xullo de 2020 presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde, foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 10 de marzo de 2020, ante o notario Miguel Lucas Sánchez, co número de protocolo 793, por Enrique Mandado Pérez, Enrique Soto Campos, Manuel Doiro Sancho e Francisco Javier Fernández López, actuando no seu propio nome e dereito.

3. A Fundación ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, «difundir e promover as actividades de desenvolvemento tecnolóxico que leven á xeración de novos produtos e a mellora dos produtos existentes co obxectivo de crear tecido industrial e contribuír a que os técnicos galegos poidan desenvolver a súa profesión en Galicia en lugar de teren que emigrar».

4. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación, a identificación dos membros do padroado e os estatutos.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza; o enderezo e ámbito de actuación; os fins fundacionais e as actividades para a consecución dos seus fins; as regras para a aplicación dos recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición do padroado; as regras para a designación e substitución dos seus membros; as causas de cesamento e suspensión; as súas atribucións e as formas de deliberar e adoptar acordos; as causas de extinción e o destino dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Enrique Mandado Pérez, como presidente; Enrique Soto Campos, como vicepresidente; Francisco-Javier Fernández López, como secretario e Manuel Doiro Sancho, como vogal.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta para clasificar a Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

8. De conformidade co establecido no artigo 51.2 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego (en diante, Decreto 14/2009) e segundo a proposta da comisión de secretarios xerais técnicos mediante a Orde da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 14 de outubro de 2020 (DOG núm. 18, do 29 de outubro), clasificouse de interese para investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde e adscribiuse ao protectorado da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (en diante, Decreto 15/2009), na disposición transitoria segunda do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. De conformidade co disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009 e no Decreto 15/2009 resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e para a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese, sección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, da Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009 e no Decreto 15/2009, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividade, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia segunda e
Consellería de Economía, Empresa e Innovación