Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 4 de decembro de 2020 Páx. 47984

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2020, do tribunal designado para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización dos exercicios.

En sesión que tivo lugar o 26 de novembro de 2020, o tribunal designado pola Resolución da Dirección Xeral de Mobilidade do 13 de febreiro de 2020 para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada

ACORDOU:

Primeiro. Os exercicios da convocatoria do ano 2020 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 19 de decembro de 2020, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela), sempre que a actual situación sanitaria o permita.

Segundo. Os/as aspirantes que fosen admitidos/as para a realización das probas serán citados/as en chamamento único segundo a seguinte distribución:

a) Transporte interior e internacional de viaxeiros/as: todos eles/as a partir das 9.00 horas, de acordo coa distribución horaria incorporada á relación de persoas aspirantes admitidas que será obxecto de publicación na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

b) Transporte interior e internacional de mercadorías:

Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras A-G (ambas as dúas inclusive): a partir das 9.00 horas, de acordo coa distribución horaria incorporada á relación de persoas aspirantes admitidas que será obxecto de publicación na sección de «formación» da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Non obstante, todos/as aqueles/as aspirantes incluídos/as nesta relación que estean admitidos/as tamén para as probas de viaxeiros/as quedan convocados/as na quenda da tarde consonte coa hora indicada na dita relación de persoas aspirantes admitidas.

Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras H-Z (ambas as dúas inclusive): a partir das 16.15 horas, de acordo coa distribución horaria incorporada á relación de persoas aspirantes admitidas que será obxecto de publicación na sección de «formación» da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

As persoas aspirantes non poderán acceder ao local en que terá lugar a celebración do exame ata 10 minutos antes da hora para a que fosen respectivamente citadas, consonte co indicado nas relacións de persoas admitidas publicadas tal e como se indicou previamente.

Terceiro. Ás horas indicadas nas listas chamaranse os aspirantes na orde indicada nas relacións de persoas admitidas, que entrarán na zona de acceso. Os chamamentos realizaranse con intervalos de 5 minutos, coa máxima puntualidade. Non obstante, non se comezará un novo chamamento se aínda quedan aspirantes do anterior na zona de acceso. No exterior do recinto ofrecerase máis información sobre as medidas de seguridade para o acceso e abandono do recinto e durante a realización das probas, será obrigatorio en todo caso o uso de máscara facial.

Non poderán acceder ao exame aquelas persoas con síntomas compatibles coa COVID-19, aquelas ás cales se lles diagnosticase a enfermidade e que non rematasen o período de illamento, ou as que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter tido contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada da COVID-19. Se algunha persoa que se atope dentro do recinto está nesta situación, deberá abandonalo de xeito urxente, debendo poñerse en contacto co tribunal (no correo formacion.transportes@xunta.gal) para valorar posibles tomas en consideración para próximas convocatorias.

Cuarto. Unha vez situados/as os/as aspirantes dentro da sala, non se permitirá a súa saída, agás no suposto de entrega do exercicio. Non obstante, o tribunal poderá apreciar a concorrencia de circunstancias médicas debidamente acreditadas, como no suposto de mulleres embarazadas, toma de medicamentos, ou similares, que fagan necesario que o/a aspirante teña que ir ao baño; as persoas aspirantes que manifesten estar nestas situacións deberán achegar xustificación documental dela.

Quinto. Os/as aspirantes deberán presentarse provistos/as de DNI en vigor ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, tamén en vigor; a súa falta dará lugar á non admisión do/da aspirante á realización das probas. Recoméndase, igualmente, aos/ás aspirantes que concorran provistos/as da copia da solicitude de admisión e da folla xustificativa do pagamento das taxas de exame.

Así mesmo, deberán dispor dun lapis do número 2 e goma de borrar para realizar o exame, de xeito que se poida efectuar a súa corrección mediante mecanismos automatizados. Poderán tamén levar máquinas calculadoras sen memoria RAM para realizar as operacións matemáticas que resulten necesarias.

Sexto. Non se permitirá o acceso á sala onde se realizarán os exercicios con teléfonos móbiles nin ningún outro dispositivo electrónico análogo, tales como reloxos intelixentes.

Igualmente, tampouco se permitirá o acceso e tenza de axendas ou outros dispositivos de carácter electrónico, agás o indicado no punto anterior respecto das máquinas calculadoras. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento do que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización das probas.

Advírtese que non haberá servizo de recollida de teléfonos móbiles.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

María Carmen Arnoso Calvo
Secretaria do tribunal

Visto e prace
Antón García Río
Presidente do tribunal