Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 4 de decembro de 2020 Páx. 47987

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 30 de novembro de 2020 dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ao abeiro da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2020 e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento BS508D).

O 21 de setembro de 2020, publícase no Diario Oficial de Galicia número 191, a Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2020 e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento BS508D).

De conformidade co artigo 15 da citada orde, o órgano competente para resolver será a persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Así mesmo, o artigo 19 da orde de convocatoria establece que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento e que esta publicación producirá os efectos de notificación.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

1. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 30 de novembro de 2020, ditada no procedemento BS508D, dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ao abeiro da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2020 e se convocan para o ano 2020.

2. Comunicar que a Resolución do 30 de novembro de 2020, que finaliza este procedemento, esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación a través desta publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, a través desta publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020

Cristina Pichel Toimil
Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

ANEXO

Resolución dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ditada no procedemento BS508D, ao abeiro da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se regula
o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2020
e se convocan para o ano 2020

A Orde da Consellería de Política Social, do 9 de setembro de 2020, pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia Acción Voluntaria 2020 e se convocan para o ano 2020 (DOG núm. 191, do 21 de setembro), establece as bases reguladoras polas que rexe a concesión dos indicados Premios Galicia de Acción Voluntaria.

O artigo 2 da orde sinala que os Premios Galicia de Acción Voluntaria constan de 3 modalidades:

a) Premio voluntaria/o do ano: modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio entidade de acción voluntaria do ano: modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio mellor proxecto de acción voluntaria do ano: modalidade para proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, presentados por unha entidade de xeito individual ou por varias entidades de xeito conxunto, que se caractericen pola innovación e a repercusión social.

Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas, cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade, de conformidade co artigo 3 da orde de convocatoria.

O artigo 13 da orde de convocatoria prevé a constitución dun xurado para o exame e valoración dos expedientes, designado para o efecto por resolución da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado, que será quen desempeñe a súa presidencia.

O artigo 12 da orde sinala que o órgano instrutor do procedemento será o órgano competente en materia de voluntariado e participación da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado. De acordo co citado artigo, unha vez completos os expedientes, o Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano instrutor do procedemento, remitiu ao xurado as candidaturas en cada unha das modalidades para a súa valoración, conforme os criterios recollidos no artigo 14.

O día 24 de novembro de 2020, o xurado emitiu o informe proposta de candidaturas premiadas para cada unha das modalidades, de acordo co prescrito no artigo 14 da orde reguladora.

Con base no anterior e conforme o sinalado no artigo 15 da orde, á vista do expediente e da valoración do xurado, o día 26 de novembro de 2020 o Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano instrutor do procedemento, propuxo que se resolvese a primeira convocatoria dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2020 nos termos propostos polo xurado.

Consonte a proposta de resolución, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias e atribuída a competencia para resolver, por delegación da conselleira de Política Social, segundo o disposto no artigo 15 e na disposición adicional única da orde de convocatoria,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder os premios da primeira convocatoria dos Premios Galicia de Acción Voluntaria ás seguintes candidaturas, dado que obtiveron en cada modalidade a maior puntuación por parte do xurado, consonte aos criterios recollidos no artigo 14 da orde de convocatoria:

• Premio voluntaria do ano, na modalidade individual para as persoas físicas, dotado de 4.000 euros, para Sofía Prol Rodríguez, con NIF **9598***.

• Premio entidade de acción voluntaria do ano, na modalidade colectiva, dotado de 4.000 euros, á entidade ONG Mestura, con CIF G15940414.

• Premio ao mellor proxecto de acción voluntaria do ano, dotado de 4.000 euros, á Fundación Juan Soñador, con CIF G24452435.

Segundo. As persoas físicas e xurídicas premiadas deberán cumprir coas obrigas previstas no artigo 18 da Orde do 9 de setembro de 2020.

Terceiro. A presente resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Non obstante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. A publicación desta resolución producirá os efectos de notificación, nos termos establecidos no artigo 19 da Orde do 9 de setembro de 2020 e no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2020. A conselleira de Política Social, P.D. (Artigo 15.2 da Orde do 9.9.2020; DOG núm. 191, do 21 de setembro), Cristina Pichel Toimil, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado