Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 4 de decembro de 2020 Páx. 47991

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de novembro de 2020 pola que se amplía o prazo de xustificación das axudas previsto na Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR462B).

A Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR462B, DOG nº 30, do 13 de febreiro de 2020), modificada pola Orde do 1 de abril de 2020 (DOG nº 74, do 17 de abril de 2020), establece no seu artigo 17 que o prazo para executar e xustificar as axudas concedidas remata o 30 de abril de 2021, para propietarios particulares de xeito individual, sociedades e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens e outras persoas xurídicas (S.A., S.L., …), e o 30 de xuño de 2021 para comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) e montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo.

No DOG nº 97, do 20 de maio, publicouse a Resolución do 5 de maio de 2020 pola que se continuaba o prazo de presentación de solicitudes de axudas, suspendido como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus covid-19, reanudándose o cómputo do prazo para a presentación das solicitudes de axudas ata o 23 de xullo de 2020, o que supón un importante atraso na súa resolución e, por ende, na súa xustificación.

Por todo o anterior cómpre ampliar o prazo de xustificación destas axudas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de xustificación da axuda

Amplíase o prazo para xustificar as axudas concedidas ata o 30 de xuño de 2021, para propietarios particulares de xeito individual, sociedades e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, pro indivisos, comunidades de bens e outras persoas xurídicas (S.A., S.L., …), e o 30 de agosto de 2021 para CMVMC e montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural