Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Luns, 16 de novembro de 2020 Páx. 45221

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 184/2020, do 29 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello do Rosal dun treito antigo da estrada provincial EP-3302 Tabagón-O Rosal-Portocelo, desde o punto quilométrico 1+365 ao punto quilométrico 1+580 marxe dereita.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O día 24 de abril de 2019 o Concello do Rosal e a Deputación de Pontevedra asinaron un convenio de colaboración para a execución do proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-3302 desde o punto quilométrico 1+365 ata o punto quilométrico 1+940. A cláusula quinta do dito convenio establece como obriga do Concello do Rosal aceptar a transferencia dun treito antigo da estrada provincial EP-3302 Tabagón-O Rosal-Portocelo desde o punto quilométrico 1+365 ata o punto quilométrico 1+580. As súas características funcionais e de utilidade son asimilables ao viario municipal de tipo urbano, xa que só dá servizo de acceso aos predios lindeiros, polo que non reúne as características propias dunha estrada provincial. Coa transferencia do treito que se define no artigo 1, o Concello do Rosal poderá garantir un mellor mantemento da estrada, así como levar un control máis directo para evitar posibles ocupacións indebidas do dominio público.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de outubro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello do Rosal de:

Clave

Denominación

p.q.i

p.q.f

Marxe

Treito antigo EP-3302

Tabagón-O Rosal-Portocelo

1+365

1+580

MD

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello do Rosal deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello do Rosal, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de outubro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade