Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Xoves, 12 de novembro de 2020 Páx. 44900

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2020 pola que se publica a cuarta addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Con data do 15 de abril de 2019, do 28 de novembro de 2019 e do 28 de maio de 2020, asináronse, respectivamente, a primeira, a segunda e a terceira addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O devandito convenio asinouse o 9 de agosto de 2018 e publicouse no DOG núm. 156, do 17 de agosto.

De conformidade coa cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Tendo en conta o exposto, e en virtude das competencias conferidas,

RESOLVO:

Publicar a cuarta addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinada o 21 de outubro de 2020, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Cuarta addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia,
a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios
forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión
da biomasa nas faixas secundarias

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020.

Reunidos:

Pola Xunta de Galicia, José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, que actúa por conta e en representación da Xunta de Galicia, nomeado polo Decreto 99/2018, do 26 de setembro (DOG nº 185, do 27 de setembro), en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Pola sociedade mercantil pública autonómica, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), Pablo Arbones Maciñeira, en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confiren os seus estatutos.

Pola Federación Galega de Municipios e Provincias, o seu presidente, Alberto Varela Paz, que actúa en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confire o artigo 46.1.b) dos seus estatutos.

Todas as persoas intervenientes actúan coa representación que legal e regulamentariamente teñen conferida.

EXPOÑEN:

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece no seu artigo 7.d) que corresponde aos concellos a ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, e de xeito máis concreto a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 22 e 23 da citada lei, contando para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de conformidade co establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

O día 9 de agosto de 2018, a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga asinaron un convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, publicado no DOG núm. 156, do 17 de agosto, co obxecto de instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp, cos concellos que voluntariamente se adhiran, na xestión da prevención de incendios nas denominadas faixas secundarias de xestión da biomasa, de modo que se acade a diminución do número de incendios forestais nas zonas da interface urbana garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

Como lembra a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha das áreas máis sensibles para a prevención dos incendios é da interface urbano-forestal, isto é, aquelas áreas que abarcan o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados. Neste contexto, e a través do citado convenio, canalízase a cooperación entre a Administración local e a Administración autonómica como vía para acometer tarefas de claro interese público como é a de xestionar a biomasa vexetal con alto potencial combustible, especialmente nos terreos forestais que estean cerca dos núcleos de poboación, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios polas persoas titulares das parcelas. Así como, en caso de incumprimento destas obrigas esenciais, asegurar a súa execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administracións públicas.

Co obxecto de reforzar o apoio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na realización das accións que corresponden aos concellos, o convenio modificouse a través dunha primeira addenda asinada o 15 de abril de 2019 e publicada no DOG núm. 90, do 13 de maio.

O 28 de novembro de 2019 asinouse unha segunda addenda (publicada no DOG núm. 6, do 10 de xaneiro de 2020) para facilitar a aplicación de determinadas cláusulas do convenio, que supuxo, entre outras modificacións, o desenvolvemento dunha nova ferramenta en mobilidade, inclusión da posibilidade de que os concellos adheridos poidan realizar execucións subsidiarias ata un máximo de 5 hectáreas con cargo ao convenio, simplificación de trámites administrativos para a aplicación dos ingresos que se perciban da venda das especies arbóreas incluídas nas execucións subsidiarias, e incorporación dunha cláusula en materia de protección de datos.

O 28 de maio de 2020 asinouse unha terceira addenda (publicada no DOG núm. 114, do 12 de xuño) que supuxo, entre outras modificacións, a subscrición dun acordo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, por ser preciso un labor de apoio por parte do Instituto de Estudos do Territorio dependente desta última, no desenvolvemento das actuacións tendentes a dotar os concellos de plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais; a ampliación, de 5 a 10 ha, da máxima superficie por anualidade en que os concellos adheridos poidan realizar execucións subsidiarias con cargo ao convenio; a inclusión da posibilidade da realización material de actuacións de xestión da biomasa nas vías de titularidade municipal ao longo de ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano; o incremento do importe que se pode destinar para cada anualidade do orzamento previsto no convenio para a execución de iniciativas de mobilización de terras e das iniciativas estratéxicas de prevención nas faixas secundarias de xestión da biomasa, que pasa de 1.250.000 € a 1.500.000 €; aclaración dos requisitos que deben cumprir as zonas de actuación para a execución das iniciativas de mobilización de terras nas faixas secundarias e para a posta en marcha das iniciativas estratéxicas e, por último, establécese a posibilidade de adquirir equipamento necesario para actuar sobre a biomasa, infraestruturas preventivas ou apoio á intendencia en situacións de incendio forestal.

A través desta nova addenda modifícase a cláusula quinta relativa á colaboración financeira para a xestión da biomasa forestal dos montes incluídos nos concellos adheridos ao presente convenio. A modificación desta cláusula ven motivada polas seguintes causas:

1. A adaptación do persoal de prevención e extinción de incendios á emerxencia sanitaria producida polo coronavirus COVID-19, mediante a elaboración de máis dunha ducia de protocolos necesarios para permitir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene. Esta adaptación supón un incremento importante de gasto en dotación de medios materiais de protección para o persoal como son epis, xel hidroalcohólico, e adaptación dos puntos de encontro das brigadas de prevención e extinción de incendios.

2. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2020), aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do día 29 de maio de 2020, que incorpora como novidade importante a implementación dun completo e detallado Plan de prevención para actuar nunhas 46.000 hectáreas, en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas, o mantemento de máis de 3.200 puntos de auga xa existentes e a construción de 121 novos puntos.

A través desta planificación preventiva recóllense, sobre todo, accións sobre o territorio que se concretan en traballos silvícolas preventivos, na creación e mellora de infraestruturas de defensa e intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións para incrementar o valor do monte e defender as vivendas fronte ao lume.

En consecuencia, a presente addenda comprende as seguintes modificacións:

1. Modifícase o número 1 da cláusula quinta para permitir a imputación de gastos do último trimestre do exercicio anterior ao exercicio inmediatamente posterior.

2. Modifícase o número 4 da cláusula quinta para incrementar o importe que se reserva a Administración autonómica para asumir parte dos gastos derivados da implementación do novo Plan de prevención establecido no Pladiga 2020 para realizar con medios propios da Administración autonómica e que ten como finalidade a mellora da defensa dos incendios forestais.

3. Engádese un número 5 na cláusula quinta, con vixencia exclusiva no ano 2020, para atender as necesidades económicas derivadas da implantación dos novos protocolos e instrucións para a realización do traballo do persoal de Pladiga en condicións óptimas de seguridade e hixiene por mor da emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19.

4. Engádese, así mesmo, un número 6 na cláusula quinta, que ten como finalidade compensar os maiores custos económicos que de forma extraordinaria e unicamente para este ano 2020 asumiron as entidades locais que teñen asinados convenios para a participación na prevención e defensa contra os incendios forestais durante o ano 2020, para dar cumprimento ás medidas preventivas derivadas do COVID-19.

O funcionamento das brigadas municipais de prevención e extinción de incendios e dos vehículos motobomba recollido nos devanditos convenios considérase esencial para completar o despregue estival do operativo de extinción e prevención, especialmente nas faixas secundarias.

Cláusulas

Primeira. Modifícase a cláusula quinta, que queda redactada como segue:

Quinta. Colaboración financeira para a xestión da biomasa forestal dos montes incluídos nos concellos adheridos ao presente convenio

1. Conforme o previsto na cláusula segunda deste convenio, a Consellería do Medio Rural comprométese a dar apoio financeiro para garantir a correcta xestión da biomasa forestal dos montes dos concellos adheridos mediante as achegas financeiras previstas no presente convenio.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, a Consellería do Medio Rural achegará un importe de 7.750.000 € no exercicio 2020, 7.750.000 € no exercicio 2021 e 5.696.000 € no exercicio 2022 con cargo á aplicación orzamentaria 14 02 551B 741.14 para o exercicio 2020 e con cargo a aplicación orzamentaria que corresponda, para o resto dos exercicios.

As entidades locais farán achegas mediante a creación dun subfondo específico dentro do Fondo de Cooperación Local, que incrementarán a dotación económica total do convenio na anualidade correspondente. En todo caso, as devanditas achegas serán de 2.500.000 € no exercicio 2020, segundo o disposto no artigo 57, punto catro, da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2020, e da cantidade que se determine, se for o caso, para os exercicios 2021 e 2022, segundo o que se estableza nas correspondentes leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

En calquera caso, os documentos xustificativos para o recoñecemento de obrigas derivadas das actuacións previstas no presente convenio correspondentes ao último trimestre dun determinado exercicio poderán imputarse ao orzamento do exercicio inmediato seguinte.

2. En todo caso, aqueles concellos adheridos en que non fose acordada a realización de actuacións de xestión da biomasa previstas na cláusula segunda punto 1.b) poderán, de xeito voluntario, solicitar a súa execución independentemente da aplicación dos criterios de prioridade, mediante a achega do 100 % do financiamento para a súa realización. Estas cantidades transferiranse á Administración autonómica nos prazos que se establezan na resolución pola que se acorda a adhesión.

Para tales efectos, e transcorrido o prazo previsto na resolución sen que o concello adherido efectuase a súa achega, a Xunta de Galicia aplicará o procedemento previsto nos artigos 57 e 58 da Lei de orzamentos para o 2018 relativos ao procedemento de compensación e retención do Fondo de Cooperación Local.

3. A Administración xeral da Comunidade Autónoma destinará as achegas sinaladas no número primeiro para garantir a correcta xestión da biomasa forestal das parcelas de titularidade privada situadas nas faixas secundarias de xestión de biomasa, tanto daquelas cuxas persoas titulares formalicen o contrato de xestión de biomasa previsto no presente convenio, como daquelas en que se deban realizar actuacións de execución subsidiaria, sen prexuízo neste último caso da repercusión de custos ás persoas titulares, de acordo co procedemento legalmente establecido, e sen prexuízo tamén de que para a execución subsidiaria se utilicen prioritariamente as cantidades afectas ao Fondo de Xestión da Biomasa e Retirada de Especies previsto na Lei 3/2007.

4. Atendendo as necesidades de prevención e loita contra os incendios forestais, a Administración autonómica poderá reservar unha contía de ata 2.000.000 euros anuais da súa achega ao presente convenio para actuacións derivadas das exixencias establecidas no Plan de prevención de incendios forestais en vigor (Pladiga), execucións subsidiarias en faixas primarias, cumprimento de normativa de distancias ou reacción fronte a plantacións ilegais, así como para a implementación do resto do planeamento distinto dos plans municipais que establece a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

O disposto no parágrafo anterior requirirá que o nivel de execución orzamentaria das actuacións ordinarias obxecto deste convenio estea por debaixo do 60 % con data do 30 de xuño de cada ano de vixencia do convenio. Para tal fin, presentarase á comisión de seguimento o nivel da súa execución orzamentaria con esa data e, no caso de que non se superase a dita porcentaxe do 60 %, a Dirección Xeral de Defensa do Monte presentará unha proposta de actuacións das recollidas no parágrafo primeiro desta cláusula, que se deberán desenvolver no territorio dos concellos adheridos ao convenio. Nesta proposta priorizaranse as actuacións que redunden na protección dos núcleos de poboación ou de equipamentos municipais.

Logo da presentación da proposta de actuacións por parte da Dirección Xeral de Defensa do Monte, darase un prazo dun mes para a realización de consultas aos concellos adheridos ao convenio, sobre as actuacións máis urxentes nos ámbitos anteriormente expostos. Oídos os concellos, e logo da valoración técnica da Administración autonómica, presentarase á comisión de seguimento a relación de actuacións previstas con cargo á contía reservada, para a súa valoración e aprobación. Esta relación aprobarase, se for o cas, antes do 15 de agosto de cada ano de vixencia do convenio.

Excepcionalmente, no ano 2020 darase un prazo de sete días para a realización das consultas aos concellos, sen prexuízo de que se poidan incorporar á relación de actuacións aquelas das que a Administración autonómica xa tivese constancia previa. Rematado ese prazo, informarase das previsións de actuacións e do seu orzamento á comisión de seguimento, para a súa valoración e aprobación.

5. Con vixencia exclusiva para o exercicio 2020, destinarase unha cantidade de 1.000.000 euros da achega da Administración autonómica ao presente convenio, para atender as necesidades do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, derivadas da emerxencia sanitaria por mor do COVID-19.

6. Así mesmo, tamén con vixencia exclusiva para o exercicio 2020, destinarase unha cantidade adicional de 450.000,00 euros da achega da Administración autonómica ao presente convenio para incrementar o importe dos convenios subscritos coas diferentes entidades locais de Galicia para o funcionamento das brigadas municipais de prevención e extinción de incendios forestais e dos vehículos motobomba de defensa contra incendios forestais, coa finalidade de compensar as devanditas entidades locais polo incremento dos custos derivados das medidas preventivas referentes ao COVID-19. Os importes que se van incrementar serán os seguintes:

a) 500,00 € por cada vehículo motobomba nos casos en que a entidade local correspondente estea adherida ao presente convenio.

b) 400,00 € por cada vehículo motobomba nos casos en que a entidade local correspondente non estea adherida ao presente convenio.

c) 1.600,00 € por cada brigada nos casos en que a entidade local correspondente estea adherida ao presente convenio.

d) 1.400,00 € por cada brigada nos casos en que a entidade local correspondente non estea adherida ao presente convenio.

Segunda. Engádese unha letra f) ao número 3 da cláusula décima, relativa á comisión de seguimento, coa seguinte redacción:

f) Realizar as valoracións e aprobacións que se atribúen á comisión de seguimento no número 4 da cláusula quinta, que se modifica por medio desta addenda.

En todo o non modificado expresamente por esta addenda, seguirá sendo de aplicación o disposto no convenio.

En proba de conformidade, as partes asinan por triplicado exemplar, a presente addenda.

José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural; Alberto Varela Paz, Federación Galega de Municipios e Provincias; Pablo Arbones Maciñeira, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.