Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Xoves, 12 de novembro de 2020 Páx. 44896

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 3 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 7 de xuño 2018 pola que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e a formación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Durante a execución do programa de incentivos á contratación por conta allea de mulleres desempregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, sobreveu a crise ocasionada polo COVID-19.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

A nivel estatal, publicouse o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declaraba o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.

Así mesmo, en Galicia mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución do COVID-19 (DOG núm. 49-Bis, do 12 de marzo).

O Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro, recentemente modificado polo Regulamento (UE) 2020/460, do 30 de marzo, e polo Regulamento (UE) 2020/558, do 23 de abril, considera o brote do COVID-19 como causa de forza maior.

No caso particular do procedemento de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 54 da Real decreto Lei 11/2020, do 31 de maio, poderanse ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se for o caso, de xustificación e comprobación da dita execución aínda que non se previra nas correspondentes bases reguladoras, nos procedementos de subvencións, as ordes e resolucións de convocatoria e concesión de subvencións e axudas públicas previstas no artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que xa fosen outorgadas no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, neste sentido, o órgano competente deberá xustificar a imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante o estado de alarma ou a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación.

Con base na análise das características das empresas que recibiron a axuda na convocatoria da orde que se pretende modificar, analizando a probable imposibilidade de realizar a actividade durante o estado de alarma, poderíase deducir que a situación de forza maior que provocou o confinamento e o peche de actividades económicas non esenciais tivo un efecto moi negativo para a supervivencia do novo emprego creado.

Por isto, xustifícase a necesidade con base na forza maior orixinada pola crise do COVID-19 de modificar as bases reguladoras das axudas establecidas no programa a prol da contratación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo PO FSE Galicia 2014-2020, e a formación e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. En concreto, a evolución da crise provocada polo COVID-19 fai necesario reaxustar as obrigas de mantemento do emprego recollidas na orde de convocatoria de incentivos á contratación das mulleres desempregadas.

Por todo o exposto unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 7 de xuño 2018 pola que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo PO FSE Galicia 2014-2020, e a formación e se procede á súa convocatoria para o ano 2018

A Orde do 3 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 7 de xuño 2018 pola que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo PO FSE Galicia 2014-2020, e a formación e se procede a súa convocatoria para o ano 2018, queda modificada nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 28 que terá a seguinte redacción:

1. Manter no seu cadro de persoal fixo as persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 2 anos contado desde a data de realización da contratación.

O mantemento no cadro de persoal fixo durante un período de dous anos só será exixible ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo).

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual á anterior, e a persoa traballadora deberá pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Esta substitución deberá realizarse ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

2. Manter durante 2 anos ou ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo), o número de persoas traballadoras fixas do cadro de persoal no mes de realización da contratación indefinida inicial, que se contarán desde o mes de realización da contratación.

3. Unha vez finalizado o período dos dous anos do cumprimento destas obrigas ou ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo), corresponderá á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa. Para iso, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes á entrada en vigor desta orde de modificación, unha declaración da media do persoal traballador fixo no conxunto dos centros de traballo en Galicia e as nóminas das persoas traballadoras subvencionadas correspondentes ás mensualidades en que a persoa traballadora estea obrigada a permanecer en situación de alta na empresa. A estas declaracións xuntaranse o informe de vida laboral dun código conta de cotización expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

4. No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballadora a que se refire o parágrafo 1 anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que percibiu a subvención ou as persoas substitutas, os indicadores de resultado inmediato a que se refiren o anexo I do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

A Administración actuante poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice este mantemento, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade