Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 30 de outubro de 2020 Páx. 43414

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela

EDICTO (DSP 63/2020).

Eu, Marina Pilar García de Evan, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de despedimento/cesamentos en xeral 63/2020 deste xulgado do social, seguido por instancia de Jacobo Fernández Piñeiro contra Servicios de Seguridade Integral e Mantemento A-1, S.L., sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

«Que estimando a demanda presentada por instancias de Jacobo Fernández Piñeiro contra a entidade Servicios de Seguridade Integral Mantemento A-1, S.L., o seu administrador concursal Sr. Caicoya Cecchini e Fogasa, sobre despedimento, declaro a improcedencia do despedimento e, en consecuencia, condeno a mercantil demandada a que readmita inmediatamente ao traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, con aboamento, se é o caso, dos salarios de tramitación a razón de 47,54 €/día desde o día do despedimento ata a data de notificación da sentenza ou ben, a elección da empregadora, á extinción da relación laboral con aboamento da cantidade de 1.830,38 euros en concepto de indemnización.

A opción referida entre a readmisión e a indemnización deberase exercer en cinco (5)días a partir da notificación desta sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o dito termo sen que o empresario optase, entenderase que procede a readmisión.

Debo condenar e condeno o Sr. Caicoya Cecchini na súa única condición de administrador concursal da entidade demandada.

Debo absolver e absolvo o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíquese ás partes a presente resolución.

Modo de impugnación. Advírtense as partes que contra a presente resolución poderán interpoñer recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia, ou mediante escrito presentado na oficina xudicial dentro dos cinco (5) días seguintes ao da notificación desta sentenza, ou por simple manifestación no momento en que se lle practique a notificación. Advírtase igualmente o recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habente-causa seu, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros na conta aberta en Banesto a nome desta oficina xudicial co núm. 1596, clave 65, e indicar no campo concepto “recurso” seguido do código “34 Social Suplicación”, acreditando mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso, así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, deberá consignar na conta de depósitos e consignacións aberta a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario a primeiro requirimento indefinido pola dita cantidade en que se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, e incorporalos a esta oficina xudicial co anuncio de recurso. En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso, no momento de anuncialo.

A anterior resolución entregaráselle á letrada da Administración de xustiza para a súa custodia e incorporación ao libro de sentenzas. Insírase nas actuacións por medio de testemuño.

Por esta miña sentenza, xulgando definitivamente na primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E para que sirva de notificación en legal forma a Servicios de Seguridade Integral Mantemento A-1, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no boletín oficial correspondente.

Advírtese o destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2020

A letrada da Administración de xustiza