Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 28 de outubro de 2020 Páx. 42905

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 4 da Coruña

EDICTO (SSS 923/2017-MA).

Eu, Rosana Corral García, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número catro da Coruña, dou fe e certifico que neste xulgado se seguen autos número 923/2017, por instancia de Domingo Ferreira Fernández, contra INSS e outros, sobre SSS, en que se ditou auto de aclaración con data 11.9.2020 que, copiado nos particulares necesarios, di así:

Parte dispositiva

Dispoño:

É procedente a aclaración da sentenza do 24 de xaneiro de 2019; por tanto, modifíquese o suplico da demanda, o cal quedará do teor literal seguinte:

«Fundamento de dereito terceiro: o fundamento da responsabilidade por infracotización atribuído pola demandante ás empresas codemandadas radica no artigo 167.2 da LXSS (antigo 126.2), que dispón: “O incumprimento das obrigas en materia de afiliación, altas e baixas e de cotización determinará a exixencia de responsabilidade, en canto ao pagamento das prestacións, logo da fixación dos supostos de imputación e do seu alcance e a regulación do procedemento para facela efectiva».

_

Interpretando tal precepto, a xurisprudencia estableceu: «A regra xeral que se desprende dos mencionados preceptos é a da responsabilidade directa do empresario que incumprise as súas obrigas coa Seguridade Social, entre elas as de cotización, sen prexuízo do anticipo por parte da entidade xestora correspondente. Ante a falta de desenvolvemento regulamentario dos artigos 126 e 127 da LXSS, a xurisprudencia entendeu vixentes os artigos 94, 95 e 96 da Lei da Seguridade Social de 1966, integrados pola interpretación que a devandita xurisprudencia realizou de tales preceptos. E así como para o caso de falta de ingreso das cotizacións (artigo 94.2.b), o número 4 do seguinte artigo 95 dispón que “poderá moderarse regulamentariamente o alcance da responsabilidade empresarial cando o empresario ingrese as cotas correspondentes á totalidade dos seus traballadores”, nada se especifica para o suposto de que se cotice por unha base inferior á que corresponda (infracotización), salvo o disposto no artigo 94.2.c), que determina o alcance da responsabilidade empresarial neste suposto no aboamento ao seu cargo “da diferenza entre a contía total da prestación causada polo traballador e a que lle corresponde asumir á Seguridade Social polas cotas efectivamente ingresadas”. Por iso, a doutrina desta sala foi fixando os supostos en que procede temperar a responsabilidade empresarial; distinguiu segundo se trate de prestacións derivadas de accidente laboral ou de enfermidade común, e en función da repercusión do incumprimento empresarial sobre os requisitos de acceso á protección e sinalou que esa moderación da responsabilidade para cando a infracción de cotización resulta esporádica, non grave nin reiterada, se aplica aos supostos de descubertos na cotización, pero non, salvo casos excepcionais, aos supostos concretos de infracotización á Seguridade Social (véxase a nosa sentenza do 16 de xuño de 2005, Recurso nº 3332/03). Esta conclusión ten a súa lóxica, posto que a moderación da responsabilidade en caso de infracotización vai inscrita na determinación do seu alcance a cargo do empresario, que abrangue soamente a diferenza entre a contía total da prestación causada e a que corresponde á Seguridade Social en virtude das cotas efectivamente ingresadas”. (STS do 26 de novembro de 2012, Recurso 3641/2011).

_

Agora ben, a proba da efectiva infracotización corresponde á parte que a alega, neste caso á demandante, proba que resulta da comparación entre os importes percibidos a través das nóminas achegadas e as bases polas que efectivamente cotizaron as empresas codemandadas, tal e como resulta do feito probado terceiro e que resulta da propia documental achegada, así como da ficta confessio, ao que se engade, en primeiro lugar, a condena a unha das empresa demandadas por un suposto de infracotización en período de IT sufrido polo traballador, así como as actas de infracción expedidas polo ITSS en relación, tamén, con algunha das demandadas, todo o cal debe levarnos a concluír, sen ningunha dúbida, que existe tal infracotización, e dela deberán responder as empresas codemandadas, con obriga de anticipo da entidade xestora.

Polo que se refire á contía da base reguladora, débese partir dos cálculos efectuados pola entidade xestora e que foron expresamente admitidos pola parte demandante, atendendo aos distintos períodos de cotización, e fixados na cantidade de 2.074,71 euros mensuais».

Notifíquese ás partes, facéndolles saber que, en aplicación do mandato contido no artigo 53.2 da LXS, no primeiro escrito ou comparecencia ante o órgano xudicial, as partes ou interesados e, de ser o caso, os profesionais designados sinalarán un domicilio e datos completos para a práctica de actos de comunicación. O domicilio e os datos de localización facilitados con tal fin producirán plenos efectos e as notificacións neles intentadas sen efecto serán válidas mentres non sexan facilitados outros datos alternativos, e será carga procesual das partes e dos seus representantes mantelos actualizados.

Contra este auto non cabe interpoñer recurso, sen prexuízo dos recursos que se poidan interpoñer fronte á resolución aclarada.

E para que conste, para os efectos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia co fin de que sirva de notificación en forma ás empresas Oyalves, S.L, Heroya, S.A. e Grupo Oya Pérez, S.L., expido e asino este auto.

A Coruña, 15 de setembro de 2020

A letrada da Administración de xustiza