Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39844

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Monforte de Lemos

EDICTO (DCT 303/2019).

Divorcio contencioso 303/2019

Sobre divorcio contencioso

Demandante: Itamar Salazar Rodríguez

Procuradora: María Dolores Franco García

Avogado: Pablo Vigo López

Demandado: José Enrique Colina Montiel

Sentenza:

Monforte de Lemos, doce de maio de dous mil vinte.

Vistos por min, César Antonio Saco Figueiras, xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Monforte de Lemos e o seu partido xudicial, os presentes autos de divorcio contencioso número 303/2019, promovidos por Itamar Salazar Rodríguez, representada pola procuradora Sra. Franco García e asistida polo letrado Sr. Vigo López, contra José Enrique Colina Montiel, en situación de rebeldía procesual, a cal pola súa vez presentou demanda reconvencional.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A procuradora da parte demandante interpuxo no seu día demanda de divorcio, en que tras alegar os feitos e fundamentos de dereito oportunos e que se dan por reproducidos remata suplicando que se dite sentenza decretando o divorcio con todos os seus efectos e demais pedimentos que se conteñen no suplico desta.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, deuse traslado desta á demandada, a cal se mantivo en situación de rebeldía procesual, contestou o Ministerio Fiscal, citáronse as partes á vista celebrada o día da data, compareceron a demandante e o Ministerio Público, despois de propoñerse e practicarse proba co resultado que figura nos autos.

Terceiro. Na tramitación do presente procedemento observáronse as formalidades legais previstas no artigo 769 e seguintes da LAC.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Ben que a rebeldía do demandado non implica conformidade nin recoñecemento tácito das pretensións exercidas pola parte demandante, recaendo igualmente sobre esta a carga de probar os feitos constitutivos da súa pretensión, o certo é que a devandita rebeldía vai acompañada dunha lóxica redución da actividade probatoria que despregue o demandante e unha menor rigorosidade na valoración da proba achegada por este, evitando así que no caso contrario a rebeldía voluntaria se converta nunha cómoda defensa para o demandado.

Segundo. Conforme o artigo 85 do Código civil, o matrimonio disólvese, sexa cal for a forma e o tempo da súa celebración, pola morte ou a declaración de falecemento dun dos cónxuxes e polo divorcio.

Pola súa vez, o artigo 86 establece que «se decretará xudicialmente o divorcio, calquera que sexa a forma de celebración do matrimonio, por petición dun só dos cónxuxes, de ambos os dous ou dun co consentimento do outro, cando concorran os requisitos e circunstancias exixidos no artigo 81». Pola súa vez, este artigo dispón «Decretarase xudicialmente a separación, cando existan fillos menores non emancipados ou coa capacidade modificada xudicialmente que dependan dos seus proxenitores, calquera que sexa a forma de celebración do matrimonio: 1º. Por petición de ambos os cónxuxes ou dun co consentimento do outro, unha vez transcorridos tres meses desde a celebración do matrimonio. Á demanda xuntarase unha proposta de convenio regulador redactada conforme o artigo 90 deste código. 2º. Por petición dun só dos cónxuxes, unha vez transcorridos tres meses desde a celebración do matrimonio. Non será preciso o transcurso deste prazo para a interposición da demanda cando se acredite a existencia dun risco para a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou liberdade e indemnidade sexual do cónxuxe demandante ou dos fillos de ambos os dous ou de calquera dos membros do matrimonio. Á demanda achegarase proposta fundada das medidas que deban regular os efectos derivados da separación«.

Á vista das alegacións contidas no escrito de demanda, e ante a non oposición formulada pola contraparte no que ao divorcio se refire, procede, tendo en conta que os cónxuxes casaron no ano 2005, celebrado o 15 de decembro, en San Felipe, Yacuray (Venezuela), despois de, polo tanto, transcorreren máis de tres meses desde a súa celebración, decretar o divorcio de ambos os cónxuxes cos efectos legais inherentes a tal pronunciamento; isto é, a disolución do matrimonio e do réxime económico matrimonial.

Terceiro. No caso proposto e centrándonos nas medidas interesadas pola demandante, unicamente contamos como proba a documental que figura nos autos. A demandante sinala que leva varios anos separada de feito do demandado, sen que se teña noticia deste, non vendo o seu fillo nin pagándolle cantidade ningunha en concepto de alimentos.

Logo, tendo en conta que o demandado, fronte a tales afirmacións, nada alega nin opón, e á vista do interese superior do menor que debe prevalecer á hora de regular as medidas civís derivadas dun divorcio, cabe concluír que procede acordar que a garda e custodia do menor Samuel José Colina Salazar se atribúa á nai.

Respecto da pensión de alimentos, a cantidade proposta pola demandante e polo Ministerio Fiscal (250 euros para o menor) é adecuada tendo en conta a idade do menor (9 anos) e das necesidades que lle son propias e da capacidade económica con que conta a demandante, a cal ten que facer fronte a un alugamento e gaña uns 900 euros mensuais.

Polo que se refire ao réxime de visitas, ante a falta de interese que mostra o demandado ao respecto, a demandada propón un réxime de visitas consistente en que o pai poderá ter na súa compañía a Samuel todos os sábados desde as 10 horas ata as 21 horas, debendo recoller o pai o menor no domicilio materno e devolvelo no mesmo lugar.

Os gastos extraordinarios serano ao 50 % entre ambos os dous proxenitores.

Cuarto. De conformidade co artigo 755 da LAC, firme que sexa esta resolución notifíquese de oficio ao rexistro civil correspondente co fin de efectuar as oportunas inscricións.

Quinto. Non é procedente facer pronunciamento en canto ás custas ao non existir ningún vencido neste xuízo, dada a súa natureza.

Vistos os preceptos legais citados e demais xenerais de pertinente aplicación,

Resolución:

Admitindo integramente a demanda interposta por Itamar Gaddiela Salazar Rodríguez contra José Enrique Colina Montiel, debo declarar e declaro disolto por causa de divorcio o matrimonio dos litigantes, celebrado o 15 de decembro de 2005 en San Felipe, Yacuray (Venezuela), con todas as medidas legais inherentes a tal declaración.

Acórdase a disolución do réxime económico matrimonial a partir da firmeza desta resolución.

Así mesmo, establécense as medidas indicadas no fundamento xurídico terceiro da presente resolución.

Firme a resolución, líbrese testemuño ao Rexistro Civil.

Non se fai imposición de custas a ningunha das partes.

Modo de impugnación: recurso de apelación, que se interpoñerá ante o tribunal que ditase a resolución que se impugne dentro do prazo de vinte días contados desde o día seguinte ao da notificación daquela.

O devandito recurso carecerá de efectos suspensivos, sen que en ningún caso proceda actuar en sentido contrario ao resolto (artigo 456.2 LAC).

Conforme a disposición adicional décimo quinta da LOPX, para a admisión do recurso deberase acreditar ter constituído, na conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, comunidade autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.

O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade no Santander na conta deste expediente, 2308, e sinalar no campo «concepto» a indicación «recurso» seguida do código «02 civil-apelación». Se o ingreso se fai mediante transferencia bancaria deberá incluír, tras a conta referida, separada por un espazo a indicación «recurso» seguida do código «02 civil-apelación».

No caso de que deba realizar outros pagamentos na mesma conta, deberá verificar un ingreso por cada concepto, mesmo se obedecen a outros recursos da mesma ou distinta clase, e indicar, neste caso, no campo observacións a data da resolución impugnada co formato dd/mm/aaaa.

Así, por esta miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. Lida e publicada foi a anterior sentenza polo xuíz que a ditou, estando celebrando audiencia pública no mesmo día do seu pronunciamento. Dou fe.