Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 8 de outubro de 2020 Páx. 39300

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Resolución do 1 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Punago, sito nos concellos de Castroverde e Baralla (Lugo) e promovido por Acciona Energía, S.A.U. (expediente LU 11/142 EOL).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 1 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Punago.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións do parque eólico Serra do Punago, sito nos concellos de Castroverde e Baralla (Lugo), e promovido por Acciona Energía, S.A.U., cunha potencia de 23,21 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Acciona Energía, S.A.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 191.520 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia e, así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a dita xefatura territorial certificado do fabricante en que conste a limitación de potencia das máquinas, que garanta que a potencia evacuada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Acciona Energía, S.A.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Serra do Punago (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 24 MW e promovido por Acciona Energía, S.A. (en diante, a promotora).

2. O 27.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de impacto ambiental, a declaración de utilidade pública, en concreto, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

3. O 13.7.2011, a empresa promotora solicitou a modificación do proxecto, consistente no desprazamento de varios aeroxeradores con respecto ás súas posicións orixinais e o cambio no modelo de aeroxerador que se implantará.

4. Pola Resolución do 2 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizáronse as modificacións do proxecto do parque eólico Serra do Punago, promovido por Acciona Energía, S.A.U., por non influír no resultado do concurso, segundo a Resolución do 20 de decembro de 2010.

5. O 29.5.2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial) emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas descritas no modificado ao proxecto de execución do parque eólico.

6. Pola Resolución do 15 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública para autorización administrativa, aprobación do modificado ao proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico Serra do Punago.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 27.8.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 27.8.2012 e no xornal El Progreso do 27.8.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Castroverde e Baralla, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de información pública presentáronse alegacións polos seguintes motivos:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos para os efectos de notificacións, etc.

– Solicitudes de modificación do trazado dalgún vieiro de acceso e da liña eléctrica de evacuación.

– Oposición á declaración de utilidade pública polos prexuízos ás vivendas da proximidade.

– Oposición ás servidumes afectadas, por limitar e modificar os usos dos predios, e a diminución das perspectivas económicas destas.

– Sobre o grande impacto ambiental que supón a corta do arboredo existente.

– Proximidade do proxecto e posibles afeccións á vía romana XIX.

– Sobre a denominación do proxecto e o auténtico topónimo, Puñago, que dá nome á serra que se estende cara ao sur.

– Inviabilidade do aproveitamento de parte do monte veciñal polo perigo físico dos comuneiros e dos seus bens.

– Impactos visual e acústico, contaminación electromagnética, contaminación de acuíferos, efectos sobre o medio natural (faunísticos, mortaldade en aves e especies cinexéticas), e degradación do medio natural e a súa condición de zona paisaxística, producidos polas instalacións do parque eólico.

– A recualificación como solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas impide o seu aproveitamento forestal.

– Impactos sobre superficies dedicadas a pasteiro e o efecto económico adverso ao diminuír a produción forraxeira.

– A paralización do proceso de declaración de utilidade pública, mentres o promotor non acredite a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados, así como a afección destes.

– Que se consideren como afeccións aos bens e limitacións á propiedade as afeccións ata 200 m do perímetro do aeroxerador, e que se considere como demérito por impacto visual, contaminación electromagnética e sónica ata os 1.000 m.

– Que se materialice sobre o terreo mediante estacas todo o territorio afectado.

– Que o marco regulador eólico dificulta a obtención de rendas para os propietarios de terreos eólicos.

– Non existe xustificación da necesidade do inicio dun proceso de utilidade pública.

– Falta de transparencia por parte da Administración competente para o coñecemento do proxecto por parte das persoas afectadas.

– Que se poña en marcha para este e todos os parques eólicos o proceso de aceptación social do proxecto.

– Que non se autorice a afección de aeroxeradores e vieiros sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000, e sobre as zonas núcleo e tampón da Reserva da Biosfera Terras do Miño, por non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade.

– Adopción de medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva Aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas.

– Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

– Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos vieiros de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións dos hábitats na contorna do parque eólico.

7. Durante o procedemento tramitouse a obtención dos condicionados técnicos dos seguintes organismos e empresas de servizo público: Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A. e Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza, e de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Secretaría Xeral para o Turismo, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo.

O 25.11.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a Declaración de Impacto Ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 12 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 97, do 26 de maio).

9. O 29.1.2015, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que facía referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

10. O 27.11.2017, Acciona Energía, S.A.U. solicitou a tramitación do proxecto do parque eólico conforme a disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

11. O 3.11.2018, a promotora presentou escrito en que solicita a autorización administrativa previa e de construción para o proxecto do parque eólico Serra do Punago, cunha potencia limitada a 23,21 MW.

12. O 6.11.2018, Acciona Energía, S.A.U. solicitou ante o órgano ambiental a prórroga da vixencia da Declaración de Impacto Ambiental formulada o 25.11.2014. Por Resolución do 6 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, concédese a prórroga da Declaración de Impacto Ambiental para o proxecto parque eólico Serra do Punago.

13. O 18.3.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe a que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

14. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 23,21 MW, segundo o informe do xestor de rede.

15. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas