Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 5 de outubro de 2020 Páx. 38390

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2020 pola que se ordena a publicación do Acordo do 24 de setembro de 2020, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

En cumprimento do Acordo do 24 de setembro de 2020, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo do 24 de setembro de 2020, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas

O artigo 17 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, dispón que o persoal que preste servizos no Consello de Contas se rexerá pola lexislación reguladora do emprego público de Galicia, sen prexuízo das normas específicas que lle sexan aplicables.

Así mesmo, o artigo 71 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas, publicado pola Resolución do 27 de febreiro de 2017, do presidente do Parlamento de Galicia, sinala que o persoal ao servizo do Consello de Contas estará constituído polas profesionais e os profesionais deste órgano que perciban as súas retribucións con cargo ás dotacións recollidas no seu orzamento, gozando a Institución das mesmas competencias que posúa en cada momento a Administración xeral da comunidade autónoma, que exercerá de forma autónoma a través dos seus propios órganos.

Tendo en conta a autonomía do Consello de Contas en materia de persoal, o Pleno adopta estas normas reguladoras en virtude do mandato legal contido na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galicia, introducida polo artigo 8 da Lei 7/2019, do 23 decembro, de medidas fiscais e administrativas, que habilita legalmente o Consello de Contas para regular, con plena autonomía organizativa, o réxime transitorio de implantación para o recoñecemento, de forma extraordinaria e por unha soa vez, da progresión na carreira administrativa para o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas que lle permita progresar de maneira voluntaria e individualizada e que promova a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional.

De conformidade co punto cuarto da citada disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, o Pleno deberá adoptar as normas necesarias para a aplicación do réxime transitorio, incluídos, entre outros aspectos, o procedemento e os requisitos para a implantación do acceso extraordinario ao devandito sistema e para o cobramento da retribución adicional.

A aspiración e previsión da existencia dunha carreira profesional horizontal está prevista no artigo 17 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro. A adaptación para o persoal das administracións públicas galegas incluídas dentro do seu ámbito de aplicación recóllese na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que regula nos seus artigos 75 e seguintes a promoción profesional e a avaliación por desempeño e recolle o complemento de desempeño que, segundo o artigo 137, é o que retribúe o grao de interese, iniciativa e esforzo con que o persoal funcionario desenvolve o seu traballo e o rendemento ou os resultados obtidos.

Así mesmo, outros órganos previstos no Estatuto de autonomía de Galicia teñen establecido o seu propio sistema de carreira profesional, como o Parlamento de Galicia (Acordos da Mesa do Parlamento de Galicia, do 17 de decembro de 2018, polo que se aproba o acordo da Mesa de Negociación da Administración do Parlamento de Galicia subscrito os días 27 de novembro e 14 de decembro de 2018 sobre a carreira profesional, e do 17 de decembro de 2019, polo que se aproban as normas básicas reguladoras da carreira profesional do persoal ao servizo de Administración do Parlamento de Galicia) e o Valedor do Pobo (Resolución do 27 de decembro de 2018, da Valedora do Pobo, pola que se aproban as normas básicas reguladoras da carreira profesional do persoal ao servizo da institución do Valedor do Pobo), e mesmo outras institucións creadas ao abeiro do artigo 39 do Estatuto de autonomía, como o Consello Consultivo de Galicia.

Porén, no momento actual, no eido da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia non está regulado o sistema ordinario de carreira profesional establecido no artigo 77 da Lei 2/2015, do 29 de abril, senón a implantación dun réxime transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, de conformidade co previsto na disposición transitoria oitava da dita lei, e que culminou co Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado pola Orde da Consellería de Facenda do 28 de marzo de 2019. O dereito de recoñecemento ao empregado/a público/a da Administración xeral da comunidade autónoma deste sistema extraordinario e transitorio de carreira profesional comporta o cobramento dunha retribución adicional segundo o grupo ou subgrupo profesional de pertenza, e trátase dun complemento retributivo distinto do complemento de destino.

No parágrafo cuarto da citada disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establécese que o complemento retributivo adicional se percibirá, en todo caso, na situación de servizo activo no correspondente corpo ou escala ou durante o desempeño de postos ou cargos no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou nos órganos estatutarios da comunidade autónoma relacionados na disposición adicional primeira, letra a), da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Tamén percibirán este complemento os liberados sindicais.

No ámbito delimitado no parágrafo anterior –o parágrafo cuarto do punto 4– inclúense os órganos estatutarios da comunidade autónoma relacionados na disposición adicional primeira, letra a), da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. E, na disposición derradeira primeira da Lei 2/2015 relaciónase o Consello de Contas de Galicia entre os órganos estatutarios.

Polo tanto, segundo o citado parágrafo cuarto, o persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Xunta de Galicia que se atope na situación de servizo noutras administracións públicas ou en servizos especiais no Consello de Contas de Galicia, ten dereito a cobrar, dentro das retribucións do cargo que desempeñe, unha contía equivalente á correspondente á retribución adicional do complemento de carreira na Administración xeral da Xunta de Galicia.

Segundo o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT do 27 de marzo de 2019, xa citado, o procedemento para a implantación do réxime extraordinario previsto para os empregados/as públicos/as da Xunta de Galicia terá efectos económicos do 1 de xaneiro de 2019 para as solicitudes estimadas de recoñecemento, que percibiron efectivamente nas súas retribucións a cantidade correspondente ao grao I durante 2019 (o 33 % para os subgrupos A1 e A2 e o 50 % para os subgrupos B, C1 e C2) e no que vai de 2020, as cantidades acordadas para este ano (o 66 % para os subgrupos A1 e A2 e o 100 % para os subgrupos B, C1 e C2).

Na disposición transitoria primeira do Estatuto básico do empregado público indícase que o desenvolvemento do estatuto non poderá comportar para o persoal incluído no seu ámbito de aplicación a diminución da contía dos dereitos económicos e outros complementos retributivos inherentes ao sistema de carreira vixente para eles no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a situación administrativa en que se atopen. Ademais, engádese que se o persoal incluído no ámbito de aplicación do estatuto non se atopa na situación de servizo activo, recoñeceránselle os dereitos económicos e complementos retributivos a partir do momento en que se produza o seu reingreso ao servizo activo.

Deste xeito por todos os argumentos esgrimidos nesta parte expositiva, o Pleno do Consello de Contas considera que os/as funcionarios/as de carreira da Administración xeral da Xunta de Galicia que presten servizos no Consello de Contas, e teñan recoñecido para efectos administrativos polo órgano directivo competente en materia de función pública, o dereito ao encadramento no réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional, teñen un título xurídico declarativo para que o Consello de Contas lles retribúa a contía correspondente a un complemento salarial adicional equivalente ao réxime extraordinario da carreira profesional. O artigo quinto destas normas regula o procedemento para que o Consello recoñeza o dereito retributivo á percepción da contía equivalente que ten o persoal funcionario/a da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que preste servizos no Consello e que ten recoñecido o dereito de acceso extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional, así como os seus efectos económicos.

Nesta situación, cómpre poñer de manifesto que no Consello de Contas tamén presta servizos persoal funcionario de carreira cuxa Administración de orixe é distinta da Administración xeral da Xunta de Galicia, e todos os/as empregados/as públicos/as teñen a condición de persoal funcionario ao servizo do Consello de Contas ao abeiro do disposto no artigo 71 do seu Regulamento de réxime interior. En prol de lograr homoxeneizar o réxime xurídico para todo o persoal que presta servizos no Consello de Contas e garantir o principio de igualdade de trato, o artigo 8 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engadiu a disposición transitoria cuarta na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que é o título legal habilitante para regular o réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira profesional para todo o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas e permitirlle progresar de maneira voluntaria e individualizada, así como promover a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional, con independencia da súa Administración de orixe.

Estas normas teñen por obxecto regular o procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa para todo o persoal que preste servizos no Consello de Contas.

Este acordo divídese en dúas seccións e consta de once artigos e dunha disposición derradeira.

A sección primeira, baixo a rúbrica de disposicións xerais, consta de sete artigos, e regula o obxecto, o ámbito subxectivo de aplicación, o período de permanencia nas situacións administrativas en que se pode acceder ao recoñecemento ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello e as exclusións, a retribución adicional do complemento salarial equivalente, o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, os requisitos xerais para o acceso ao encadramento no sistema transitorio e extraordinario de carreira administrativa e os criterios xerais de avaliación que se deben cumprir, así como a súa forma de acreditación.

A sección segunda regula o procedemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas e de recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas.

As solicitudes estimadas terán efectos económicos do 1 de xaneiro de 2020, agás para o persoal funcionario/a de carreira da Administración xeral da Xunta de Galicia, cuxos efectos económicos se regulan no artigo noveno. Finalmente, regúlase nesta sección a percepción dunha retribución adicional equivalente de carreira administrativa, complementaria ao complemento de destino, conforme o grupo ou subgrupo profesional de pertenza na Administración de orixe, de acordo co que se dispoña para cada exercicio orzamentario na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, segundo o cadro de clasificación por grupos e subgrupos, anualidades e contías que se inclúen como anexo I do presente acordo.

A disposición derradeira regula a entrada en vigor do presente acordo.

Por todo o anterior, en virtude do establecido nos artigos 3 e 17.1 da Lei do Consello de Contas, así como na súa disposición transitoria cuarta, e na disposición derradeira primeira do seu Regulamento de réxime interior, e logo da preceptiva negociación colectiva cos representantes dos traballadores, o Pleno do Consello de Contas adopta o seguinte acordo:

Acordo do Pleno, do 17 de setembro de 2020, polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

Sección primeira. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Este acordo ten por obxecto regular o procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa para o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas, así como o procedemento para o exercicio da opción prevista na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, para os/as funcionarios/as da Administración xeral da Xunta de Galicia.

2. Así mesmo, regúlanse os requisitos para ter dereito ao cobramento dunha retribución adicional derivada do acceso ao dito réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa conforme o grupo ou subgrupo profesional de pertenza na Administración de orixe, e que será distinta do complemento de destino. O recoñecemento do réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa consolidarase, para todos os efectos, no sistema ordinario de carreira profesional cando se implante.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

O réxime transitorio e extraordinario de acceso á carreira administrativa será de aplicación ao persoal funcionario de carreira e interino que preste servizos no Consello de Contas e aos membros do Pleno e aos altos cargos que teñan a condición de funcionarios/as ao servizo do Consello de Contas en situación de servizos especiais ao tempo da entrada en vigor deste acordo e mentres perciban as súas retribucións con cargo aos orzamentos do Consello de Contas.

Non será de aplicación ao persoal eventual que non teña a condición de funcionario aínda que preste os seus servizos no Consello de Contas.

Así mesmo, será de aplicación ao persoal que perciba as súas retribucións con cargo aos orzamentos do Consello de Contas e que estea na Institución en situación de comisión de servizos.

Artigo 3. Período de permanencia nas situacións administrativas en que se pode acceder ao recoñecemento ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello e exclusións

1. De acordo co disposto no artigo anterior, será requisito para o recoñecemento do réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa completar o período de permanencia establecido e, para estes efectos, será computado o tempo transcorrido nalgunha das seguintes situacións administrativas no Consello de Contas:

a) Servizo activo.

b) Servizos especiais.

c) Excedencia voluntaria por razón de violencia de xénero.

d) Excedencia voluntaria por coidado de fillos/as e familiares.

Non se poderá acceder ao recoñecemento do réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa na situación de suspensión de funcións declarada como consecuencia da tramitación dun procedemento xudicial ou expediente disciplinario.

2. A aquelas persoas que se atopen na situación administrativa de servizos especiais con destino en administracións distintas do Consello de Contas ou nas situacións administrativas recollidas nas letras c) e d) do punto anterior seralles recoñecido o tempo que permanezan nas ditas situacións para os efectos do recoñecemento, con solicitude previa da persoa interesada. Os efectos económicos que derivan do dito recoñecemento comezarán a devindicarse desde a súa incorporación ao servizo activo no Consello de Contas e sempre que se cumpran os requisitos exixidos neste acordo.

Artigo 4. Retribución do réxime transitorio e extraordinario do sistema de carreira administrativa

O persoal funcionario/a que preste servizos no Consello de Contas de Galicia e quede encadrado no réxime transitorio regulado nestas normas percibirá, de acordo co que se dispoña para cada exercicio orzamentario na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma, unha retribución adicional ao complemento de destino conforme o grupo ou subgrupo profesional de pertenza na Administración de orixe en que preste servizos no Consello de Contas, que remunere a progresión profesional alcanzada.

Artigo 5. Recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

1. O persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que teña recoñecido polo órgano directivo competente o acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional poderá optar por solicitar o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do seu acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional antes mencionado. O persoal ao cal se lle recoñeza este dereito será retribuído co complemento adicional con efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2019.

2. O persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que non obtivese do órgano directivo competente o recoñecemento do dereito extraordinario do complemento de carreira administrativa do grao I poderá acollerse ao procedemento de acceso do réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas regulado no artigo oitavo, que suporá o exercicio do dereito de opción polo devandito réxime.

Artigo 6. Requisitos xerais para acceder ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas

Para acceder ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas deberanse cumprir os seguintes requisitos básicos:

a) Estar incluído no ámbito de aplicación establecido no artigo segundo.

b) Presentar a solicitude de acceso ao recoñecemento do sistema transitorio e extraordinario, ou a solicitude de recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional xa recoñecido ao persoal funcionario da Administración xeral da Xunta de Galicia

c) Ter a condición de persoal do Consello de Contas no momento da entrada en vigor do artigo 8 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e acreditar cinco (5) anos de servizos efectivos como funcionario de carreira ou interino nas diferentes administracións públicas tomando como data de cómputo o 1 de xaneiro de 2020.

d) Superar a correspondente avaliación.

Artigo 7. Criterios xerais de avaliación e acreditación destes

1. Para o acceso ao réxime extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas establécense os seguintes criterios de avaliación (para a súa acreditación exixirase orixinal ou copia compulsada), dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:

a) Formación.

– Recibida: asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos directamente polo Consello de Contas de Galicia, pola Escola Galega de Administración Pública, a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Academia Galega de Seguridade Pública, as escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap) e cursos impartidos por algunha consellería da Xunta de Galicia. A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas. Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos superiores de linguaxe administrativa galega e o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas homologados polo órgano competente en materia de política lingüística.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.

Este criterio acreditarase mediante certificado de asistencia ao curso, no cal deberá constar o organismo ou entidade que o convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados.

Noutro suposto, deberá achegarse certificación asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa coas datas de realización, o contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados.

– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os cursos anteditos: 10 horas.

Esta formación acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.

Este criterio acreditarase mediante o título expedido polo ministerio competente en materia de educación ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia do mérito invocado pola persoa solicitante. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que a persoa solicitante realizou todos os cursos de doutoramento.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro achegarase, xunto coa copia compulsada do título, unha tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo ministerio do Goberno español competente en materia de educación.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública.

Este criterio será obxecto de acreditación mediante certificación expedida pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivo de publicacións. Na certificación deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación.

No caso de publicacións de libros/capítulos de libro editados en papel, deberán achegarse as follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o autor, a editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, o lugar e o ano de publicación e o índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

No caso de publicacións de libros/capítulos de libro editados en formato electrónico deberá achegarse certificación da editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivo de publicacións, na cal se fará constar a autoría do capítulo e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

d) Dous anos de funcións en postos de nivel 30, 28, 26 e 25 no Consello de Contas: este criterio acreditarase mediante certificación dos servizos prestados en que conste a data de inicio e de fin da prestación dos servizos.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

O tempo de permanencia de dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares acreditarase mediante certificación en que conste a data de inicio e a data final desta situación.

O tempo de permanencia de dous anos nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores, acreditarase mediante certificación expedida polo órgano, organismo ou organización en que conste o período de duración e as funcións desenvolvidas.

f) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos. Este criterio acreditarase mediante certificación expedida polo órgano convócante do correspondente proceso de selección ou provisión.

2. O acceso ao sistema extraordinario adquírese no grupo a que se pertence no Consello de Contas desde o día en que se aprobe este acordo. Polo tanto, o tempo de servizos prestados con anterioridade a esa data, sexa cal for o grupo de pertenza do/da empregado/a, computarase para os efectos de adquirir o grao no grupo a que efectivamente se pertence o día da aprobación deste acordo.

Sección segunda. Procedemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas e de recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas

Artigo 8. Procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas

1. O procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas iniciarase mediante a solicitude presentada pola empregada ou empregado ante o conselleiro maior no prazo de quince (15) días hábiles contado desde a entrada en vigor deste acordo, segundo o modelo normalizado do anexo II, que se poñerá á disposición na intranet da institución.

Co modelo de solicitude achegarase a documentación que acredite o cumprimento dalgún dos criterios de avaliación que se establecen no artigo sétimo deste acordo.

2. A secretaría xeral, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos, ditará proposta de estimación ou desestimación. A proposta será sometida á fiscalización da Intervención e, posteriormente, remitirase xunto co expediente completo á Comisión de Goberno.

3. No suposto de desestimación, abrirase un trámite adicional de alegacións para que a persoa interesada poida presentar alegacións e a documentación complementaria que considere pertinente no prazo de dez (10) días hábiles.

4. A Comisión de Goberno resolverá estimando ou desestimando a solicitude no prazo máximo de tres meses. De non ditarse acordo no dito prazo, entenderase desestimada.

5. Contra o acordo estimatorio ou desestimatorio do recoñecemento do acceso do solicitante ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada perante o Pleno no prazo dun mes que se contará a partir da notificación, de acordo co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Os acordos de recoñecemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa serán comunicados á Xunta de Persoal e, na súa falta, ás organizacións sindicais representadas nos órganos de negociación do Consello de Contas.

Artigo 9. Procedemento para o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional ao persoal funcionario/a da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas

1. O procedemento para o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas iniciarase mediante a solicitude presentada pola empregada ou empregado ante o conselleiro maior no prazo de quince (15) días hábiles contado desde a entrada en vigor deste acordo, segundo o modelo normalizado do anexo III, que se poñerá á disposición na intranet da institución.

Co modelo de solicitude achegarase a resolución de recoñecemento de grao ditada polo órgano competente ou un certificado que acredite o recoñecemento. Na dita documentación deberá figurar o grao recoñecido, a categoría/especialidade e a data de efectos do recoñecemento.

2. O conselleiro maior, á vista da solicitude presentada e da documentación achegada, ditará resolución nun prazo máximo dun mes, logo de proposta da secretaría xeral e tras a correspondente fiscalización por parte da Intervención.

3. Para as persoas funcionarias de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que presten servizos no Consello de Contas, a efectividade do recoñecemento previsto neste artigo retrotraese ao 1 de xaneiro de 2019 e segundo as porcentaxes, contías por grupos e subgrupos previsto no Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT do 27 de marzo de 2019 ou, de ser o caso, desde a data da súa incorporación a un posto no Consello de Contas de Galicia.

Artigo 10. Contías anuais do complemento retributivo adicional equivalente de carreira

As contías anuais que se perciban polo complemento adicional equivalente devindicaranse en 12 mensualidades, e serán as mesmas que se establezan para os empregados públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que se actualizarán anualmente coa porcentaxe de incremento que se fixe nas sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11. Pagamento do complemento retributivo adicional equivalente de carreira

1. O pagamento do complemento adicional para o persoal funcionario pertencente aos subgrupos A1, A2, B, C1 e C2 producirase na anualidade de 2020, na porcentaxe do 100 %.

2. Este complemento ten efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2020 para o persoal funcionario que estea a prestar os seus servizos no Consello de Contas na data de aprobación deste acordo e consolidarase para os exercicios 2021 e seguintes.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Cadro de clasificación por grupos e subgrupos, anualidades e contías

No exercicio 2019, atendendo ás porcentaxes do 33,3% para os subgrupos A1 e A2 e do 50 % para os subgrupos C1 e C2, as contías mensuais serían as seguintes:

2019 (33,3 % e 50 %)

Subgrupo

Importe xaneiro-xuño

Importe xullo-decembro

Total

A1

68,27

68,44

820,26

A2

47,78

47,90

574,08

C1

46,27

46,38

555,90

C2

39,27

39,37

471,84

No exercicio 2020, atendendo ás porcentaxes do 66,6 % para os subgrupos A1 e A2 e do 100 % para os subgrupos C1 e C2, a contía mensual sería a seguinte:

2020 (66,6 % e 100 %)

Subgrupo

Mensual

Total

A1

139,75

1.677,00

A2

97,80

1.173,60

C1

94,62

1.135,44

C2

80,31

963,72

Anexo II

Modelo de solicitude de acceso ao réxime extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas

SOLICITUDE DE ACCESO AO RÉXIME EXTRAORDINARIO DE CARREIRA ADMINISTRATIVA NO CONSELLO DE CONTAS

En virtude do disposto no artigo oitavo do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 17 de setembro de 2020, polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas,

SOLICITO

Que se me recoñeza o acceso ao réxime extraordinario de carreira administrativa previsto no citado acordo e o dereito á percepción da retribución adicional que deriva do dito réxime.

Que cumpro o seguinte criterio de avaliación dos previstos no artigo sétimo do citado acordo:

Criterio: ............................................................................................... (descrición do criterio aludido).

Para tal efecto, xunto a seguinte documentación acreditativa:

a)..............................................

b)..............................................

c)..............................................

(...)

Santiago de Compostela, ......de.....................de 2020

<Nome> <1ºapelido> <2ºapelido>

Conselleiro maior

Consello de Contas de Galicia

Rúa Domingo Fontán, 7

15702 Santiago de Compostela

ANEXO III

Modelo de solicitude para o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas

SOLICITUDE PARA O RECOÑECEMENTO DO DEREITO Á PERCEPCIÓN DO COMPLEMENTO ADICIONAL DERIVADO DO ACCESO EXTRAORDINARIO AO GRAO I DO SISTEMA DE CARREIRA PROFESIONAL AO PERSOAL FUNCIONARIO DA ADMINISTRACIÓN XERAL DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA QUE ESTEA A PRESTAR SERVIZOS NO CONSELLO DE CONTAS.

En virtude do disposto no artigo noveno do Acordo do Pleno do Consello de Contas, do 17 de setembro de 2020, polo se aproban as normas reguladoras do procedemento e os requisitos de acceso ao réxime transitorio e excepcional de recoñecemento da progresión na carreira administrativa para o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas e se regula o cobramento da retribución adicional,

SOLICITO

Que se me recoñeza o dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional como persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que está a prestar servizos no Consello de Contas.

Achégase resolución de recoñecemento de grao ditada polo órgano competente (ou certificado que acredita o dito recoñecemento onde figura o grao recoñecido, a categoría/especialidade e a data de efectos do recoñecemento).

Santiago de Compostela, ......de.....................de 2020

<Nome> <1ºapelido> <2ºapelido>

Conselleiro maior

Consello de Contas de Galicia

Rúa Domingo Fontán, 7

15702 Santiago de Compostela