Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 2 de outubro de 2020 Páx. 38262

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Resolución do 3 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra da Lagoa, sito no concello de Baralla (Lugo) e promovido por Enerxías Renovables de Galicia, S.A. (expediente LU 11/137-EOL).

A continuación recóllese a información esixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 3 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra da Lagoa.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións do parque eólico Serra da Lagoa, sito no concello de Baralla (Lugo) e promovido por Enerxías Renovables de Galicia, S.A. cunha potencia de 27,916 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte ao disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Enerxías Renovables de Galicia, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 319.890 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución e a súa documentación complementaria que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, e así mesmo, deberá presentar ante esta Dirección Xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. Simultaneamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante á dita xefatura territorial, certificado do fabricante no que conste a limitación de potencia das máquinas, que garanta que a potencia evacuada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

8. No caso de que se manifestaren perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Enerxías Renovables de Galicia, S.A. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade co artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o promotor disporá dun prazo de tres anos, a contar desde o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Serra da Lagoa (en adiante, o parque eólico), cunha potencia de 29 MW e promovido por Enerxías Renovables de Galicia, S.A. (en adiante a promotora).

2. Con data de 24.6.2011 Enerxías Renovables de Galicia, S.A. solicitou a autorización administrativa xunto coa declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Serra da Lagoa.

3. Con data de 19.8.2011 a promotora presentou solicitude de aprobación do proxecto de execución, inclusión no réxime especial e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra da Lagoa.

4. Con data de 3.11.2011, Fins Eirexas Santamaría, no seu nome e en representación de Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza presentou escrito no que expón que o parque eólico ocupará unha superficie proposta para ser incluída na ampliación da Rede Natura 2000 e designada como LIC Miño-Neira.

5. O 3.11.2011 a empresa promotora solicitou a modificación do proxecto, para adaptar a configuración de máquinas á potencia finalmente admitida.

6. O 26 de decembro de 2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou as modificacións do proxecto do parque eólico Serra da Lagoa, promovido por Enerxías Renovables de Galicia, S.A. por non influír no resultado do concurso, segundo a Resolución do 20 de decembro de 2010.

7. Por Resolución do 17 de abril de 2013, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo (en adiante a xefatura territorial), someteuse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico Serra da Lagoa.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.7.2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 20.6.2013 e no xornal El Progreso do 20.6.2013. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado de Baralla, da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados maioritariamente, en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos aos efectos de notificacións, etc.

– Solicitude de documentación para a correcta identificación dos predios afectadas.

– Alegación respecto duns predios que pertencen ao dominio público da CN-VI e A-6 e como tal non son expropiables, polo que deberase solicitar a correspondente autorización ante a Unidade de Estradas en Lugo.

– Falta de comunicación e negociación por parte da empresa promotora.

– Ausencia de xustificación e conveniencia da ocupación do terreo afectado.

– Prexuízos de afección sobre explotacións de produción vexetal.

– Falta de idoneidade do trazado proposto para o acceso ao parque e proposta dun trazado alternativo.

– Sobre o paso de auga da traída ao pobo de Vilanova por algún predio afectado ou pola súa beira.

– Sobre a conveniencia de negociar o posible arrendamento do predio afectado.

– A inadecuación do procedemento por entender que non concorre circunstancia que xustifique a declaración de utilidade pública e a declaración de necesidade de ocupación de parte do monte.

8. Durante o procedemento tramitouse a obtención dos condicionados técnicos dos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión I, S.A. e Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

9. O 7.2.2013, 11.4.2013 e 25.11.2013, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo emitiu informe sobre as instalacións electromecánicas descritas no proxecto de execución do parque eólico e a súa documentación complementaria.

10. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Instituto do Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Secretaría Xeral Turismo, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo.

O 22.6.2015, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu a Declaración de Impacto Ambiental relativa ao parque eólico Serra da Lagoa, que se publicou no Diario Oficial de Galicia o 24.9.2015, por Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 23 de xullo de 2015.

11. O 28.9.2015, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe ao que facía referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

12. O 24.11.2017, Enerxías Renovables de Galicia, S.A. solicitou a tramitación do proxecto do parque eólico conforme á disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

13. O 9.7.2019, Enerxías Renovables de Galicia, S.A. solicitou a prórroga da vixencia da declaración de impacto ambiental do parque eólico acorde ao prazo establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. En Resolución do 9 de marzo de 2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático sinala que segundo a Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, pola que se modificou a Lei 1/1995, de protección ambiental de Galicia, e tendo en conta que neste suposto concreto a DIA foi publicada con data do 24.9.2015, a vixencia da Declaración de Impacto Ambiental será de 6 anos.

14. O 4.6.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ratificou que as coordenadas contidas na proxecto de execución, cumpren os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

15. O 7.5.2020 e 10.8.2020, a promotora presentou escrito no que propón limitar a potencia das máquinas correspondentes ás posicións M01 e M02 a 2,458 MW, de modo que a potencia total para o proxecto do parque eólico Serra da Lagoa será de 27,916 MW.

16. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 28,04 MW, segundo informe do xestor de rede.

17. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte á disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas