Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 2 de outubro de 2020 Páx. 38291

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2020 pola que se adxudica a concesión demanial para ocupar un espazo no edificio do CIS Tecnoloxía e Deseño, Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño (código de procedemento IN860A).

Mediante a Resolución da Axencia Galega de Innovación do 14 de xullo de 2020 (DOG núm. 148, do 24 de xullo) convocáronse as bases reguladoras para obter, mediante concorrencia, a concesión demanial para ocupar un espazo no edificio do CIS Tecnoloxía e Deseño, Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño, dependente da Axencia Galega de Innovación (código de procedemento IN860A).

No seu artigo 15 regúlase a resolución e a notificación deste procedemento unha vez que a comisión de selección establecida no artigo 12 valore as solicitudes admitidas e emita un informe no cal se concrete o resultado conforme os criterios establecidos no artigo 13.

A este procedemento presentáronse en prazo Siemens Industry Software, S.L. e a Asociación Clúster Gallego de la Industria y Servicios de Apoyo al Desarrollo de las Energías Renovables y de la Sostenibilidad (Cluergal) presentando esta última a súa renuncia dentro do prazo establecido para a valoración de propostas. A renuncia é admitida e non se procede á valoración da súa proposta.

Na súa virtude, e atendendo á proposta elaborada na sesión do 18 de agosto de 2020 pola comisión de selección establecida no artigo 12 das bases da Resolución do 14 de xullo de 2020, da Axencia Galega de Innovación,

RESOLVE:

1. Outorgar a concesión demanial para ocupar un espazo no edificio do CIS Tecnoloxía e Deseño, Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño dependente da Axencia Galega de Innovación a Siemens Industry Software, S.L.

2. Proceder á súa formalización en documento administrativo, onde se recollerán os aspectos establecidos nos artigos 20 e seguintes da convocatoria.

3. Contra esta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outra que consideren procedente, poderán interpor recurso de reposición ante o presidente da Axencia Galega de Innovación ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a presunta desestimación do recurso de reposición. O prazo para interpoñer o recurso de reposición será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo, só se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria e presidente
da Axencia Galega de Innovación