Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Venres, 4 de setembro de 2020 Páx. 35110

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 31 de xullo de 2020 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Baños de Molgas.

O Concello de Baños de Molgas, con data do 28.5.2020, remite para a súa aprobación definitiva o Plan xeral de ordenación municipal, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a disposición transitoria 2.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que permite que o plan que na data de entrada en vigor da LSG conte con aprobación inicial, poida continuar a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, ben que as súas determinacións deben adaptarse plenamente á LSG.

Analizado o PXOM de Baños de Molgas asinado en novembro de 2019 pola consultora Senen Prieto Ingenieria, S.L., e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes e tramitación.

1. No municipio de Baños de Molgas non hai planeamento xeral municipal, polo que actualmente se rexe polo Plan básico autonómico. Ao abeiro da disposición adicional segunda da LOUG aprobáronse as delimitacións dos núcleos rurais de Froufe (AD 22.12.2009), Brandín (AD 26.1.2010) e Pazos de Ambía (AD 22.10.2013).

2. Como instrumentos de ordenación do territorio e plans e proxectos sectoriais de incidencia no concello, constan os seguintes:

– Directrices de ordenación do territorio.

– Plan sectorial eólico de Galicia; Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia (2010-2020); Plan de xestión de residuos industriais e solos contaminados de Galicia.

– Catálogo galego de especies ameazadas; Catálogo galego de árbores senlleiras.

– Plan hidrolóxico da Confederación Miño-Sil; Plan Auga; Catálogo de Humidais de Galicia.

3. Seguindo o procedemento establecido no artigo 7 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, o Concello de Baños de Molgas remitiu ao órgano ambiental o 23.2.2011 o documento de inicio e documentación completa para comezar o trámite da avaliación ambiental estratéxica. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o documento de referencia o 15.4.2011.

4. En virtude do artigo 85.1 da LOUG, o concello achega á SXOTU o documento do PXOM, quen emite o informe previo á aprobación inicial o 6.7.2012.

5. O 22.1.2016 o Concello Pleno aprobou inicialmente o PXOM (DOG do 15 de febreiro). Foi sometido a información pública durante dous meses mediante anuncios no DOG e nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 27.1.2016. Simultaneamente, déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Maceda, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Paderne, e solicitáronse os informes sectoriais aos diferentes organismos e entidades afectadas.

Tendo en conta esta data de aprobación inicial do PXOM, cómpre sinalar que, de acordo coa disposición transitoria primeira do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, o disposto nese regulamento non será de aplicación obrigatoria.

6. O 17.10.2019 o Concello de Baños de Molgas presentou ao órgano ambiental a documentación do PXOM adaptada á LSG, e mediante a Resolución do 8 de novembro de 2019 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Baños de Molgas (DOG do 21 de novembro).

7. O 9.12.2019 o Concello Pleno aprobou provisionalmente o PXOM.

8. O expediente administrativo e o documento técnico do PXOM foron remitidos á DXOTU con data do 7.1.2020 e 13.2.2020, para resolver sobre a súa aprobación definitiva, de acordo co establecido no artigo 85 da LOUG. O 5.5.2020 requiriuse ao concello para que emendase as deficiencias de integridade documental detectadas, quen o levou a cabo 28.5.2020.

9. De acordo co informe dos servizos municipais e co expediente administrativo achegado, solicitáronse informes sectoriais aos seguintes organismos competentes:

– Ministerio para a Transición Ecolóxica-Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), informe favorable condicionado do 14.5.2019.

– Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital-Dirección Xeral de Telecomunicacións, informe favorable do 23.4.2018.

– Ministerio de Defensa, informe non afección do 12.4.2016.

– Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio-Secretaría Xeral de Calidade e avaliación ambiental, informe favorable do 8.11.2019; Instituto de Estudios do Territorio, informe con consideracións do 20.5.2016; Dirección Xeral de Conservación da Natureza, informe con consideracións do 29.6.2016.

– Consellería de Infraestruturas e Vivenda-Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), informe favorable do 20.6.2018.

– Consellería de Cultura e Turismo-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, informe favorable do 26.11.2019.

– Consellería do Medio Rural e do Mar-Dirección Xeral de Montes, informe favorable do 21.9.2016; Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, informe sen observacións do 7.4.2016.

– Consellería de Sanidade-Secretaría Xeral Técnica, informe con consideracións do 5.4.2016.

– Cámara Oficial Mineira de Galicia, informe con consideracións do 25.4.2016.

– Deputación Provincial de Ourense, informe con consideracións do 25.4.2016.

II. Análise e consideracións.

Analizado o documento aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 9.12.2019, en relación coas observacións formuladas no informe previo á aprobación inicial emitido pola SXOTU o 6.7.2012, así como as modificacións realizadas durante a posterior tramitación, púidose comprobar que se axusta á lexislación urbanística e emenda as obxeccións sinaladas, agás canto a:

II.1.1. Solo urbano: na zona situada ao sur da OU-0108, cualificada como Ordenanza U-2 (II), deberá garantirse que non se dea lugar á formación de novas medianeiras.

II.1.2. Solo urbanizable: no SURB-R1 non se xustifica axeitadamente o cumprimento do límite da edificabilidade total do sector: existen 7 vivendas e o PXOM propón 7 máis, utilizando o parámetro da ocupación en vez da edificabilidade existente e resultante. Corrixirase a ficha e a memoria.

A ficha do SURB-R2 completarase coas reservas para sistemas locais do artigo 42.2. da LSG.

II.2. Outras cuestións: non se valora o custo do solo que se obterá por expropiación da ZV-1, no estudo económico financieiro, polo que deberá engadirse na táboa correspondente.

Os planos de ordenación conteñen «lendas-textos» de formato cad shx., que no caso dos planos do tomo VI de «ordenación dos núcleos rurais», planos 5.4 de «clasificación e zonificación urbana» e planos 5.5 de «previsión de infraestruturas», son especialmente gravosas e dificultan a súa lectura, polo que deben depurarse e eliminarse dos arquivos pdf.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Baños de Molgas, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas, que se recollerán nun documento refundido do PXOM, que o concello remitirá á consellería para a súa comprobación e inscrición.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda