Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 25 de agosto de 2020 Páx. 33697

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Resolución do 17 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se concede a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e se declara de utilidade pública, en concreto, o parque eólico Monte Tourado, no concello de Vimianzo (A Coruña), promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Monte Tourado, S.L.U. (expediente IN661A 2010/5-1).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 17 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se concede a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, e se declara de utilidade pública, en concreto, o parque eólico Monte Tourado.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte Tourado, situado no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Monte Tourado, S.L.U., cunha potencia de 10,395 MW.

Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monte Tourado.

Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico Monte Tourado, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power Monte Tourado, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 65.331 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, punto 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica que lle resulten de aplicación.

6. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 21.7.2020, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

7. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Greenalia Wind Power Monte Tourado, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais ao abeiro da Orde do 20 de xaneiro de 2010, pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro), admitiuse a trámite o parque eólico Monte Tourado (en diante, o parque eólico), promovido por Gamesa Energía, S.A.

2. O 8.10.2010, Gamesa Energía, S.A. e Sistemas Energéticos Edreira, S.A.U. solicitaron a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o parque eólico Monte Tourado e, asemade, a tramitación do expediente a nome de Sistemas Energéticos Edreira, S.A.U.

3. Pola Resolución do 22 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade do parque eólico Monte Tourado, resultante da adquisición da sociedade Sistemas Energéticos Edreira, S.A.U., titular da instalación, por parte de Greenalia Power, S.L.U. e o posterior cambio de denominación desta a Greenalia Wind Power Monte Tourado, S.A.U.

4. O 13.7.2018, Greenalia Wind Power Monte Tourado, S.A.U. actualizou a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública, en concreto, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como a declaración de interese especial para o parque eólico Monte Tourado, para unha potencia de 10.395 kW.

5. Con data 6.9.2018, o Consello da Xunta declarou de interese especial o proxecto do parque eólico, consonte a disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

6. O 28.9.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe a que fai referencia o artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

7. O 31.10.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

8. Polo Acordo do 23 de novembro de 2018, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte Tourado.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29.11.2018 e no xornal La Voz de Galicia do 30.11.2018. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Vimianzo), da xefatura territorial e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

9. Durante o procedemento tramitouse a obtención dos condicionados técnicos dos seguintes organismos e empresas de servizo público: Red Eléctrica de España, S.A.U., Cellnex Telecom, S.A., Retegal, Concello de Vimianzo, Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación da Coruña e Augas de Galicia.

10. O 11.2.2019, o Servizo de Montes da Coruña emitiu informe relativo ao proxecto do parque eólico Monte Tourado.

11. O 19.8.2019, o promotor achegou documentación ambiental complementaria e o 18.10.2019 documentación técnica actualizada do proxecto de execución, proxecto sectorial e relación de bens e dereitos afectados, en que incluía a alternativa da vía de acceso co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 26.3.2019.

12. O 7.2.2020, a Xefatura Territorial da Coruña informou que esta cumpre cos requisitos regulamentarios e se pode continuar cos trámites previstos na Lei 8/2009 para a autorización administrativa.

13. Mediante a Resolución do 19 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse a transmisión de titularidade do parque eólico Monte Tourado, resultante do cambio de denominación social de Greenalia Wind Power Monte Tourado, S.A.U. a sociedade limitada unipersoal.

14. O 10.3.2020, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña emitiu un informe actualizado sobre os dereitos mineiros dentro da área de afección do parque eólico.

15. Durante a tramitación ambiental do proxecto obtivéronse informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto do Estudos do Territorio, Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Concello de Vimianzo, Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e Dirección Xeral de Saúde Pública.

O 21.7.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que fixo pública mediante anuncio do 21 de xullo de 2020 (DOG núm. 157, do 6 de agosto).

16. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para a potencia obxecto desta autorización, de acordo co informe do xestor da dita rede.

17. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas