Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 19 de agosto de 2020 Páx. 33015

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2020, da Área de Planificación e Proxectos, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública do proxecto de construción de reforma da intersección do punto quilométrico (p.q.) 6+000 da AC-840 en Oza-Cesuras, de clave AC/18/137.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), ditou o 10 de xullo de 2020 a seguinte resolución :

Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de construción de reforma da intersección do p.q 6+000 da AC-840 en Oza-Cesuras, de clave AC/18/137.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm.7, do 13 de xaneiro de 2020, publicouse o Anuncio do 3 de xaneiro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de reforma da intersección do punto quilométrico (p.q.) 6+000 da AC-840 en Oza-Cesuras, de clave AC/18/137.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. A actuación obxecto do proxecto consiste na reordenación da intersección situada no p.q. 6+000 da estrada AC-840 (Betanzos-Agolada), mellorando as incorporacións desde o camiño de Carraceda á AC-840 e viceversa, para o cal se proxectan carrís de aceleración e deceleración e dous carrís centrais de espera, permitindo deste xeito todos os xiros á esquerda. Así, a solución proxectada ten como finalidade mitigar ou eliminar os actuais riscos e, como consecuencia, incrementar a seguridade viaria dos condutores.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública non se formularon alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017, sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

Terceiro. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e tras os informes e certificados presentados,

RESOLVO:

Aprobar o expediente de información pública do proxecto construtivo de reforma da intersección do punto quilométrico (p.q.) 6+000 da AC-840 en Oza-Cesuras, de clave AC/18/137.06, mantendo o trazado proposto como definitivo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2020

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos