O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), ditou o 10 de xullo de 2020 a seguinte resolución:
Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de construción: «Itinerario peonil e ciclista na AC-840 Porzomillos-Oza dos Ríos, p.q. 5+444-6+729», de clave AC/18/162.06.
Antecedentes de feito:
Primeiro. O artigo 6.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e o artigo 12.2 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, determinan que os espazos destinados a sendas para peóns ou para a circulación de ciclistas teñan a consideración de elementos funcionais da estrada. Tendo en conta este precepto, a Xunta de Galicia elaborou a estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia, entre cuxos obxectivos está o fomento dos sistemas de transporte alternativos aos motorizados, que permitan minimizar as repercusións sobre o ambiente e os seus impactos sociais e económicos.
Segundo. A actuación obxecto do proxecto consiste na execución dunha senda peonil e ciclista anexa á marxe dereita da estrada AC-840, no treito p.q. 5+444 (núcleo rural de Porzomillos) ao p.q. 6+729 (prolongado ata a gasolineira sita no p.q. 6+826, antes do núcleo de Oza dos Ríos), no termo municipal de Oza-Cesuras (A Coruña), cun largo mínimo 1,8 m para garantir un itinerario continuo que permita realizar o dito percorrido nas axeitadas condicións de seguridade viaria.
Terceiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 13 de xaneiro de 2020, publicouse o Anuncio do 3 de xaneiro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: «Itinerario peonil e ciclista na AC-840 Porzomillos-Oza dos Ríos, p.q. 5+444-6+729», de clave AC/18/162.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.
Cuarto. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública non se formularon alegacións.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).
Segundo. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.
Terceiro. Que, simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.
De acordo con todo o exposto e tras os informes e certificados presentados,
RESOLVO:
Aprobar o expediente de información pública do proxecto construtivo: «Itinerario peonil e ciclista na AC-840 Porzomillos-Oza dos Ríos, p.q. 5+444-6+729», de clave AC/18/162.06, mantendo o trazado proposto como definitivo.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
O que se fai público para xeral coñecemento.
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2020
Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos