O Pleno do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia/Miel de Galicia aprobou solicitar unha modificación do prego de condicións da dita indicación xeográfica, de conformidade co establecido no artigo 53 do Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.
A dita solicitude, xunto co texto do novo prego de condicións, presentouna posteriormente o Consello Regulador ante a Consellería do Medio Rural, de acordo co establecido tanto no Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, norma autonómica reguladora da materia.
O procedemento para a modificación dos pregos de condicións recóllese, ademais de no citado artigo 53 do Regulamento (UE) 1151/2012, no artigo 6 do Regulamento delegado (UE) 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, polo que se completa o Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao establecemento dos símbolos da Unión para as denominacións de orixe protexidas, as indicacións xeográficas protexidas e as especialidades tradicionais garantidas, e no que atinxe a determinadas normas sobre a procedencia, certas normas de procedemento e determinadas disposicións transitorias adicionais.
As modificacións que se propoñen afectan as epígrafes B (descrición do produto), D (proba da orixe), E (método de obtención), F (vínculo), G (órgano de control) e H (etiquetaxe).
Estas modificacións son necesarias para adaptar as condicións da produción de mel en Galicia á situación actual. Debe terse en conta que esta denominación xeográfica iniciou a súa actividade hai máis de 30 anos, de acordo coa normativa autonómica e estatal vixente daquela, e polo tanto con anterioridade á súa inscrición no rexistro comunitario. Como consecuencia, os requisitos da produción e do produto que están definidos no prego de condicións vixente corresponden a esa época. Este é o caso dos tipos de mel, as características das explotacións e o manexo apícola. Na actualidade obsérvanse algúns cambios no sistema produtivo que afectan estes requisitos; as razóns fundamentais destes cambios son as melloras tecnolóxicas e os factores ambientais e climáticos.
En concreto, as principais modificacións que se introducen son:
– A identificación dunha nova categoría de mel, o «mel de melada», que poderá levar a mención «Mel de bosque» na súa etiquetaxe.
– Rebáixase a porcentaxe de pole de breixo na caracterización meliso-palinolóxica do mel monofloral de breixo.
– Actualízanse diversos aspectos da descrición sensorial dos diferentes tipos de mel.
– Revísase a redacción de diferentes partes da epígrafe relativa á proba da orixe para adecuar o sistema de control e certificación aos requisitos establecidos na norma ISO/IEC 17.065:2012.
– Modifícanse diversas especificacións do método de obtención para adecualas á realidade actual.
En todo caso, as modificacións que se formulan son de importancia menor de acordo co establecido no artigo 53.2 do Regulamento 1151/2012, xa que non afectan as características esenciais do mel protexido nin o seu vínculo co medio natural. Segundo o indicado no citado artigo 6, número 2, do Regulamento 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ao ser unha modificación de importancia menor presentada pola mesma agrupación que solicitara anteriormente o rexistro da indicación xeográfica, non é preceptivo levar a cabo un procedemento de oposición.
Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios e coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,
RESOLVO:
Primeiro. Adoptar e facer pública a decisión favorable para que as modificacións do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Mel de Galicia/Miel de Galicia», que afectan as letras B (descrición do produto), D (proba da orixe), E (método de obtención), F (vínculo), G (órgano de control) e H (etiquetaxe), sexan inscritas no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro.
Segundo. Publicar a nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Mel de Galicia/Miel de Galicia», sobre a que se basea esta decisión favorable. O dito prego de condicións e mais o documento único figuran na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:
https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/Pliego_de_condiciones_Miel_de_Galicia_julio_2020_final.pdf
https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/Documento_unico_Miel_de_Galicia_Julio_2020.pdf
Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.
Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela as persoas interesadas poden interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun (1) mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous (2) meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural