Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 5 de agosto de 2020 Páx. 31187

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de xullo de 2020 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da denominación de orixe protexida Ribeira Sacra.

O pasado día 25 de xuño, o Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra aprobou solicitar unha modificación do prego de condicións da dita denominación de orixe protexida, de conformidade co establecido no artigo 105 do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

A dita solicitude presentouna posteriormente o Consello Regulador ante a Consellería do Medio Rural, de acordo co establecido tanto no Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, norma autonómica reguladora da materia.

O procedemento para a modificación dos pregos de condicións das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas recóllese actualmente, ademais de no citado artigo 105 do Regulamento (UE) 1308/2013, nos artigos 14 a 18 do Regulamento delegado (UE) 2019/33 da Comisión e nos artigos 9 a 11 do Regulamento de execución (UE) 2019/34, ambos regulamentos do 17 de outubro.

O cambio que formula o Consello Regulador consiste na supresión do último parágrafo do punto 3, relativo ás prácticas enolóxicas específicas. De acordo co recollido nese parágrafo, aos viños dunha determinada colleita poden engadírselle, ata un máximo do 15 %, viños procedentes da colleita anterior e, en anos excepcionais, mesmo de dúas colleitas anteriores. Isto é máis restritivo que o que se establece na normativa vitivinícola xeral, xa que a única condición que establece o artigo 49 do citado Regulamento delegado (UE) 2019/33 da Comisión para que os viños se poidan etiquetar como dunha determinada colleita é que, como mínimo, o 85 % da uva sexa desa colleita. É dicir, o 15 % restante pode ser doutra colleita calquera, sen limitación de anos.

O Consello Regulador xustifica esta modificación no feito de que na actualidade os viños reúnen características que permiten consumilos pasados varios anos desde a súa elaboración, así como no de que algunhas adegas non embotellan o viño, unha vez estabilizado, ata despois de permanecer como mínimo un ano en depósito. Por outra banda, o andazo do COVID-19 afectou moi seriamente o sector vinícola polas dificultades para a exportación e polas restricións impostas á actividade da hostalería e da restauración, cun peso moi importante na comercialización dos viños desta denominación de orixe. Esta situación e a posibilidade de novos episodios futuros de crises sanitarias fan pensar na necesidade de medidas como esta, que facilitan a comercialización dos viños.

O artigo 14.1 do Regulamento delegado (UE) 2019/33 establece dúas categorías de modificacións dos pregos de condicións: as «modificacións da Unión», que serían as de maior envergadura e que, polo tanto, teñen un procedemento de tramitación máis complexo, e as «modificacións normais», que serían as que non afectan os aspectos fundamentais do prego de condicións en que se baseou o rexistro da denominación de orixe. De acordo co establecido nese artigo, a modificación que se formula ten a consideración de «modificación normal» e debe tramitarse conforme un procedemento máis sinxelo, que se recolle no artigo 17 do dito regulamento, e o indicado no artigo 10 do xa tamén citado Regulamento de execución (UE) 2019/34 da Comisión.

De acordo co recollido no parágrafo anterior, e tratándose dunha modificación considerada «normal» presentada pola mesma agrupación de produtores –o Consello Regulador da DO Ribeira Sacra–, que instou a inscrición no rexistro europeo, non é precisa a apertura dun proceso de publicidade da solicitude para a recepción de eventuais oposicións e, unha vez que a autoridade nacional competente –neste caso a Consellería do Medio Rural– considere que concorren todos os requisitos legais, pode proceder á súa aprobación e posterior comunicación á Comisión Europea.

Por todo o anterior, cumpridos os preceptivos trámites regulamentarios e vistas as disposicións citadas,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar e facer pública a decisión favorable para que a modificación do prego de condicións da denominación de orixe protexida Ribeira Sacra, consistente na supresión do último parágrafo do número 3, relativo ás prácticas enolóxicas específicas, sexa inscrita no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e dos regulamentos que o desenvolven.

Segundo. Publicar a nova versión do prego de condicións da denominación de orixe protexida Ribeira Sacra sobre a cal se basea esta decisión favorable. O dito prego de condicións e mais o documento único figuran na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/PLIEGO_DE_CONDICIONES_DO_RIBEIRA_SACRA_julio_2020_final.pdf

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/Documento_unico_DO_Ribeira_Sacra_julio_2020_final_0.pdf

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela as persoas interesadas poden interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun (1) mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous (2) meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural