Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 24 de xullo de 2020 Páx. 29290

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 10 de xullo de 2020 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Castro de Rei.

O Concello de Castro de Rei eleva para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Unha vez analizada a documentación achegada polo Concello, redactada pola consultora Monsa Urbanismo, S.L. en decembro de 2019, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

Antecedentes.

1. O Concello de Castro de Rei conta cun proxecto de delimitación do solo urbano (AD 1.4.1977) e as delimitacións dos núcleos rurais de Pedrafita, parroquia de San Salvador de Pacios (AD 20.10.2017); Caxigal, parroquia de Ramil (AD 29.2.2016); Ribeira-O Chairo, parroquia de San Xoán de Ribeiras de Lea (AD 6.7.2015); Monelos, parroquia de Azumara (AD 25.6.2012); e Golpilleira, parroquia de Dumpín (AD 10.2.2010).

Mediante un plan de actuación urbanística e un plan parcial aprobados o 30 de setembro de 1992, modificado este último o 10 de marzo de 1997, desenvolveuse o polígono industrial de Castro de Ribeiras de Lea. Mediante o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal desenvolveuse o parque empresarial de Castro de Ribeiras de Lea, aprobado definitivamente o 5 de maio de 2004 e modificado o 12 de abril de 2007.

2. Ademais, constan aprobados os seguintes instrumentos de ordenación do territorio:

• Directrices de ordenación do territorio, aprobadas mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia o 10 de febreiro de 2011 (DOG do 22 de febreiro).

• Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal, aprobado mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia o 2 de maio de 2013 (DOG do 17 de xuño).

• Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 30 de abril de 2014 (DOG do 28 de maio).

• Proxecto sectorial 01_14 de infraestruturas de telecomunicacións de nova implantación xestionadas por Retegal, aprobado mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia o 22 de xaneiro de 2015 (DOG do 3 de febreiro).

• Proxecto sectorial LAT 132 kV subestación Ludrio-subestación Meira, aprobado por Acordo do Consello da Xunta de Galicia o 21 de abril de 2016 (DOG do 30 de maio).

• Proxecto sectorial LAT 132 kV subestación PE Monciro-subestación interconexión Ludrio, aprobado por Acordo do Consello da Xunta de Galicia o 27 de decembro de 2018 (DOG do 16 de xaneiro de 2019).

• Proxecto sectorial LAT 132 kV subestación PE Pastoriza Rodeiro-subestación interconexión Ludrio, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de agosto de 2019 (DOG do 21 de agosto).

3. En virtude do artigo 85.1 da LOUG, e logo das solicitudes do Concello do 29 de novembro de 2004 e 21 de abril de 2006, a Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes emitiu o informe previo á aprobación inicial o 18 de xuño de 2007.

4. Seguindo o procedemento establecido no artigo 7 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, o Concello de Castro de Rei remite ao órgano ambiental o documento de inicio para comezar o trámite da avaliación ambiental estratéxica. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible emite o documento de referencia o 28 de julio de 2008.

5. O 19 de abril de 2010 o Pleno do Concello de Castro de Rei aprobou inicialmente o PXOM, logo de informe técnico do 11 de enero de 2010 e xurídico do 13 de abril de 2010. Foi sometido a información pública durante dous meses mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia, do 31 de maio de 2010 e nos xornais El Progreso, do 3 de maio de 2010, e La Voz de Galicia, do 5 de maio de 2010. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Castroverde, Cospeito, Lugo, Outeiro de Rei, A Pastoriza e Pol. Constan as alegacións dos concellos de Outeiro de Rei, do 14 de xullo de 2010 e da Pastoriza, do 31 de xullo de 2010, segundo certificación do 26 de xaneiro de 2018.

6. Mediante a Resolución do 29 de febreiro de 2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Castro de Rei (DOG do 21 de marzo).

7. O 17 de marzo de 2016 o Pleno do Concello de Castro de Rei aprobou provisionalmente o PXOM (BOP do 22 de outubro).

8. O documento foi remitido a esta consellería para resolver sobre súa aprobación definitiva o 3 de febreiro de 2017. En virtude do artigo 85.7 da LOUG, con datas 23 de febreiro de 2017 e 20 de febreiro de 2018 o Concello foi requirido para que corrixise as deficiencias documentais. En contestación achegouse documentación adicional o 5 de maio de 2018 e o 2 de febreiro de 2018.

9. Consta certificado da aprobación das modificacións polo Pleno do Concello do 9 de marzo de 2018. Así mesmo, consta informe xurídico do 11 de febreiro de 2016; técnicos do 9 de marzo de 2016 e do 26 de xaneiro de 2018; e de intervención de datas 15 de marzo de 2016 e 31 de xaneiro de 2018.

10. Ao abeiro dos artigos 189 da Lei 33/2003, do patrimonio das administracións públicas, e do artigo 101 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, realizáronse notificacións das aprobacións plenarias á Subdelegación do Goberno de Lugo, o 1 de decembro de 2016; Delegación Estatal de Economía e Facenda en Lugo, o 19 de maio de 2010 e o 1 de decembro de 2016; Consellería de Economía e Facenda, o 1 de decembro de 2016. Consta contestación das dúas últimas administracións en datas 24 de xaneiro de 2018 e 2 de marzo de 2017, respectivamente.

11. A aprobación definitiva do PXOM foi denegada mediante a Orde do 2 de agosto de 2018 da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

12. Tras as oportunas modificacións, o 9 de marzo de 2020 o Pleno do Concello de Castro de Rei aprobou provisionalmente o PXOM , logo dos informes técnico e xurídico.

13. Unha vez finalizada a tramitación do documento, foi remitido a esta consellería para resolver sobre súa aprobación definitiva, o 30 de abril de 2020.

14. Resultado dos antecedentes anteriores, pronunciáronse os departamentos sectoriais:

• Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, 6 de febreiro de 2012, con condicións. Consta certificado da secretaria do Concello de silencio da solicitude de informe do 28 de febreiro de 2012.

• Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Estradas, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, 30 de agosto de 2010.

• Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, 13 de xuño de 2017.

• Ministerio de Defensa, Secretaría de Estado de Defensa, Dirección Xeral de Infraestruturas, informe favorable do 28 de xaneiro de 2016.

• Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Aviación Civil, 28 de marzo de 2018.

• Aeroportos Españois e Navegación Aérea, Dirección de Planificación de Infraestruturas, 20 de xullo de 2010.

• Axencia Galega de Infraestruturas, 14 de marzo de 2014.

• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, 25 de novembro de 2015.

• Augas de Galicia, 30 de abril de 2010, remite á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, 1 de xuño de 2010, sobre a xestión dos residuos.

• Dirección Xeral de Conservación da Natureza, 18 de febreiro de 2016, con consideracións.

• Dirección Xeral de Montes, informe con observacións do 23 de xullo de 2010.

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, informe do 9 de setembro de 2011, con observacións.

• Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo, informe do 9 de maio de 2017, sobre os dereitos mineiros que afectan o concello.

• Deputación Provincial de Lugo, Servizo de Vías e Obras, 24 de abril de 2015.

• Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Estradas, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Unidade de Lugo, informe sobre servidumes acústicas, 23 de maio de 2019.

15. Respecto das solicitudes de informes do 4 de maio de 2010 á Delegación do Goberno de Galicia e á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, non se recibiu contestación segundo a certificación da secretaria do Concello do 20 de decembro de 2016.

Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación do PXOM de Castro de Rei, redactada pola consultora Monsa Urbanismo, S.L. en decembro de 2019, e posta en relación coas deficiencias sinaladas na Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de data 2 de agosto de 2018, que denegou a aprobación definitiva do PXOM, así como os cambios posteriores introducidos, púidose observar que o documento agora achegado dá cumprimento á normativa que resulta de aplicación.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal de Castro de Rei.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíqueselles esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda