Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 13 de xullo de 2020 Páx. 27814

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2020 pola que se modifica a Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se convoca o procedemento de selección dunha entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores na provincia da Coruña.

Con data do 24 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se convoca o procedemento de selección dunha entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, na provincia da Coruña (código de procedemento BS213C).

O obxecto da convocatoria é establecer o proceso para a selección dunha entidade privada sen ánimo de lucro para a execución, na provincia da Coruña, das medidas non privativas de liberdade, denominadas de medio aberto, ditadas polos xulgados de menores, e de tarefas e actividades de reparación extraxudiciais segundo o establecido na LORPM, de conformidade coas bases establecidas no anexo I, a través da formalización dun convenio de colaboración (anexo IV).

De acordo co indicado nesa resolución, a entidade con que asine un convenio percibirá da Consellería de Política Social con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.312B.228 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia unha compensación máxima de 1.072.579, 32 € polos gastos en que incorra no desenvolvemento das actividades conveniadas, que en ningún caso suporá un beneficio económico para a entidade conveniante. O devandito importe será distribuído como segue:

Convenio de colaboración para a execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia da Coruña

2020

312,835,63 €

2021

536.289,66 €

2022

223.454,03 €

O número décimo sexto do anexo I da resolución sinala que, unha vez notificada aos interesados a resolución do procedemento, se procederá á formalización do convenio coa entidade seleccionada, de acordo co modelo previsto no anexo IV. A data límite da sinatura do convenio será o 1 de xuño de 2020.

O 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada por COVID-19.

A disposición adicional terceira do devandito real decreto determina que se suspenden os termos e se interrompen os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector publico. O cómputo dos prazos reiniciarase no momento en que perda vixencia o presente real decreto ou, se é o caso, as súas prórrogas.

A Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, sinala así mesmo no acordo sétimo que se suspenden os termos e se interrompen os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos reiniciarase no momento en que perda vixencia o presente real decreto ou, se é o caso, as súas prórrogas.

A suspensión de termos e a interrupción de prazos aplicaranse a todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No momento da suspensión estábase tramitando a emenda das solicitudes presentadas ao abeiro da Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se convoca o procedemento de selección dunha entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, na provincia da Coruña.

Mediante a Resolución da Consellería do 30 de abril de 2020, logo do acordo favorable do Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril de 2020, para os efectos de garantir o funcionamento básico dos servizos públicos e protexer o interese xeral, acordouse a modificación e a prórroga do convenio vixente, mantendo a suspensión do procedemento de selección.

O día 23 de maio de 2020 publícase no Boletín Oficial del Estado núm. 145 o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma decretado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria orixinada por COVID-19. De conformidade co disposto no seu artigo 9, reiníciase o cómputo dos prazos administrativos suspendidos desde o 1 de xuño de 2020 e, en virtude da súa disposición derrogatoria única, queda derrogada a disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con efectos desde o 1 de xuño de 2020.

Por todo isto, á vista do reinicio dos prazos do procedemento, e tendo en conta a necesidade de reaxustar as anualidades, a resolución do procedemento e formalización do convenio coa entidade resultante do proceso selectivo, así como a vixencia do instrumento convencional,

RESOLVO:

Primeiro. Modificación da Resolución do 30 de setembro de 2019 pola que se convoca o procedemento de selección dunha entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, na provincia da Coruña (código de procedemento BS213C).

A Resolución do 30 de setembro de 2019 pola que se convoca o procedemento de selección dunha entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, na provincia da Coruña, queda modificada como segue:

Un. O punto segundo do número primeiro da Resolución do 30 de decembro de 2019 queda redactado da seguinte maneira:

«A entidade con que se asine un convenio de colaboración percibirá da Consellería de Política Social con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.312B.228 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia unha compensación máxima de 1.072.579,32 € polos gastos en que incorra no desenvolvemento das actividades conveniadas, que en ningún caso suporá un beneficio económico para a entidade conveniante. O devandito importe será distribuído como segue:

Convenio de colaboración para a execución de medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia da Coruña

2020

134.072,41 €

2021

536.289,66 €

2022

402.217,25 €»

Dous. O número décimo terceiro do anexo I. Procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, na provincia da Coruña, da Resolución do 30 de decembro de 2019, relativo á resolución do procedemento, queda redactado da seguinte maneira:

«Décimo terceiro. Resolución do procedemento

Unha vez revisadas e avaliadas pola Comisión de Valoración as solicitudes presentadas e emitido o informe, o órgano instrutor elevará á persoa titular da Consellería de Política Social unha proposta de resolución en que se especificará a entidade seleccionada para levar a cabo a intervención en medio aberto na provincia da Coruña.

A resolución que poña fin ao procedemento de selección de entidade colaboradora ditaraa a persoa titular da Consellería de Política Social e notificarase no prazo máximo de catro meses desde a publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Trátase dun procedemento de concorrencia competitiva iniciado en virtude de convocatoria pública, polo que, se transcorre ese prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse rexeitada a solicitude por silencio ao abeiro do establecido no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro».

Tres. O número décimo sexto do anexo I. Procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, na provincia da Coruña, da Resolución do 30 de decembro de 2019, relativo á subscrición de convenios, queda redactado da seguinte maneira:

«Décimo sexto. Subscrición de convenios

Unha vez notificada aos interesados a resolución do procedemento, procederase á formalización do convenio coa entidade seleccionada, de acordo co modelo previsto no anexo IV. A data límite da sinatura do convenio será o 1 de outubro de 2020.

Non se formalizará o convenio de colaboración con entidade que non estea inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e/ou que non dispoña de permiso de inicio de actividades para o CIEMA Coruña que presenta.

No caso de que o 15 de maio de 2020 a entidade seleccionada no procedemento selectivo non contase con permiso de inicio de actividades para o CIEMA ou non cumprise calquera outro dos requisitos fixados no procedemento, agás nos supostos afectados pola suspensión dos prazos administrativos establecida coa declaración do estado de alarma se é o caso, a persoa titular da Consellería de Política Social ditará resolución en que a declare decaída no seu dereito e designe como entidade seleccionada para a sinatura do convenio a seguinte entidade que obtivese maior puntuación de entre as valoradas no proceso de selección. Procederase á sinatura do convenio coa entidade seguinte que cumpra os requisitos exixidos na convocatoria, seleccionada pola orde en que quedasen clasificadas as propostas».

Catro. O número décimo sétimo do anexo I. Procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, na provincia da Coruña, da Resolución do 30 de decembro de 2019, relativo á vixencia dos convenios, queda redactado da seguinte maneira:

«Décimo sétimo. Vixencia dos convenios

O convenio que se subscriba ao abeiro do presente procedemento producirá efectos desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2022, e poderá prorrogarse por acordo expreso das partes por períodos sucesivos, non superior cada un deles a un ano, ata un máximo de 2 anos, de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, todo iso condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos exercicios correspondentes.».

Cinco. A cláusula oitava que figura no anexo IV. Modelo de convenio, relativa á vixencia e posibles prórrogas, queda redactada da seguinte maneira:

«Oitava. Vixencia e posibles prórrogas

«O convenio que se subscriba ao abeiro do presente procedemento producirá efectos desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2022, e poderá prorrogarse por acordo expreso das partes por períodos sucesivos, non superior cada un deles a un ano, ata un máximo de 2 anos, de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, todo iso condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos exercicios correspondentes.

No caso de que non se prorrogue o convenio por causas imputables á entidade conveniada, esta debe continuar coa actividade que viña desenvolvendo mentres a Administración non formalice un novo convenio con outra entidade».

Segundo. A presente modificación non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, tendo en conta que non se altera substancialmente a natureza e obxecto do procedemento.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social