Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 6 de xullo de 2020 Páx. 26627

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2020, conxunta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación.

A Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o Protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no punto 3.4 do seu protocolo, determina que a creación de selos electrónicos se realizará mediante resolución das secretarías xerais, secretarías xerais técnicas, direccións xerais ou persoa titular da dirección da entidade pública instrumental competente, que deberá ser publicada en sede electrónica.

O Decreto 30/2017, do 30 de marzo, establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda. Na sección 1ª do capítulo II, artigo 4, recolle as competencias da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio entre as cales se atopan, entre outras, a organización, o mantemento e a custodia do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co Decreto 262/2001, do 20 de setembro, polo que se refunde a normativa reguladora do Rexistro Xeral de Contratistas.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito do Rexistro Xeral de Contratistas:

a) Dixitalización de documentos.

b) Emisión de certificados de estar inscrito no rexistro.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) O Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) como órgano responsable da programación, do mantemento, da supervisión e do control de calidade e, se é o caso, da auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «Rexistro Xeral de Contratistas» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

c) Nome do selo: Rexistro Xeral de Contratistas.

Cuarto. Autorizar o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) para utilizar o selo electrónico denominado «Rexistro Xeral de Contratistas» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e aos procedementos mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «Rexistro Xeral de Contratistas», sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

Mª Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda

Victor Coladas Bilbao
Director do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable