Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 6 de xullo de 2020 Páx. 26630

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade dunha encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas, para a supervisión do proxecto das obras de acondicionamento da estación de autobuses de Ponteareas (clave PO.20.004).

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas, para a supervisión do proxecto das obras de acondicionamento da estación de autobuses de Ponteareas (clave PO.20.004), que ten as seguintes características:

– Obxecto: a elaboración dun informe técnico co fin de verificar que se tiveron en conta as disposicións xerais de carácter legal ou regulamentario, así como a normativa técnica que resulte de aplicación para o proxecto e calquera outro informe de carácter técnico que, en relación con este contrato de obras e durante a súa execución, sexa solicitado polo órgano encomendante.

– Estes documentos serán emitidos por persoal técnico cualificado da AXI.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao ser a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a AXI órganos pertencentes á mesma consellería con personalidade xurídica propia.

– Prazo de vixencia: a presente encomenda terá a duración estritamente necesaria para a elaboración do/s informe/s técnico/s solicitado/s e finaliza coa entrega deles e, en todo caso, coa finalización da execución das obras de referencia.

– Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.

– Taxas: a encomenda non liquidará ningunha taxa a favor da AXI en concepto de custo polos servizos que se van prestar en desenvolvemento desta.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade