Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 6 de xullo de 2020 Páx. 26632

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade dunha encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas, para a licitación e execución do contrato de servizo relativo ás actuacións necesarias para a aprobación da Estratexia galega de mobilidade.

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas, para a licitación e execución do contrato de servizo relativo ás actuacións necesarias para a aprobación da Estratexia galega de mobilidade, que ten as seguintes características:

– Obxecto: licitación, execución e realización de todas as actuacións derivadas da contratación do servizo relativo ás actuacións necesarias para a análise, diagnose e formulación de propostas ata a aprobación da Estratexia galega de mobilidade. En calquera caso, poderá nomearse para a dirección do contrato persoal técnico da AXI e da Dirección Xeral de Mobilidade.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao ser a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a AXI órganos pertencentes á mesma consellería con personalidade xurídica propia.

– Prazo de vixencia: a presente encomenda terá a duración estritamente necesaria para a licitación, execución e realización das actuacións derivadas da contratación do servizo referido.

– Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.

– Taxas: a encomenda non liquidará ningunha taxa a favor da AXI en concepto de custo polos servizos que se van prestar en desenvolvemento desta.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade