Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 2 de xullo de 2020 Páx. 26268

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 18 de xuño de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñais en man común dos montes denominados Torreiro e outros, a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontellas, concello do Porriño.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 27 de febreiro de 2020, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñais en man común dos montes denominados Torreiro e outros, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontellas, parroquia de Pontellas, concello do Porriño (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 27.9.2017, José Alonso Lorenzo, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Pontellas, concello do Porriño, presenta unha solicitude de clasificación dos montes Torreiro e outros, cun total de seis parcelas, acompañada dun informe pericial.

O 21.11.2017 o Servizo de Montes indica á secretaria do Xurado de Montes Veciñais que a planimetría presentada é suficiente para a súa identificación e que non foron clasificados anteriormente. Tamén informa que algúns terreos solicitados afectan parcelas catastrais de particulares e outras teñen ocupacións de particulares, que a propia comunidade exclúe da solicitude. Sobre a parcela número 4 (Lagoa ou Pereiro) informa que foi solicitada en parte pola Comunidade de Montes de Atios no seu deslindamento, pero que non foi aceptada.

O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, na súa sesión do 20.12.2017, incoar o correspondente expediente de clasificación dos montes Torreiro e outros, solicitados pola CMVMC de Pontellas.

O 19.9.2018 o Servizo de Montes remite o informe preceptivo en que indica que todas as parcelas teñen un aproveitamento comunal realizado pola CMVMC de Pontellas e que se dedican a aproveitamento forestal co tratamento de invasoras ou a uso social con instalacións como local social ou aparcadoiros. Varias parcelas foron amolloadas pola Comunidade de Montes.

O 5.10.2018 o Rexistro da Propiedade de Tui emite un certificado en que consta que non figura inscrita ningunha das parcelas coa descrición achegada.

O 26.12.2018 solicítase ao rexistrador da propiedade de Tui a inscrición preventiva das parcelas obxecto do expediente, cumpríndose o requirido o 23.1.2019.

O Diario Oficial de Galicia do 25.1.2019 publica o anuncio do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra notificando a iniciación da tramitación do expediente e abrindo un período dun mes para a práctica de alegacións.

Segundo. Durante o trámite de audiencia, o concello do Porriño remite a notificación da realización da exposición pública do edicto de incoación do expediente de clasificación das parcelas, sen que se presentase ningunha alegación.

Terceiro. Xa rematado o prazo do trámite de audiencia, o 17.1.2020 a CMVMC de Atios, parroquia estremeira de Pontellas, presenta un escrito solicitando que se exclúa da clasificación a parcela denominada Lagoa ou Pereiro por estar situada parcialmente na parroquia de Atios e porque xa no deslindamento esta comunidade a reclamou como parte do seu monte veciñal clasificado. Xunta á súa solicitude informes periciais.

Cuarto. Á vista da documentación achegada pola CMVMC de Pontellas e o informe do Servizo de Montes, as parcelas obxecto do presente expediente teñen a seguinte descrición:

Concello: O Porriño.

Parroquia: Pontellas.

1. Nome do monte: Torreiro ou Centro Cultural de Pontellas.

Cabida: 3.998 m2 (superficie alegada na solicitude).

Ref. catastral parcela: 36039A018006240000DB.

Ref. catastral das construcións: 002502700NG26F0001OM.

Estremas:

Norte: estrada.

Sur: estrada e José Avendaño Vázquez.

Leste: José Avendaño Vázquez.

Oeste: estrada.

2. Nome do monte: San Campio.

Cabida: 11.897 m2 (superficie alegada na solicitude).

Ref. catastral parcela: non figura representada no catastro de predios rústicos.

Estremas:

Norte: estrada.

Sur: estrada e Eugenio Pichel Domínguez.

Leste: estrada.

Oeste: Alda Alonso López, María Fernández Pérez, José Fernández Domínguez, María Fernández Pérez, María González Leiras, Esther González Bacelo, Josefa Maceira Maceira, María Fernández Pérez, Basilio Rodríguez Gómez, Carmen Fernández Maceira, Mari Luz Pereira Pereira, Carmen Domínguez Pérez, Ramón González Lago, Manuel Rodríguez Rodríguez, Manuel González Lago, Manuel González Leiras, Juan Carlos Pereira Ramilo e Porfirio Vázquez Alonso.

3. Nome do monte: Louriña.

Cabida: 5.019 m2 (superficie alegada na solicitude).

Ref. catastral parcela: 36039A034005040000DJ.

Estremas:

Norte: terreo ocupado por José Iglesias Ruibal; María del Carmen González Alonso, Constantino Costas Cancelas, Manuel Calvar Fernández e Nemesio Porto Groba.

Sur: estrada do Porriño a Mosende.

Leste: José Manuel Iglesias Cancelas e terreo ocupado por José Iglesias Ruibal.

Oeste: María Rodríguez Piñeiro e Graciana Estévez Rodríguez.

4. Nome do monte: Lagoa ou Pereiro.

Cabida: 71.917 m2 (superficie alegada na solicitude).

Ref. catastral parcela: 36039A018003730000DG e outras.

Estremas:

Norte: estrada e monte veciñal ocupado por Manuel Rodríguez Lago e descoñecido.

Sur: Amante Serodio Alonso, Obdulia Alonso Domínguez, Mercedes Caballero Castro, Sociedad Gallega de Rocas Ornamentales e Hidrospach.

Leste: monte veciñal ocupado por Manuel Rodríguez Lago e descoñecido e estrada do Porriño a Mosende.

Oeste: Novafrigsa, S.A., Carmen González Guisande, Inversiones Lagoa 2003, S.L., Marina Maceira Maceira, Maximino Fernández Vázquez, Jerónimo Bacelo González, Manuel Rodríguez Dávila, Donato Rodríguez Barreiro e Beatriz Ucha Alonso.

5. Nome do monte: Calvario.

Cabida: 5.051 m2 (superficie alegada na solicitude).

Ref. catastral parcela: 36039A018006210000DH e 36039A018006170000DU.

Estremas:

Norte: Esperanza Lorenzo Alonso, Severino Rodríguez Alonso, María Míguez Fernández, Edilberto Domínguez Lorenzo e Lino Silva Campo.

Sur: valado que separa de herdeiros de Miguel Pereira, estrada e Manuel Rodríguez González.

Leste: camiño.

Oeste: estrada e valado de terra que a separa de herdeiros de Miguel Pereira.

6. Nome do monte: A Abelenda.

Cabida: 5.594 m2 (superficie alegada na solicitude).

Ref. catastral parcela: 36039A013000720000DA.

Estremas:

Norte: estrada PO-331 e José Durán Vila.

Sur: estrada, camiño e Jaime Bugarín Alonso.

Leste: máis do monte veciñal ocupado por particulares.

Oeste: Marcos Durán Alonso e José Durán Vila.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segunda. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo a abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

A isto debe engadirse, como ben sinala para casos análogos o Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, na Sentenza do 29 de xuño de 2009:

«A función do Xurado Provincial é a de comprobar a existencia ou non dun aproveitamento consuetudinario comunal nos termos indicados no artigo 1 da Lei 13/1982, o cal exclúe do seu exame cuestións de propiedade, reservadas á xurisdición ordinaria e que non obstan á clasificación do monte veciñal en man común.

Tampouco é obstáculo para tal fin que o monte figure incluído a nome doutras persoas ou entidades, en catálogos, inventarios ou rexistros públicos, salvo que a dita inclusión sexa consecuencia dunha sentenza ditada en xuízo declarativo -Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 8 de maio de 2008-, onde se reproduce con claridade a doutrina do Tribunal Supremo que define como única razón válida para a clasificación a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños de xeito mancomunado, sen que fronte a este estado posesorio dos aproveitamentos do monte, non necesariamente forestais, poidan prevalecer os actos de disposición deles sequera tivesen acceso ao Rexistro da Propiedade...».

Sobre os tipos de aproveitamento, estes entenderanse nun sentido amplo no referido aos usos posibles, que poden ser variados e distintos en cada momento e parcela. A xurisprudencia establecida así o aclara. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a través da Sala do Contencioso-Administrativo, en sentenza número 1239/2002 establece que:

«...a Lei 13/1989 di que os montes veciñais sono con independencia das súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria. Por iso, o feito de que o uso actual principal da parcela litixiosa non sexa agrícola, forestal ou gandeiro, senón recreativo, non é obstáculo para a súa clasificación como monte veciñal...».

E a doutrina emanada do Tribunal Supremo, a través da súa Sala Contencioso-Administrativa, é clara cando xa na Sentenza do 22 de febreiro de 1988 establece que «... a Avogacía do Estado presenta como primeira causa de oposición a de aplicar o concepto de monte aos terreos que se reclaman como veciñais; cuestión esta que non se pode resolver ante os conceptos que se explican nas disposicións legais, por canto se observa que tanto a Lei de montes como o seu regulamento, ou as leis de montes veciñais en man común de 1968 ou a vixente de 1980 atenden no sentido primordial ao aproveitamento forestal, respondendo a unha política anexa de protección do monte e ao cultivador desde o punto de vista da repoboación forestal, criterio este que, en relación co ámbito específico do monte veciñal en man común, característico de Galicia, superouse pola xurisprudencia en atención as súas características consuetudinarias, no sentido de estimar que o monte non só podía ter unha finalidade forestal..., deducíndose diso que ese criterio xurisprudencial foi aplicado polos xurados provinciais cun sentido amplo, atendendo á explotación e o aproveitamento polo común dos veciños e interpretando a lei conforme indica o Código civil no seu artigo 3, en atención ás circunstancias de tempo e lugar».

Terceira. Sobre o uso actual, a Comunidade de Montes de Pontellas ten presentado un informe pericial cunha reportaxe fotográfica en que se aprecia que algunhas parcelas teñen uso forestal e outras uso social, cultural ou de lecer: local social, aparcadoiros etc. Nas zonas de uso forestal estremeiras con propiedades particulares, a Comunidade de Montes ten colocados marcos de deslindamento. Tanto a construción dos equipamentos como a derrega dos marcos realizouna a comunidade de montes, que tamén realiza o seu mantemento actual.

O informe preceptivo do Servizo de Montes ratifica esta situación cando establece que a parcela Torreiro ten «...uso social polos veciños da parroquia, a construción das instalacións presentes na parcela e o mantemento é executado pola Comunidade de Montes de Pontellas...» ; na parcela San Campio observa que «...a CMVMC de Pontellas eliminou o arborado, tratou a acacia e acondicionou o terreo. Dado que a parcela está situada fronte á igrexa parroquial, empregouse como aparcadoiro para uso veciñal, está sinalizado como propiedade da CMVMC e amolloado por ela» ; sobre a parcela A Louriña o Servizo de Montes informa que ten «uso forestal, a Comunidade de Montes ten realizado o mantemento da parcela, a roza do mato e o rareo das masas. Está sinalizada como propiedade da CMVMC de Pontellas e amolloado por ela»; no relativo á parcela Calvario informa que ten «uso forestal, a Comunidade de Montes ten realizado o mantemento da parcela a roza do mato... está amolloada pola CMVMC de Pontellas»; e finalmente sobre a parcela A Abelenda o Servizo de Montes informa que ten «uso forestal, a Comunidade de Montes ten realizado o mantemento da parcela consistente na roza do mato... está amolloada pola CMVMC de Pontelllas».

Non obstante, na parcela denominada Lagoa, non está acreditado un uso exclusivo por parte da Comunidade de Montes de Pontellas. Este uso queda claramente acreditado nas zonas sur e oeste, onde se concentran os traballos silvícolas e a Comunidade de Pontellas realizou a colocación de marcos nas estremas coas parcelas particulares, pero non o está nas zonas norte e leste, que coinciden coa suposta estrema coa Comunidade de Montes de Atios e que xa no pasado foi obxecto de controversia. Aínda que a suposta estrema parroquial que presenta esta comunidade non condiciona os criterios da clasificación, non queda acreditado na documentación do expediente se os veciños que aproveitan as zonas que quedan libres das ocupacións pertencen a unha ou outra comunidade.

O Concello do Porriño non presentou alegacións á clasificación das parcelas, o que supón implicitamente o recoñecemento por parte do concello do carácter veciñal dos terreos obxecto do expediente.

Polo exposto, dedúcese que nos terreos que se pretenden clasificar existe unha utilización periódica veciñal nos termos aplicables do artigo 1 da Lei 13/1989 por parte da Comunidade de Montes de Pontellas, agás na parcela denominada Lagoa.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros

ACORDA:

Clasificar como veciñais en man común as parcelas denominadas Torreiro, San Campio, A Louriña, Calvario e A Abelenda, a favor dos veciños da CMVMC de Pontellas, Concello do Porriño (Pontevedra), de acordo coa descrición reflectida no feito cuarto e na planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución, e non clasificar como veciñal en man común a parcela denominada Lagoa, ao non reunir os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 18 de xuño de 2020

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra