Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 29 de xuño de 2020 Páx. 25541

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 26 de xuño de 2020 pola que se modifica a Orde do 13 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2018, 2019 e 2020 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020).

O 26 de xuño de 2018 publicouse no número 121 do Diario Oficial de Galicia a Orde do 13 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2018, 2019 e 2020 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020).

Esta orde ten por obxecto o establecemento do réxime de concesión de axudas ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante, e proceder á súa convocatoria para os exercicios 2018, 2019 e 2020.

No artigo 4 sinálanse os servizos e prestacións subvencionables. De xeito específico, os servizos establecidos no artigo 4.1.b) 2º Atencións comprendidas dentro dos servizos de apoio á inclusión sociolaboral, servizo de formación adaptada e servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión e no artigo 4.1.b) 3º Atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo da poboación inmigrante están financiados polo Fondo Social Europeo.

Con data do 14 de marzo de 2020, publicase no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declaraba o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e con data do 18 de marzo de 2020, publicase o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.

En Galicia aprobouse o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptaban medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución do COVID-19 (Diario Oficial de Galicia número 49.bis, do 12 de marzo).

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, foi modificado polo Regulamento (UE) nº 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de marzo de 2020, no relativo as medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote do COVID-19 e polo Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, no que respecta ás medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos en resposta ao brote do COVID-19.

A execución desta orde de axudas na anualidade 2020 viuse condicionada desde a declaración do estado de alarma pola crise ocasionada polo COVID-19.

Polo que respecta ao procedemento de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de maio, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, poderanse modificar os prazos de execución da actividade subvencionada e, de ser o caso, de xustificación e comprobación da dita execución aínda que no se tivese recollido nas correspondentes bases reguladoras, nos procedementos de subvencións, as ordes e resolucións de convocatoria e concesión de subvencións e axudas públicas previstas no artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que xa estivesen outorgadas no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Neste sentido, o órgano competente deberá xustificar a imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante o estado de alarma ou a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación.

En termos semellantes pronúnciase o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril de 2020 sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, entre eles, en relación coa Orde do 13 de xuño de 2018.

O día 13 de xuño publícase no número 115.bis do Diario Oficial de Galicia, o Decreto 90/2020, do 13 de xuño, polo que se declara a superación da fase III do Plan para a desescalada das medidas extraordinarias adoptadas para facer fronte á pandemia do COVID-19, aprobado mediante o Acordo do Consello de Ministros do 28 de abril de 2020 e, polo tanto, a entrada na nova normalidade, con efectos desde as 00.00 horas do día 15 de xuño de 2020. En consecuencia e de acordo co segundo punto deste decreto, quedan sen efecto as medidas derivadas da declaración do estado de alarma adoptadas polo Goberno do Estado e polas súas autoridades competentes delegadas na unidade territorial formada pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, mantense a declaración de situación de emerxencia sanitaria efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 e, polo tanto, serán aplicables, desde as 00.00 horas do día 15 de xuño de 2020, as medidas recollidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, publicado no Diario Oficial de Galicia número 115, do 13 de xuño de 2020, pola Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, nos termos indicados no dito acordo.

Esta modificación da Orde do 13 de xuño de 2018 ten dúas finalidades, en relación coas actuacións de 2020, por un lado, amplíase o prazo de execución das actuacións e xustificación daquelas subvencións xa concedidas das tipoloxías 4.1.b) 2º e 4.1.b) 3º que estaban en período de execución no tempo coincidente co estado de alarma e, por outro, adáptanse algúns aspectos regulados na orde de convocatoria para adaptar a documentación xustificativa da realización das prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, das prestacións do servizo de formación adaptada e da prestación de apoio á conciliación destas mesmas tipoloxías 4.1.b) 2º e 4.1.b) 3º, nas novas circunstancias xurdidas co motivo da pandemia e da conseguinte declaración del estado de alarma. Nalgúns casos as actividades tiveron que adaptarse a modalidades de formación a distancia, por ese motivo a xustificación a través de partes de asistencia ou a través de declaracións asinadas polo participante debe substituírse por outros documentos que non exixan a súa sinatura. Tamén se puxo de manifesto na formación adaptada a dificultade para cumprir que polo menos 5 persoas asistentes a estas actividades formativas acrediten a asistencia, como mínimo, do 60 % do total das horas da acción formativa. A dificultade deriva dos límites de capacidade exixidos para garantir a distancia física entre os participantes. A modificación, polo tanto, desvincula a realización da acción formativa da porcentaxe de asistencia, sempre que existan evidencias da efectiva realización da actividade. Polo que respecta ao servizo de conciliación prestada inicialmente só no marco do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, ou de formación adaptada, a nova realidade exixe ampliar este servizo a outras persoas que, aínda que non son usuarias dun itinerario ou dunha acción formativa subvencionada, atópanse nunha situación de vulnerabilidade ocasionada polo COVID e que necesitan este servizo para poder manter o seu posto de traballo, ou empezar un novo.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 13 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2018, 2019 e 2020 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020)

A Orde do 13 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2018, 2019 e 2020 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020) queda modificada como segue:

Un. A letra b) 2º.1.3 do número 1, do artigo 4, sobre actuacións subvencionables, queda redactada como segue:

«2º.1.3. Prestación de apoio á conciliación prestada no marco do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, tanto na sección de inclusión básica como da sección de inclusión e transición ao emprego, ou cando se trate dunha prestación vinculada directamente a un servizo de formación adaptada ou á demanda de familias vulnerables que nesta anualidade 2020, coa crise sanitaria, necesitan este servizo para poder manter o seu posto de traballo, ou empezar un novo».

Dous. O número 3, do artigo 5, sobre gastos subvencionables, queda redactado como segue:

«3. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos a todas as axudas reguladas na presente orde será do 1 de xullo de 2018 ao 30 de xuño de 2020, agás aquelas axudas das tipoloxías 4.1.b) 2º e 4.1.b) 3º en execución no período de 2020, para as que o período de referencia estenderase ata o 30 de setembro de 2020. Unicamente para as actuacións de construción, ampliación, reforma e mellora de centros poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual alén do 30 de xuño de 2020 e, en ningún caso posterior o 30 de novembro do mesmo ano, consonte o establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia».

Tres. O número 2.b) do artigo 13, referido á determinación do importe das subvencións, queda redactado como segue:

«b) Módulo de formación adaptada/promoción da participación social: 24,37 €/hora/traballo efectivo realizado por persoal técnico coa mesma titulación que a prevista na letra a).

Os importes establecidos corresponderán cando teñan dereito a certificación acreditativa da súa realización a un mínimo de cinco participantes que teñan acreditada a asistencia como mínimo ao 60 % do total das horas da acción formativa, agás para as actuacións no exercicio 2020 coa crise sanitaria, que corresponderán sempre que existan evidencias da efectiva impartición da actividade tales como capturas de pantalla, exercicios enviados e respondidos, mensaxaría instantánea, actividade a través de redes sociais ou calquera outra proba acreditativa da relación a distancia entre a entidade beneficiaria e o destinatario final».

Catro. O número 1.j) do artigo 17, referido ás obrigas das entidades subvencionadas, queda redactado así:

«j) Controlar a asistencia ás accións formativas e expedir o certificado de aproveitamento para os participantes que teñan asistido como mínimo ao 60 % do total das súas horas, agás para as actuacións no exercicio 2020 coa crise sanitaria coa expedición do certificado de aproveitamento para os participantes que teñan asistido».

Cinco. O número 2 do artigo 18, referido á xustificación das subvencións, queda redactado así:

«2. As entidades beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente. A primeira comprende as actuacións realizadas entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de novembro de 2018, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite 5 de decembro de 2018; a segunda comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2018 e o 30 de novembro de 2019, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite de 5 de decembro de 2019; a terceira comprende as actuacións desde o 1 de decembro de 2019 ata o 30 de xuño de 2020, ambos incluídos, e a xustificación presentarse con data límite de 15 de xullo de 2020, agás aquelas axudas das tipoloxías 4.1.b) 2º e 4.1.b) 3º que comprenderán as actuacións realizadas desde o 1 de decembro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020, ambos incluídos, e a xustificación presentarse con data límite de 11 de outubro de 2020. No caso de subvencións para a construción, ampliación e mellora de centro en que, de conformidade co artigo 5.3, se adquiran compromisos alén do 30 de xuño de 2020 e antes do 30 de novembro do mesmo ano, a data límite para presentar a xustificación desta anualidade será o 5 de decembro de 2020».

Seis. A letra b) do número 5 do artigo 18, referido á xustificación das subvencións, queda redactada así:

«b) Xustificación para as actuacións finalizadas.

1º. As prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral requirirán a presentación da seguinte documentación:

1º.1. Solicitude de pagamento anexo VI.

1º.2. Declaración responsable no anexo VII.

1º.3. Memoria económica e xustificativa no anexo VIII.

1º.4. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores e a persoa responsable da entidade, en que conste un resumo do número total de horas no período subvencionado.

1º.5. Acreditación do número total das persoas atendidas durante o período subvencionado. Se as persoas atendidas acadasen todas as prestacións obrigatorias, achegarase declaración responsable da entidade no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social, que deberá estar asinada tamén polo traballador e o beneficiario da prestación, de que a persoa realizou as prestacións obrigatorias, agás para as actuacións do exercicio 2020 coa crise sanitaria, nas cales a declaración responsable que presente a entidade no dito modelo bastará con que estea asinada tamén polo traballador. Para as persoas atendidas que non acadasen as prestacións obrigatorias, presentarase declaración responsable da entidade de cales foron as persoas e de que se cumpriron para cada uno deles os indicadores de produtividade. Esta declaración deberá presentarse no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social.

1º.6. As actuacións dirixidas á atención de persoas sen fogar ou en exclusión severa, presentarase certificado emitido polo profesional competente acreditativo da situación.

1º.7. Memoria de la actuación rematada, anexo IX.

2º. No caso das accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral no marco do servizo de formación adaptada e prestacións de dinamización comunitaria no marco de desenvolvemento dun servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión e prestacións do servizo de promoción da participación social, presentarase:

2º.1. Solicitude de pagamento parcial anexo VI.

2º.2. Declaración responsable do anexo VII.

2º.3. Memoria económica xustificativa do anexo VIII.

2º.4. Declaración responsable da entidade de cales foron as persoas e de que se cumpriron para cada un deles os indicadores de execución. Esta declaración deberá presentarse no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social.

2º.5. Partes de asistencia das actuacións onde conste o número total de horas de formación asinados pola persoa participante, o/a responsable técnico/a da realización da actuación e a persoa responsable da entidade, ou, no caso de que as actuacións do exercicio 2020 coa crise sanitaria se realizasen por medios telemáticos, follas de resumos mensuais asinados polo responsable da entidade e do traballador que realizou a actuación.

2º.6. Memoria da actuación rematada anexo IX.

3º. No caso das actuacións de apoio a conciliación, de mediación intercultural, e asesoramento técnico especializado en materia de estranxeiría.

3º.1. Solicitude de pagamento parcial anexo VI.

3º.2. Declaración responsable no anexo VII.

3º.3. Memoria económica e xustificativa no anexo VIII.

3º.4. Acreditación do número total das persoas atendidas durante o período subvencionado. Para iso achegarse declaración responsable da entidade no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social, que deberá estar asinada tamén polo traballador e o beneficiario da prestación, de que a persoa realizou a prestación, agás para as actuacións do exercicio 2020 coa crise sanitaria en que a declaración responsable que presente a entidade no dito modelo deberá estar asinada tamén polo traballador.

3º.5. Resumo do total de horas efectivamente dedicadas ao programa polo persoal dedicado a actuación, asinado polo traballador e a entidade responsable.

3º.6. Memoria da actuación rematada anexo IX».

Disposición adicional única. Non apertura do prazo de presentación de solicitudes

Esta modificación non reabre un novo prazo de presentación de solicitudes ao tratarse do período de execución das actuacións subvencionadas na anualidade 2020 e que se viron afectadas pola situación de estado de alarma.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social