Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 29 de xuño de 2020 Páx. 25527

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 22 de xuño de 2020 pola que se regula o uso das residencias xuvenís dependentes desta consellería para favorecer, por parte de entidades xuvenís, a programación de actividades do ámbito do ocio e o tempo libre durante a Campaña de verán 2020 (código de procedemento BS304B).

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, leva a cabo a promoción e organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do ocio e o tempo libre.

Asumidas as competencias neste eido polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro, a Consellería de Política Social inclúe entre os seus obxectivos o de favorecer a participación da xuventude en actividades deste tipo e para iso convoca, cada ano, a Campaña de verán.

As circunstancias actuais derivadas da crise sanitaria do COVID-19 e logo de superar a etapa de confinamento fan máis necesario que nunca poder ofertar un recurso de conciliación para as familias galegas e de educación non formal para o tempo de lecer dos nosos mozos e mozas que lles permita beneficiarse, coas máximas garantías de prevención e hixiene, dun espazo de ocio favorable para as súas emocións e sentimentos.

Mediante a presente orde preténdese articular a utilización das residencias xuvenís das cales é titular a Consellería de Política Social, consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que desenvolven actividades para a xuventude non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para iso; unha necesidade que pode ser aínda máis complexa na situación actual derivada polo impacto social do COVID-19.

En consecuencia, co obxecto de facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre sen ánimo de lucro durante a Campaña de verán 2020 e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A Consellería de Política Social convoca a presente oferta de uso das súas residencias xuvenís para a Campaña de verán 2020, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I (código de procedemento BS304B).

Artigo 2. Servizos ofertados e duración das quendas

O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:

a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

b) Do uso das habitacións, zonas comúns e espazos de actividade.

c) Persoal de servizo.

A duración das quendas e as instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I.

As prazas por quenda outorgaranse a unha única entidade ou grupo, e non poderán convivir varios grupos ao mesmo tempo nunha mesma instalación.

O primeiro servizo de alimentación será o xantar do día da incorporación e o último, o xantar do último día de estancia concedida.

Os custos de traslado á instalación, tanto o día de chegada como o de saída, son por conta da entidade ou grupo adxudicatario.

Artigo 3. Entidades e grupos destinatarios

Poderán solicitar o uso das residencias:

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

2. Os consellos locais e municipais de xuventude.

3. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa xuventude.

4. Grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

5. Todas as entidades e grupos solicitantes deben estar domiciliadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Solicitude

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude, as escolas de tempo libre e outras entidades presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Os grupos de persoas mozas non asociadas presentarán as solicitudes preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. No número de prazas solicitadas incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento de actividades de tempo libre. Así mesmo, incluiranse as persoas que acompañen ás persoas mozas en calidade de responsables destas, ou outro persoal que vaia estar na instalación durante o período solicitado.

5. O prazo de presentación de solicitudes será de 7 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria, presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

2. Consultaranse tamén os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia correspondente:

a) Inscrición no Rexistro de Entidades Xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Inscrición no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4.Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Criterios de adxudicación

1. Para a adxudicación do uso das instalacións ofertadas establécese a seguinte orde de preferencia:

a) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma galega, e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Consellos locais e municipais de xuventude galegos.

c) Grupos de persoas mozas galegas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas.

d) Outras entidades públicas ou privadas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que o soliciten con fins asistenciais.

2. Pola súa banda, dentro do previsto no número anterior, terán prioridade:

a) As que soliciten un maior número de prazas ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

b) As que soliciten un maior número de días ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

c) As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar as persoas participantes.

d) As que realicen a actividade co obxectivo de favorecer a conciliación das familias.

3. No caso de persistir o empate, procederíase a un sorteo para determinar as entidades ou grupos adxudicatarios.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia.

2. A valoración das solicitudes presentadas corresponderalle a unha comisión de valoración constituída para o efecto, e que estará integrada por:

a) A persoa titular da xefatura do Servizo de Actividades para a Xuventude, que a presidirá.

b) As persoas titulares das xefaturas dos servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

3. A secretaría da comisión, con voz pero sen voto, corresponderalle a unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, nomeada por resolución da persoa titular da citada dirección xeral.

4. O órgano instrutor, á vista do expediente e da acta da comisión de valoración, elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano competente para resolver será a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

6. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), conforme o sinalado no artigo 9, no prazo máximo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde. Se vence o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, entenderase desestimada.

Artigo 9. Notificacións

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

Artigo 10. Réxime de recursos

1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa. Se non o for, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Documentación e pagamento

1. Notificada a resolución as persoas beneficiarias están obrigadas, no prazo de 5 días hábiles:

a) A pagar o importe correspondente ás prazas adxudicadas. Se a entidade adxudicataria reduce o número de usuarios/as previstos/as na solicitude, deberá comunicalo antes do pagamento da cota e aboará o importe correspondente ás prazas que vai ocupar.

A dita cantidade non será reintegrable no caso de que decaese a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo.

b) A presentar de xeito electrónico a seguinte documentación, dirixida ao Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social correspondente á provincia en que estea a instalación adxudicada:

1º. Breve proxecto de actividades que se van realizar. As actividades incluídas no proxecto deberán, en todo caso, respectar os dereitos fundamentais e as liberdades públicas recoñecidas na Constitución Española, así como todas as medidas hixiénico-sanitarias propias da instalación e ditadas polas autoridades sanitarias competentes para facer fronte ao COVID-19.

2º. Acreditación da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade ou grupo solicitante.

3º. Xustificante do aboamento do prezo expresado anteriormente.

No caso de grupos de persoas mozas non asociadas, esta documentación deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, tamén se poderá presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Se, transcorrido o prazo de 5 días hábiles desde a notificación da adxudicación, non se cumpre o disposto no número anterior, declararase expresamente o incumprimento das condicións da resolución de adxudicación e a desistencia da solicitude, a través da oportuna resolución que será ditada nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Autorización de uso temporal

1. A entidade beneficiaria deberá formalizar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación, que lle será facilitado pola Administración, no prazo de cinco días hábiles anteriores ao comezo da ocupación.

O documento de aceptación das condicións particulares de uso presentarase no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da provincia en que estea a instalación adxudicada.

Así mesmo, presentarán a relación das persoas responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións exixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre.

Así mesmo, nos cinco días hábiles anteriores ao comezo da ocupación deberá presentarse, no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial, a relación de persoas usuarias das prazas adxudicadas.

2. Cumpridas as condicións anteriores, a Xefatura Territorial correspondente da Consellería de Política Social facilitaralle á entidade beneficiaria o documento de autorización de uso temporal da instalación.

Se transcorrido o prazo establecido neste artigo non se presenta a documentación sinalada, procederase de acordo co disposto no punto 2 do artigo 11.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas adxudicatarias estarán obrigadas:

1. A cumprir os requisitos exixidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude.

2. A observar as normas de réxime interno da instalación da que sexan adxudicatarios/as así como as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos expresamente nas citadas normas.

3. A cumprir todas as medidas hixiénico-sanitarias da propia instalación, así como aquelas ditadas polas autoridades sanitarias competentes para facer fronte ao COVID-19.

4. A responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles deriven, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto. As actividades que desenvolva o grupo non teñen a consideración de actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que os riscos, accidentes e danos derivados das actividades que desenvolva a entidade ou grupo serán responsabilidade exclusiva da dita entidade ou do grupo adxudicatario.

5. A aboar o importe dos danos que se produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

Artigo 14. Tarifas

1. Aos servizos ofertados nesta orde aplicaránselle os prezos recollidos no anexo I, punto A.1.2, da Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

De conformidade co disposto na Orde do 1 de abril de 2016, aqueles grupos que figuren inscritos no rexistro da Consellería de Política Social como entidades prestadoras de servizos sociais gozarán dun desconto do 50 % sobre os prezos sinalados.

Así mesmo, conforme o disposto na Orde do 1 de abril de 2016, as asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á mocidade domiciliadas na Comunidade Autónoma galega e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado terán un desconto do 50 % sobre os prezos sinalados.

Artigo 15. Renuncia e devolución de cota

Se unha vez aboado o prezo nos termos sinalados no artigo 11 a entidade ou o grupo adxudicatario renuncia á adxudicación, terá dereito á devolución do prezo aboado sempre que comunique a renuncia no prazo de 7 días hábiles anteriores ao comezo da ocupación.

A renuncia deberá comunicarse polos medios sinalados no artigo 6.

A entidade ou grupo adxudicatario tamén terá dereito á devolución do prezo, cando por causas non imputables ao adxudicatario non se preste o servizo.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia –Consellería de Política Social– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar os actos ou instrucións para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

ANEXO I

Provincia

Instalación xuvenil

Datas

Nº prazas ofertadas

Total

Lugo

Residencia Xuvenil LUG I

15-19 de xullo

30

180

22-26 de xullo

30

29 de xullo-02 de agosto

30

05-09 de agosto

30

12-16 de agosto

30

19-23 de agosto

30

Ourense

Residencia X. Florentino L. Cuevillas

15-19 de xullo

30

180

22-26 de xullo

30

29 de xullo-02 de agosto

30

05-09 de agosto

30

12-16 de agosto

30

19-23 de agosto

30

Total

360

missing image file
missing image file