Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 29 de xuño de 2020 Páx. 25554

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2020 pola que se publica o encargo á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis) da xestión da formación derivada do Programa de formación de pacientes e cidadanía.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o encargo á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis) da xestión da formación derivada do Programa de formación de pacientes e cidadanía.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

ANEXO

Resolución pola que se encarga á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis) a xestión da formación derivada do Programa de Formación de Pacientes e Cidadanía.

Primeiro. Por resolución do conselleiro de Sanidade, do 16 de xuño de 2020 acordouse encargar á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis), como medio propio personificado, a xestión dun total de 80 obradoiros de formación, 2 edicións de Paciente Competente en Enfermidade Renal e 10 cursos sobre violencia de xénero, así como o desenvolvemento e implementación de actividades de formación e información on-line dirixidas á cidadanía, dentro das actividades de formación do Programa de formación de pacientes e cidadanía, e establecéronse as condicións para a realización das actividades encomendadas.

O artigo 5 dos estatutos da Acis, aprobados polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, determina que, para os efectos previstos na normativa de contratos do sector público, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ten a condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dela dependentes, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden, dando especial prioridade aos que sexan urxentes ou que se lle ordenen como consecuencia das situacións de urxencia que se declaren.

As relacións da Axencia cos poderes adxudicadores dos cales é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, e articúlanse a través de encomendas de xestión das previstas na normativa de contratos do sector público, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado.

De conformidade co anterior, resulta de aplicación o artigo 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, por canto regula os encargos dos poderes adxudicadores a medios propios personificados, establecendo que os poderes adxudicadores poderán organizarse executando de maneira directa prestacións propias dos contratos de obras, subministracións, servizos, concesión de obras e concesión de servizos, a cambio dunha compensación tarifaria, valéndose doutra persoa xurídica distinta a eles, ben sexa de dereito público ou de dereito privado, logo de encargo a esta, con suxeición ao disposto neste artigo, sempre e cando a persoa xurídica que utilicen mereza a cualificación xurídica de medio propio personificado respecto deles de conformidade co disposto nos tres puntos seguintes, e sen prexuízo dos requisitos establecidos para os medios propios do ámbito estatal na Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

O encargo que cumpra os ditos requisitos non terá a consideración de contrato.

Segundo. Actividades a que se refire

O obxecto do encargo é a realización pola Acis, entre outros, dun total de 80 obradoiros de formación, 2 edicións de Paciente Competente en Enfermidade Renal e 10 cursos sobre violencia de xénero, así como o desenvolvemento e implementación de actividades de formación e información on-line dirixidas á cidadanía.

Terceiro. Alcance da xestión

A Axencia encargarase de realizar as seguintes tarefas:

a) A xestión do acceso do alumnado proposto para cada actividade.

b) A programación, planificación e xestión das actividades formativas propostas polo Servizo Galego de Saude, dentro dos límites orzamentarios establecidos.

c) A resolución das incidencias que poidan xurdir nos accesos á plataforma de contidos e recursos técnicos.

A xestión das actividades formativas por parte da Acis incluirá a xestión das inscricións dos destinatarios, a planificación, programación, disposición e/ou contratación dos recursos formativos, humanos e materiais para a realización das actividades, a supervisión da execución dos cursos, a avaliación da satisfacción dos asistentes e da calidade da formación, a obtención de certificados de asistencia e de avaliación, a xestión económica das actividades formativas e a información sobre as actividades encomendadas para o seu control e verificación.

A Acis, no desenvolvemento da actividade encomendada, seguirá as directrices e instrucións da Consellería de Sanidade-Sergas, á cal lle corresponden os poderes de verificación e control da encomenda.

A Subdirección Xeral de Humanización e Atención á Cidadanía do Servizo Galego de Saúde, como promotora e responsable da iniciativa, verificará e controlará esta encomenda.

Cuarto. Prazo de vixencia

O presente encargo terá vixencia ata o 31 de decembro de 2020

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020

Antonio Fernandez-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde