Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 10 de xuño de 2020 Páx. 22844

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 4 de xuño de 2020 pola que se modifica a Orde do 3 de maio de 2019 pola que se regula a participación no Fondo Solidario de Libros de Texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2019/20 (código de procedemento ED330B).

O día 20 de maio de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 3 de maio de 2019 pola que se regula a participación no Fondo Solidario de Libros de Texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2019/20 (código de procedemento ED330B).

Os artigos 21 e 29 da convocatoria establecían a data límite do 17 de abril de 2020 para que os centros educativos xustificasen as adquisicións de libros de texto complementarios e, no caso das librarías e demais establecementos, para que presentasen os talóns de cargo.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada por COVID-19 á categoría de pandemia internacional e o artigo 9 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada por COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo), suspende a actividade educativa presencial en todos os centros e etapas, ciclos, graos, cursos e niveis de ensinanza recollidos no artigo 3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Entre as medidas adoptadas como consecuencia do estado de alarma, atopáronse tamén fortes restricións á liberdade de circulación de persoas, así como a suspensión da apertura de diferentes locais e establecementos, isto incidiu tamén na prestación de diferentes servizos.

Ademais, a disposición adicional terceira do citado Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, en materia de prazos, dispoñía o seguinte:

«1. Suspéndense termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos renovarase no momento en que perda vixencia o presente real decreto ou, de ser o caso, as súas prórrogas.

2. A suspensión de termos e a interrupción de prazos aplicarase a todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

As sucesivas prórrogas do estado de alarma imposibilitaron que algúns centros, librarías ou establecementos puidesen presentar a xustificación no prazo, no período que vai entre a declaración do estado de alarma (14 de marzo) e o 17 de abril (data límite fixada na convocatoria para presentar as xustificacións correspondentes).

O Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo (BOE núm. 145, do 23 de maio), dispón no artigo 9 o reinicio do cómputo dos prazos administrativos que estaban suspendidos con efectos do 1 de xuño de 2020.

En consecuencia, en exercicio das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 3 de maio de 2019 pola que se regula a participación no Fondo Solidario de Libros de Texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2019/20 (código de procedemento ED330B)

Un. Modifícase o número 3 do artigo 21, que queda redactado como segue:

3. Os centros docentes deberán xustificar as adquisicións de libros complementarios efectuadas o antes posible e, en todo caso, ata o 31 de outubro de 2019. Os centros poderán achegar as xustificacións complementarias derivadas de novas incorporacións ata o 15 de xullo de 2020 (este incluído).

Dous. Modifícase o número 2 do artigo 29, que queda redactado como segue:

2. Os titulares das librarías e demais establecementos deberán presentar os talóns de cargo correspondentes aos vales entregados nas librarías en 2019 o antes posible e, en todo caso, ata o 12 de decembro de 2019. O prazo para presentar os talóns de cargo correspondentes aos vales entregados entre o 12 de decembro de 2019 e o 4 de abril de 2020 comeza o 2 de xaneiro de 2020 e remata o 15 de xullo de 2020 (este incluído).

En todo caso, se os erros dun talón de cargo de 2019 impedisen validalo e non se emendasen antes do 12 de decembro, a libraría deberá emitir un novo talón de cargo con data de 2020 para tramitar o pagamento.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional