Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 10 de xuño de 2020 Páx. 22842

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 2 de xuño de 2020 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual (código de procedemento ED202A).

BDNS (Identif.): 509501.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao profesional básico, grao medio o grao superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou algún ciclo formativo de FP dual.

Segundo. Obxecto

Convocar axudas económicas para a realización en empresas do modulo profesional de FCT e da FP dual en réxime de concorrencia non competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 2 de xuño de 2020 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual (código de procedemento ED202A).

Cuarto. Importe

O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 10.20.422M.480.0 dentro do exercicio orzamentario do ano 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ata un importe máximo de 400.000 € (catrocentos mil euros). 350.000 € (trescentos cincuenta mil euros) do proxecto 2014-00401 e 50.000 € (cincuenta mil euros) do proxecto 2019-00061 financiadas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional de conformidade coa normativa nacional vixente e, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do obxectivo temático número 10. «Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e un aprendizaxe permanente».

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:

1. Primeiro prazo, trinta e un (31) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2020.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional