Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 29 de maio de 2020 Páx. 21690

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 25 de maio de 2020 pola que se modifica a Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Mediante a Orde do 22 de abril de 2020 estableceuse o réxime de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que nunha única disposición estipulou as delegacións competenciais que ata ese momento se atopaban en disposicións particulares para os distintos órganos delegados.

A entrada en vigor da nova norma puxo de manifesto algunhas diverxencias e dificultades prácticas na aplicación e implementación dos distintos procedementos por parte dos órganos delegados, especialmente no que atinxe á tramitación económica dos expedientes de gasto e á necesidade de diferenciar as distintas fases destes.

Así, a modificación afecta, esencialmente, as delegacións realizadas en materia de contratación e xestión de gasto a prol da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, dado que é esta última a que dispón dos medios e recursos para tramitar os expedientes e xestionar as distintas fases do gasto.

A outra modificación ten por obxecto facer unha aclaración respecto das competencias delegadas na Secretaría Xeral Técnica da consellería, no relativo ao persoal regulado na Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, evitando a referencia a unha soa das categorías reguladas na citada disposición.

Por canto antecede, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público; nos decretos 136 e 137/2019, do 10 de outubro, polos que se establecen as estruturas orgánicas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, respectivamente; o Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Un. Modifícase o artigo 1 da Orde do 22 de abril de 2020 eliminando os parágrafos b) e c), e modificando o ordinal 2º do parágrafo e), que queda redactado como segue:

«Artigo 1. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución dos expedientes de índole administrativa que lle estean atribuídos á persoa titular da consellería.

b) A execución dos acordos de carácter xeral do Consello de Dirección da consellería.

c) A disposición de todo canto concirne ao réxime interno da consellería, agás o reservado legalmente á competencia exclusiva da persoa titular da consellería ou que estea atribuído expresamente a outros órganos.

d) As que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas á consellería.

e) O exercicio das que en materia de persoal lle corresponden á persoa titular da consellería segundo o establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no ámbito da consellería e dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, agás a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento de persoal eventual e os que correspondan a outros órganos.

En particular, deléganse as seguintes funcións:

1ª. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra actos e resolucións das persoas titulares dos órganos da consellería, agás as ditadas en expedientes sancionadores non disciplinarios, a suspensión dos actos impugnados en vía administrativa, así como a resolución das reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial e os procedementos de revisión de oficio que lle correspondan á persoa titular da consellería, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos, e sempre que non ditase o acto obxecto do recurso ou reclamación.

2ª. As que en materia de persoal lle corresponden á persoa titular da consellería respecto do persoal funcionario e laboral da Consellería de Sanidade e do adscrito aos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, incluíndo nestes casos o persoal regulado na Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma.

3ª. As autorizacións:

Un. Das comisións de servizo con dereito á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, das persoas titulares das xefaturas territoriais e do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica da consellería.

Dous. As relativas a asistencia a cursos e actividades de formación e/ou perfeccionamento, e as vacacións anuais, permisos e licenzas do persoal baixo a súa dependencia dos servizos centrais da consellería e das persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería.

f) O exercicio das tarefas de responsable de tratamento, nos termos definidos na lexislación en materia de protección de datos das persoas físicas. Estas tarefas aplicaranse a todos aqueles tratamentos que conteñan datos de carácter persoal dentro do Sistema público de saúde de Galicia».

Dous. Modifícase o parágrafo b) e engádese un parágrafo f) ao número 2 do artigo 6 da Orde do 22 de abril de 2020, relativo ás competencias delegadas en materia orzamentaria a prol da persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde:

«2. En materia orzamentaria:

(...)

b) Os actos de autorización e de disposición de créditos de contratos centralizados e dos expedientes de gasto que afecten máis dunha área sanitaria ou centro de gasto. Non obstante, a retención de crédito, a autorización e disposición do gasto, o recoñecemento das obrigas, a proposta de pagamentos e a contabilización das diferentes fases continuará realizándose nas respectivas áreas sanitarias e/ou centros de gasto.

(...)

f) A autorización e disposición dos gastos da consellería, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, o recoñecemento das obrigas de gasto e propostas de pagamento dos diferentes capítulos do orzamento, así como propoñer e aprobar as modificacións orzamentarias que correspondan á consellería».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde