Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 29 de maio de 2020 Páx. 21694

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ACORDO do 26 de maio de 2020 polo que se modifica o Acordo do 27 de marzo de 2020 polo que se adoptan medidas relativas ao control da distribución e dispensación de especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina.

O artigo 34.12 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle entre as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde, a posibilidade de adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes en caso de que exista un risco inminente e extraordinario para a saúde.

Para tal efecto, a Administración sanitaria poderá proceder á incautación ou inmobilización de produtos, a suspensión do exercicio de actividades, o peche de empresas ou das súas instalacións, a intervención de medios materiais e persoais e cantas outras medidas se consideren sanitariamente xustificadas.

A duración das medidas a que se refire este punto fixaranse para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, non excedendo do que exixa a situación de risco extraordinario que as xustificou.

Por outra banda, o artigo 8.3 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de farmacia de Galicia, recolle, entre as obrigas dos establecementos e servizos de atención farmacéutica, a de estar suxeitos ao cumprimento das obrigas derivadas do principio de solidariedade e integración sanitaria, nos casos de emerxencia ou perigo para a saúde pública.

De conformidade coa Orde SND/276/2020, do 23 de marzo, pola que se establecen obrigas de subministración de información, abastecemento e fabricación de determinados medicamentos na situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e do procedemento habilitado pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios para a distribución controlada das especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina ao canal de distribución, ditouse o Acordo do 27 de marzo de 2020 sobre medidas relativas ao control da distribución e dispensación das citadas especialidades, co obxecto de garantir a continuidade dos tratamentos crónicos xa existentes no ámbito ambulatorio, así como a cobertura das necesidades hospitalarias para loitar eficazmente contra a pandemia.

Neste intre, as necesidades destas especialidades estarían plenamente cubertas e mesmo se teñen xerado excedentes, polo que non tería sentido manter as limitacións impostas no momento inicial da pandemia.

Tendo en conta o anterior, e para tal efecto

ACORDO:

Primeiro. As existencias dos almacéns de distribución seguirán a ser monitorizadas pola Consellería de Sanidade, co obxecto de dispor en todo momento de información actualizada das existencias de especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina, tal como esixe a Orde SND/276/2020.

Segundo. As oficinas de farmacia poderán solicitar a reposición ao almacén de distribución das especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina, do mesmo xeito que o viñan facendo con anterioridade ao estado de alarma, asegurando, en todo momento, a dispoñibiliade de existencias.

Terceiro. As citadas medidas manteranse mentres se manteña vixente o estado de alarma ou as súas prórrogas, ou ben até que a autoridade delegada deixe sen efecto os procedementos previstos para as citadas especialidades.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2020

Jesús Vázquez Almuiña
Conselleiro de Sanidade