Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 25 de maio de 2020 Páx. 21037

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de maio de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo, para os efectos do artigo 60.16 da Lei do solo de Galicia.

O Concello de Carballo remite a modificación do Plan xeral de ordenación municipal referida para os efectos do artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (en diante LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (en diante RLSG).

Unha vez analizada a documentación aprobada polo Pleno do Concello de Carballo en novembro de 2019 e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Carballo conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente por orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 4.2.2016.

2. A modificación realízaa de oficio o Concello de Carballo.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 7.6.2018 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con observacións.

4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 28.6.2018, no cal se resolve non someter a modificación á avaliación ambiental estratéxica ordinaria, con determinacións para ter en conta. No marco do proceso de consultas previas contestaron, ademais da DXOTU:

a) O Instituto de Estudos do Territorio: informe do 11.6.2018, con observacións.

b) A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: informe do 17.4.2018, con observacións para ter en conta.

c) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura do 25.5.2018 no cal se indica que a modificación non terá incidencia no sector acuícola nin no desenvolvemento actual da acuicultura no ámbito do concello.

5. No expediente remitido consta un informe técnico e xurídico municipal do 16.1.2019, favorable á aprobación inicial da modificación.

6. O Concello pleno aprobou inicialmente a modificación en sesión do 28.1.2019, que foi sometida á información pública durante o prazo de dous meses (El Ideal Gallego do 13.3.2019 e Diario Oficial de Galicia do 10.4.2019) e notificados os titulares catastrais afectados. Foron presentadas dúas alegacións, segundo o certificado do 1.10.2019 incluído para o efecto no expediente. O Concello deulles audiencia aos titulares catastrais mencionados nas respectivas notificacións, trámite non preceptivo no procedemento de modificación dos plans xerais regulado no artigo 60 da LSG e que, como tal, non se menciona no informe técnico e xurídico municipal previo á aprobación inicial referido no número anterior.

7. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e a audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu un informe sobre o resultado do trámite o 20.8.2019:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 10.4.2019, no cal se indica a non necesidade de someter a modificación ao informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 13.6.2019, favorable.

• Da Xefatura da Sección de Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria: informe do 8.5.2019, no cal se relacionan os dereitos mineiros afectados.

• Do Instituto de Estudos do Territorio: informe do 10.7.2019, no cal non se formula ningunha obxección.

b) Foi solicitado o informe de Augas de Galicia, que non foi emitido no prazo.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Laracha, Cerceda, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Tordoia, que non emitiron informes ou alegacións sobre a modificación.

8. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente constan os seguintes:

a) Da Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa: informe do 29.3.2019, favorable.

b) Da Subdirección Xeral de Planificación de Infraestruturas e Transporte do Ministerio de Fomento: escrito do 5.4.2019 no cal se pon de manifesto que a modificación non afecta competencias sectoriais dese departamento.

c) Da Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia: escrito do 14.5.2019 no cal se sinala que non existen bens ou dereitos estatais afectados, sen prexuízo da lexislación sectorial aplicable.

d) Da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información: informe do 23.5.2019, favorable.

e) Da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica: informe do 17.6.2019, con observacións.

f) Da Deputación Provincial da Coruña: informe da Xunta de Goberno do 13.11.2019, favorable.

9. No expediente remitido consta un informe técnico e xurídico municipal, asinado polo arquitecto e o técnico xurídico de urbanismo o 13.11.2019, no cal se propón a aceptación en parte das alegacións presentadas e a aprobación provisional da modificación.

10. O proxecto vén subscrito polos arquitectos Beatriz Aneiros Filgueira e Álvaro Fernández Carballada.

11. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello en pleno do 25.11.2019.

12. O Concello solicitou a aprobación definitiva mediante escrito do 29.1.2020, que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 4.2.2020, xunto cun disco compacto coa documentación administrativa e un exemplar dixital dilixenciado do proxecto aprobado provisionalmente.

13. Ante a situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o Goberno de España declarou, mediante Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión dos prazos administrativos e sinala a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

En atención ao exposto, de conformidade coa orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 27 de abril de 2020, publicada no DOG núm. 84, do 4 de maio, acórdase o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma, entre eles, o de tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, tal e como consta no número 3 do anexo da citada orde.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación proposta consiste realmente en catro alteracións da ordenación do plan xeral vixente situadas en ámbitos independentes, relativas todas á rede viaria prevista nel.

2. A primeira modificación realízase no núcleo de Loenzo de Abaixo (parroquia de Bértoa) e consiste en eliminar a metade oeste dunha vía prevista dentro do núcleo, dada a imposibilidade da súa execución ao edificarse unha nova vivenda que afecta o seu trazado.

A vía afectada atravesa o núcleo de Loenzo de Abaixo, por terreos cualificados como solo de núcleo rural común residencial en grao 1. No documento aprobado provisionalmente, a modificación contén cambios respecto do borrador derivados do cumprimento do informe da DXOTU e do trámite de información pública.

A modificación reduce a lonxitude da vía de 185 a 115 m, convértea nun fondo de saco cun remate final de 12×12 m (sen ampliación do largo da vía no borrador) e estreita o seu largo de 10 a 8 m (7 m no borrador), o que supón unha redución da superficie de solo destinada á vía duns 900 m2 (1.045 m2 no borrador), que pasan a cualificarse como solo de núcleo rural común grao 1.

3. A segunda modificación afecta un novo treito de vía proxectado polo plan xeral no núcleo de Vivente (parroquia de Ardaña), para comunicalo coa estrada provincial DP 1914. Consiste en desprazar lixeiramente ao norte o trazado da vía proxectado no plan xeral, facendo coincidir o seu límite sur co límite da propiedade coa que se subscribiu o acordo que posibilita a apertura desta nova vía.

O treito de vía ten uns 22 m de longo e 8 m de largo, proponse o seu desprazamento uns 2 m cara ao norte. A modificación afecta terreos cualificados como solo de núcleo rural histórico-tradicional residencial (ordenanza 1), que se reduce nuns 44 m2 e supón correlativamente o incremento da mesma superficie dos cualificados como solo de núcleo rural común grao 1.

4. A terceira modificación proposta consiste na ampliación da vía no núcleo de San Miguel (parroquia de Vilela), para facilitar o aparcamento xunto aos equipamentos existentes no extremo leste do núcleo (igrexa e cemiterio). Para tal efecto recualifícanse terreos previstos como solo de núcleo rural histórico-tradicional residencial (ordenanza 1) a vía, que se codifica como SX-VI/AU22, nunha superficie de 473 m2. Engádense unhas condicións de urbanización da superficie da nova vía co obxecto de garantir a protección, conservación e posta en valor do elemento de interese patrimonial existente (o pombal de San Miguel, incluído no catálogo do plan xeral co código CP-1801) e do contorno, que no documento de aprobación provisional, por mor dos informes en materia de patrimonio cultural e paisaxe, se estende e detalla máis ca no borrador.

5. A cuarta modificación proposta consiste na creación dun treito de vía duns 70 m de longo e 8 m (5,5 m no borrador) de largo, xunto ao cemiterio parroquial de Berdillo (próximo ao núcleo da Igrexa), sobre terreos clasificados como solo rústico de protección agropecuaria, para dar acceso á ampliación do cemiterio prevista no plan xeral, ampliación que conta con autorización autonómica. A actuación codifícase como como SX-VI/AU23.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, obsérvase:

1. Modificación de vía en Loenzo de Abaixo (parroquia de Bértoa).

Respecto do borrador, amplíase a vía de 7 a 8 m de largo e dótase no seu final dunha área de 12×12 m para os cambios de sentido, sinálase que a vía proxectada é suficiente para dar acceso ás distintas parcelas afectadas.

2. Modificación de vía en Vivente (parroquia de Ardaña).

O proxecto aprobado provisionalmente corrixe o grafado desprazando cara ao norte a liña de separación entre as dúas categorías de solo de núcleo rural, dando así cumprimento só ao segundo aspecto sinalado no punto III.2 do informe da DXOTU. No expediente administrativo, o informe técnico municipal dá conta do acordo cos propietarios xustificativo da modificación e obtención dos terreos necesarios mediante permuta.

3. Creación de vía xunto ao cemiterio próximo á Igrexa (parroquia de Berdillo).

A vía proxectada no documento de aprobación provisional ten 8 m de largo, cun adecuado grafado do seu ámbito, no canto dos 5,5 m do borrador, dando así cumprimento ao indicado no punto III.3 do informe da DXOTU do 7.6.2018.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 2 do Concello de Carballo (A Coruña).

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o prazo para a presentación do recurso contencioso-administrativo atópase suspendido e reiniciarase unha vez finalice a vixencia do citado real decreto ou, se é o caso, as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda