Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 25 de maio de 2020 Páx. 21032

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de maio de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo, para os efectos do artigo 60.16 da Lei do solo de Galicia.

O Concello de Carballo solicita a aprobación definitiva da modificación puntual nº 1 do Plan xeral de ordenación municipal en virtude do artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en adiante, LSG).

Analizada a documentación aprobada polo Pleno do Concello de Carballo en outubro de 2019 e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

1. O Concello de Carballo dispón na actualidade dun plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente por Orde da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 4 de febreiro de 2016 (DOG do 26 de febreiro).

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 7.6.2018 aos efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decidiu non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, en Resolución do 20 de xuño de 2018.

4. Emitiron informe técnico e xurídico previo á aprobación inicial o arquitecto municipal e o técnico xurídico de urbanismo municipal no 14.1.2019.

5. O Pleno do Concello de Carballo aprobou inicialmente a modificación no 28.1.2019. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Ideal Gallego do 13.3.2019 e Diario Oficial de Galicia do 10.4.2019) e presentáronse dúas alegacións, segundo o certificado do secretario municipal do 11.10.2019 incluído no expediente.

6. Consta a emisión dos seguintes informes estatais:

– Ministerio de Defensa (Subdirección Xeral de Patrimonio) do 29.3.2019.

– Subdelegación do Goberno na Coruña (Área de Fomento) do 14.5.2019.

– Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 27.5.2019.

– Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 17.6.2019.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 10.4.2019.

– Axencia Galega de Infraestruturas do 4.6.2019.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 13.6.2019.

– Instituto de Estudos do Territorio do 10.7.2019.

8. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Laracha, Cerceda, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Tordoia.

9. Emitiron informe técnico e xurídico previo á aprobación provisoria o arquitecto municipal e o técnico xurídico de urbanismo municipal o 16.10.2019.

10. O Pleno do Concello de Carballo aprobou provisoriamente a modificación o 28.10.2019.

11. A solicitude de informe realizouse mediante oficio do 13.11.2019, que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o día 18.11.2019. Requirida documentación con data do 17.12.2019 por este Servizo de Urbanismo, o Concello de Carballo presenta esta documentación o 20.1.2020 no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia na Coruña.

12. Ante a situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, foi declarado, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional, polo Goberno de España.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión dos prazos administrativos, sinalando a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

En atención ao exposto, de conformidade coa orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 27 de abril de 2020, publicada no DOG núm. 84, do 4 de maio, acórdase o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma, entre eles, o de tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, tal e como consta no número 3 do anexo da citada orde.

II. Obxeto e descrición.

A modificación ten por obxecto modificar as condicións de ordenación de cinco zonas do solo urbano de Carballo:

1. Cuartel da Garda Civil. Preténdese excluír do sistema xeral de equipamento denominado «servizos varios» unha parcela privada estremeira co cuartel da cal se alega que foi incluída por erro do PXOM.

2. Ampliación na aliñación da rúa Vázquez de Parga. Proponse continuar a sección transversal de 12 metros desta rúa, eliminando a redución de sección que se presenta actualmente nun tramo dela no momento en que se proceda á demolición das edificacións tradicionais existentes.

3. Subestación eléctrica. Establécese o carácter de privado do ámbito ocupado por un servizo urbano de infraestrutura territorial (estación de transformación e subministración eléctrica) pois afírmase que a subestación eléctrica de titularidade privada existente foi considerada no PXOM por erro como dotación pública.

4. Ampliación na aliñación da rúa Costa Rica. Preténdese ampliar a sección desta vía eliminando unha liña de fachada interior que pasa a ser a aliñación.

5. Aliñacións na avenida de Bértoa. Redúcese o espazo previsto para viario público na confluencia entre a avenida de Bértoa e a rúa Escultor Asorey, mantendo a sección destas dúas vías. Alégase que a actuación do PXOM denominada SX-VI/AU-9, precisa para a mellora do sistema viario, pode reducir o seu ámbito sen prexudicar esta mellora, evitando o custo da actuación para o Concello, pois este pode obter os terreos sen expropiación mediante acordo cos propietarios.

III. Análise e consideracións.

1. Cumpríronse as observacións realizadas no informe emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 7.7.2018.

2. Non se encontran obxeccións ao expediente presentado.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do Concello de Carballo (A Coruña).

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o prazo para a presentación do recurso contencioso-administrativo atópase suspendido e continuarase unha vez que finalice a vixencia do citado real decreto ou, se for o caso, as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda