Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 25 de maio de 2020 Páx. 21044

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de maio de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo, para os efectos do artigo 60.13 da Lei do solo de Galicia.

O Concello de Carballo remite para aprobación definitiva a modificación puntual nº 4 do Plan xeral de ordenación municipal para os efectos do artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (en diante, LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 (en diante, RLSG).

Analizada a documentación aprobada polo Pleno do Concello de Carballo en xaneiro de 2020 e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Carballo conta cun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 4 de febreiro de 2016.

2. A modificación é realizada de oficio polo Concello de Carballo.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu no 9.4.2018 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con observacións.

4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación na data do 23.4.2018, no cal se resolve non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria, cunha determinación para ter en conta, en relación coa protección do patrimonio cultural. No marco do proceso de consultas previas, contestaron, ademais da DXOTU:

a) Instituto de Estudos do Territorio: contestación do 12.4.2018, en que se sinala que a modificación non provocará un impacto paisaxístico significativo e que deben tomarse en consideración as recomendacións que se fan.

b) Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: observacións e suxestións do 22.2.2018, con observacións para ter en conta.

c) Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 4.4.2018, que sinala a normativa de aplicación e a inadecuación da solución de conexión coa estrada autonómica AC-552.

d) Servizo de Montes da Coruña da Consellería do Medio Rural: informe do 19.2.2018, sen obxeccións e coa indicación de que se cumpran as distancias de plantación especificadas no artigo 21.1 da Lei 3/2007.

e) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: resposta da Subdirección Xeral de Acuicultura do 5.4.2018 en que se indica que non é previsible que a modificación teña impacto nas actividades de acuicultura mariña ou continental competencia desa dirección xeral.

5. A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu o 12.9.2018 un informe sobre servidumes acústicas, cunha observación para a súa incorporación á normativa do plan.

6. No expediente remitido consta un informe técnico e xurídico municipal do 9.10.2018, favorable á aprobación inicial da modificación.

7. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación en sesión do 29.10.2018. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Ideal Gallego do 20 de novembro de 2018 e Diario Oficial de Galicia do 14 de decembro) e non foron presentadas alegacións, segundo o certificado do 1.10.2019 incluído para o efecto no expediente.

8. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu un informe sobre o resultado do trámite no 8.5.2019:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 17.1.2019, en que se indica que non é necesario someter a modificación ao informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 8.3.2019, desfavorable.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 18.2.2019, favorable condicionado á incorporación das medidas protectoras e correctoras que indica.

• Xefatura de Sección de Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria: informe do 8.2.2019, cunha observación sobre o desenvolvemento de traballos subterráneos.

• Augas de Galicia: informe do 8.4.2019, favorable sempre que se teñan en conta as súas prescricións, de carácter xeral.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 5.4.2019, no que non se formula ningunha obxección.

b) Foi solicitado o informe da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que non foi emitido en prazo.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Laracha, Cerceda, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Tordoia, que non emitiron informes ou alegacións sobre a modificación.

9. A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu un informe do 18.11.2019, favorable a un documento de correccións, con condicións.

10. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta o seguinte:

a) Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa: informe do 22.1.2019, no que non se formulan observacións ou obxeccións.

b) Subdirección Xeral de Planificación de Infraestruturas e Transporte do Ministerio de Fomento: escrito do 20.12.2018 no que se pon de manifesto que a modificación non afecta competencias sectoriais dese departamento.

c) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información: informe do 20.12.2018, favorable.

d) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica: informe do 16.1.2019, con observacións.

11. No expediente remitido consta un informe técnico e xurídico municipal, asinado polo arquitecto e o técnico xurídico de urbanismo o 13.1.2020, en que se propón a aprobación provisoria da modificación.

12. A modificación foi aprobada provisoriamente polo Concello en Pleno de data 27.1.2020.

13. O Concello solicitou a aprobación definitiva mediante escrito do 5.2.2020 que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 11.3.2020, acompañado dun disco compacto coa documentación administrativa e un exemplar dixital dilixenciado do proxecto aprobado provisoriamente.

14. Con data do 15.4.2020 o Servizo de Urbanismo da Coruña solicita á AXI informe de colaboración en relación co documento remitido para aprobación definitiva, para os efectos de determinar o cumprimento do condicionado sinalado no informe dese organismo do 18.11.2019.

15. Con data do 17.4.2020, recibido no Servizo de Urbanismo o 20.4.2020, a AXI emite informe favorable ao documento remitido para aprobación definitiva.

16. O proxecto vén subscrito polos arquitectos Beatriz Aneiros Filgueira e Álvaro Fernández Carballada.

17. Ante a situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, foi declarado, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional polo Goberno de España.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión dos prazos administrativos, sinalando a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

En atención ao exposto, de conformidade coa Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 27 de abril de 2020, publicada no DOG núm. 84, do 4 de maio, acórdase o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma, entre eles, o de tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, tal e como consta no número 3 do anexo da citada orde.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O plan xeral vixente prevé un sistema xeral viario público de nova apertura, denominado SX-VI2a de 20 m de largo e co carácter de viario estruturante proxectado en solo urbano e solo urbanizable (folla C-5 do plano a 1/5000 e CA-9 do plano a 1/2000).

Sitúase ao nordeste do núcleo urbano de Carballo e discorre en dirección nor-nordeste a sur-suroeste enlazando a confluencia das rúas Pintor Francisco Miguel e Carlos Díaz O Xestal (en solo urbano) co lugar de Ferradas, onde enlaza co sistema xeral viario SX-VI2b (xa dentro do ámbito do solo urbanizable delimitado SUR-D S-R7). O viario discorre por solo rústico, coas categorías de protección de infraestruturas e de protección agropecuaria.

A súa execución prevese con cargo ao concello, con obtención de 10.653 m² de solo, no segundo cuadrienio da estratexia de actuación do plan, e cun orzamento, segundo o estudo económico do plan xeral, de 42.612 € para a obtención de solo e 532.650 € para a execución.

A modificación afecta tamén terreos do sistema local viario en solo urbano (rúa Pintor Francisco Miguel) e a terreos de equipamento relixioso (EQ-R, igrexa e cruceiro de Bértoa, elementos catalogados, 58 m² no borrador, 5 m² no documento aprobado provisoriamente) e equipamento público educativo (EQ-E, 142 m² no borrador e 137 m² no documento aprobado provisoriamente), así como terreos cualificados coa ordenanza 1.2 Residencial extensiva vivenda familiar en Carballo, acaroada (125 m² no borrador e 316 m² no documento aprobado provisoriamente).

2. A modificación ten o obxectivo de mellorar a funcionalidade do viario SX-VI2a. Para iso concreta a súa definición, a fin de posibilitar a redacción directa do proxecto para a súa execución, sen necesidade de redactar un planeamento de desenvolvemento. A súa superficie redúcese de 10.653 m² a 9.974 m².

O documento de aprobación provisoria, como consecuencia das indicacións dos informes da Axencia Galega de Infraestruturas en relación coa estrada AC-552, elimina a extensión do sistema xeral viario ata esta, quedando a rúa Pintor Francisco Miguel coa súa situación actual de sistema local, alterando o seu trazado para aumentar a súa sección ata 14 m, con diferenzas do trazado das aliñacións respecto do borrador, diferenzas xa recollidas no documento de aprobación inicial e realizadas en atención ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a protección da igrexa de Bértoa, catalogada no plan xeral. Así mesmo, elimínase da estratexia de actuación e do estudo económico a execución das actuacións nesa rúa, ao non preverse unha acción para a expropiación dos terreos privados afectados e para execución das obras de urbanización.

3. Documentalmente a ordenación proposta está reflectida nos seguintes documentos de carácter normativo da modificación:

a) Unha normativa constituída por un artigo único con medidas protectoras para os elementos patrimoniais afectados.

b) Un anexo 4 coa documentación para modificar/substituír no PXOM en vigor, formada por:

• Planos modificados C-00’ (clasificación xeral do solo e sistemas xerais 1/20 000), C-05’ (clasificación xeral do solo e sistema xerais 1/5000) e CA-09’ (ordenación e xestión, solo urbano de Carballo 1/2000).

• Ficha modificada da acción no sistema xeral viario SX-VI2a’.

• Ficha modificada do catálogo do elemento AR-0501’ (igrexa de Bértoa).

c) Planos de ordenación proposta OR-01 e de ordenación detallada co trazado proposto OD-01.a e OD-01.b.

III. Informe.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, obsérvase:

1. Razóns de interese público da modificación (artigo 83.1 da LSG).

A razón exposta no proxecto (punto 1.2 do borrador e punto 1.3 do proxecto aprobado provisoriamente) de mellorar a funcionalidade do sistema xeral viario SX-VI2a pode conceptuarse como de interese público para os efectos dunha modificación do plan xeral conforme o artigo 83.1 da LSG, como se sinalou no punto III.1 do informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 9.4.2018.

2. Canto ás observacións feitas no punto III.2 do informe da DXOTU do 9.4.2018:

a) No proxecto aprobado provisoriamente elimínase o contido do penúltimo parágrafo do punto 5.4 do borrador, que posibilitaba que o concello establecese no futuro cargas na xestión do solo urbano non consolidado e no solo urbanizable para sufragar a actuación. Así, dáse cumprimento ao sinalado no primeiro parágrafo do punto III.2 do informe da DXOTU do 9.4.2018.

b) No proxecto aprobado provisoriamente os carrís destinados á circulación de vehículos no treito de vía que non discorre por solo urbano fíxanse cun largo de 3,50 m, cumprindo co exixido no punto III.2, segundo parágrafo do informe da DXOTU do 9.4.2018, de conformidade coa redacción orixinal do artigo 74.1.c.4) do RLSG. O largo proposto cumpre co sinalado nese precepto do RLSG, tanto na súa redacción orixinal como na vixente, establecida polo Decreto 92/2019.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 4 do PXOM de Carballo (A Coruña).

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o prazo para a presentación do recurso contencioso-administrativo atópase suspendido e continuará unha vez que finalice a vixencia do citado real decreto ou, se for o caso, as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda