Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 17 de abril de 2020 Páx. 18473

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza o peche e o desmantelamento da infraestrutura gasista denominada Acometida APA a instalacións de Inditex en Arteixo, cuxa titularidade corresponde a Nedgia, S.A.

Feitos:

Primeiro. O 12.11.2019 a empresa Nedgia, S.A. presentou a solicitude de aprobación da execución do proxecto denominado Desmantelamento de acometida en APA a instalacións de Inditex en Arteixo (A Coruña).

Segundo consta na solicitude e no proxecto, preténdese o desmantelamento da conexión industrial de gas natural existente na avenida da Deputación, s/n, no termo municipal de Arteixo (A Coruña), que dotaba de subministración de gas natural a Emesa Trefilería, S.A. (anterior propietario dos terreos), que consiste na obturación, corte e extracción da canalización que conforma a conexión actualmente existente (fóra de servizo), como consecuencia da interferencia que esta conexión causa nas obras de mellora de accesos á parcela nº 09 do Polígono Industrial de Sabón en Arteixo, en que a empresa Industria de Diseño Textil, S.A. (Inditex) dispón de instalacións.

Segundo consta no proxecto, as instalacións que serán obxecto de desmantelamento son as seguintes:

– Condución de aceiro DN 2” en MOP 16 bar, cunha lonxitude de 5 m, que parte do gasoduto existente na avenida da Deputación (gasoduto RAA-I015.1, propiedade de Nedgia, S.A.) e finaliza no límite da propiedade do usuario final (instalacións de Inditex).

– Instalacións auxiliares ao longo da conexión industrial: válvula de seccionamento.

Segundo. O 2.1.2020 os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiron informe favorable sobre a devandita solicitude de aprobación da execución do proxecto denominado Desmantelamento de acometida en APA a instalacións de Inditex en Arteixo (A Coruña).

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, o peche das instalacións de distribución de gas natural requirirá autorización administrativa previa, cuxo procedemento vén regulado nos artigos 88 a 91 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

• Autorizar o peche, incluíndo o desmantelamento, da infraestrutura gasista denominada Acometida APA a instalacións de Inditex en Arteixo (A Coruña), cuxa titularidade corresponde a Nedgia, S.A.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. O peche e desmantelamento de instalacións que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa titular das instalacións baixo a denominación Desmantelamento de acometida en APA a instalacións de Inditex en Arteixo (A Coruña), asinado o 24.10.2019 polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández (colexiado número 1.534 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e no cal figura un orzamento de 2.291,63 euros.

Segunda. Durante a execución do proxecto cumpriranse as condicións técnicas e de seguridade dispostas nos regulamentos vixentes que lle sexan de aplicación e, en particular, o disposto no Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e na súa ITC-ICG 01 Instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización, aprobados polo Real decreto 919/2006, do 28 de xullo.

Terceira. O prazo para o peche e desmantelamento que se autoriza será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa que sexa necesario obter para a execución dos traballos. Unha vez rematados estes traballos, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a xefatura territorial e achegar a seguinte documentación:

– Dirección de obra asinada por técnico competente e declaración responsable de execución das obras conforme o proxecto autorizado.

– Documentación xustificativa dos xestores de residuos dos tratamentos realizados a estes.

Cuarta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Quinta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para o peche autorizado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas