Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 17 de abril de 2020 Páx. 18477

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista denominada Desprazamento da rede MOP 16 bar pola construción do camiño de enlace para a supresión de pasos a nivel da vía férrea Redondela-Santiago, no concello de Catoira (Pontevedra), promovido pola empresa Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2019/4-0).

Feitos:

Primeiro. O 6.6.1996 a Dirección Xeral de Industria ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución e se autorizou Enagás, S.A. a instalación da rede de distribución de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Valga, Pontecesures e Catoira (Rede Pontecesures-Catoira). Esta infraestrutura de distribución de gas natural entrou en funcionamento en 1998 e actualmente é propiedade de Nedgia, S.A.

Segundo. O 28.2.2019 Nedgia, S.A. presentou a solicitude de aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista denominada Desprazamento da rede MOP 16 bar pola construción do camiño de enlace para a supresión de pasos a nivel da vía férrea Redondela-Santiago no concello de Catoira (Pontevedra), xunto coa seguinte documentación:

• Proxecto de autorización de instalacións, titulado Desprazamento da rede MOP 16 bar pola construción do camiño de enlace para a supresión de pasos a nivel da vía férrea Redondela-Santiago no concello de Catoira (Pontevedra), asinado polo enxeñeiro industrial Ángel Casas Bachiller (colexiado nº 9.735 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), datado en xaneiro de 2019 e no cal figura un orzamento total de 37.204,51 €.

• Declaración responsable do técnico proxectista, do 14.1.2019, conforme os modelos establecidos para o efecto no anexo I da Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios aplicables para exixir o visado colexial en materia de industria e enerxía, e no anexo XIX do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior.

• Separatas técnicas para as seguintes entidades afectadas pola infraestrutura gasista proxectada: Concello de Catoira, Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura e Turismo, ADIF, Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

Posteriormente, Nedgia, S.A. completou a súa solicitude, a requirimento desta dirección xeral, coa presentación o 25.4.2019 do xustificante de pagamento da taxa administrativa correspondente ao procedemento solicitado.

Segundo o disposto neste proxecto de execución, a infraestrutura gasista proxectada ten por obxecto a modificación do trazado do gasoduto Rede Pontecesures-Catoira entre os vértices V-I-C-51-2 e V-I-C-56-2, que comprende as seguintes instalacións:

• Conexión á tubaxe existente: realizarase cos dúas waytee 6”×6”, ambas con reforzo circular completo. A de inicio estará situada a uns 4 m augas enriba do vértice V-I-C-51-3 da rede Pontecesures-Catoira e a conexión final realizarase a 3 m aproximadamente augas abaixo do vértice V-I-C-56-1 da rede Pontecesures-Catoira.

• Canalización de gas natural con MOP = 16 bar de 305 m de lonxitude total desde a TTC de 6” no vértice VI-C-51-2 ata o vértice V-I-C-56-1. A tubaxe de aceiro será de diámetro 6” e espesor 3,6 mm, segundo UNE EN 3183 Gr. L245.

• Instalación de elementos auxiliares: próxima á conexión do inicio incorpórase unha válvula de corte de 6”, entre os vértices V-I-C-51-B e V-I-C-51-C.

Terceiro. O 20.5.2019 esta dirección xeral trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da devandita infraestrutura gasista, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados por ela: Concello de Catoira, Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura e Turismo, ADIF, Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura e Turismo e ADIF contestaron a petición de informe establecendo os seus respectivos condicionados, os cales foron aceptados polo promotor da infraestrutura gasista. As outras tres entidades non contestaron a petición de informe.

Cuarto. O 5.9.2019 Nedgia, S.A. presentou a solicitude de aprobación dunha addenda ao proxecto de execución da devandita infraestrutura gasista xuntando a seguinte documentación:

• Addenda ao proxecto de autorización de instalacións titulado Desprazamento da rede MOP 16 bar pola construción do camiño de enlace para a supresión de pasos a nivel da vía férrea Redondela-Santiago no concello de Catoira (Pontevedra), asinada polo enxeñeiro industrial Ángel Casas Bachiller (colexiado nº 9.735 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), datada en xullo de 2019 e na cal figura un orzamento total de 14.531,18 €.

• Declaración responsable do técnico proxectista, do 30.7.2019, conforme os modelos establecidos para o efecto no anexo I da Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios aplicables para exixir o visado colexial en materia de industria e enerxía, e no anexo XIX do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior.

• Separatas técnicas para as seguintes entidades afectadas pola infraestrutura gasista proxectada na addenda: Concello de Catoira, Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura e Turismo, Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

Posteriormente, Nedgia, S.A. completou a súa solicitude, a requirimento desta dirección xeral, coa presentación o 8.11.2019 do xustificante de pagamento da taxa administrativa correspondente ao procedemento solicitado.

Segundo o disposto nesta addenda, esta ten por obxecto a modificación do trazado do gasoduto Rede Pontecesures-Catoira entre os vértices V-I-C-56-1 e V-I-C-59, que comprende as seguintes instalacións:

• Conexión á tubaxe existente: o punto de inicio será na tubaxe proxectada no referido proxecto de execución, que se realizará mediante cóbado de 45º nas proximidades do vértice V-I-C-56-1 da rede existente, e a conexión final realizarase mediante dúas waytee de 4”×4”, ambas con reforzo circular completo. A primeira conexión estará situada a uns 8 m augas abaixo do vértice Vac-1 da acometida industrial ás empresas Friscos-Productos Ulla e a conexión final realizarase a 2 m aproximadamente augas enriba do vértice V-I-C-58-1 da rede de Pontecesures-Catoira.

• Canalización de gas natural con MOP 16 bar de 93 m de lonxitude total desde o cóbado de 6” no vértice V-I-C-56-1 ata o vértice V-I-C-59. A tubaxe de aceiro será de diámetros de 4” e 6” e espesor 3,6 mm, segundo UNE EN 3183 Gr. L245.

• Instalación de elementos auxiliares: próxima á conexión final incorpóranse dúas válvulas de corte de 4” e 6”, a primeira entre os vértices V-I-C-51-Ñ1 e V-I-C-51-Ñ2 e a segunda entre os vértices V-I-C-51-Ñ e V-I-C-51-O.

Quinto. O 25.10.2019 esta dirección xeral ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, e da súa addenda, correspondente ao desprazamento da rede MOP 16 bar pola construción do camiño de enlace para a supresión de pasos a nivel da vía férrea Redondela-Santiago no concello de Catoira (Pontevedra), promovido pola empresa Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2019/4-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10 de decembro de 2019, no Boletín Oficial da provincia do 30 de decembro e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 22 de novembro, e tamén estivo exposto no taboleiro de anuncios do Concello de Catoira. Durante o período de información pública non se presentaron escritos de alegacións.

Sexto. O 18.11.2019 esta dirección xeral trasladou as separatas técnicas, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados pola addenda ao proxecto de execución da devandita infraestrutura gasista: Concello de Catoira, Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura e Turismo, Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura contestou a petición de informe establecendo os seus respectivos condicionados, os cales foron aceptados polo promotor da infraestrutura gasista.

A respecto das outras tres entidades, que non contestaron a petición inicial nin a súa reiteración, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

Sétimo. O 18.2.2019 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre a infraestrutura gasista denominada Desprazamento da rede MOP 16 bar pola construción do camiño de enlace para a supresión de pasos a nivel da vía férrea Redondela-Santiago no concello de Catoira (Pontevedra), promovida pola empresa Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2019/4-0).

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segunda. O proxecto de execución e a addenda que se aproban cumpren coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceira. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista denominada Desprazamento da rede MOP 16 bar pola construción do camiño de enlace para a supresión de pasos a nivel da vía férrea Redondela-Santiago no concello de Catoira (Pontevedra), promovida pola empresa Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2019/4-0).

2. Aprobar o proxecto de execución, e a súa addenda, da citada infraestrutura gasista.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa promotora, Nedgia, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, unha fianza por valor de 1.034,71 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

A devandita fianza constituirase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran na seguinte documentación técnica que se aproba:

• O proxecto de autorización de instalación, titulado Desprazamento da rede MOP 16 bar pola construción do camiño de enlace para a supresión de pasos a nivel da vía férrea Redondela-Santiago no concello de Catoira (Pontevedra), asinado polo enxeñeiro industrial Ángel Casas Bachiller, datado en xaneiro de 2019 e no cal figura un orzamento total de 37.204,51 €.

• A addenda ao dito proxecto de autorización de instalacións, asinada polo enxeñeiro industrial Ángel Casas Bachiller, datada en xullo de 2019 e na cal figura un orzamento total de 14.531,18 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deben comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. Canto aos bens e dereitos afectados pola infraestrutura gasista proxectada e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas