Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 7 de abril de 2020 Páx. 17949

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 12 de marzo de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo, en execución da Sentenza 96/2018, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O Concello de Carballo remite a modificación referida do Plan xeral de ordenación municipal para os efectos da súa aprobación definitiva.

Unha vez analizada a documentación redactada polo arquitecto e o técnico xurídico de urbanismo do municipio en outubro de 2019, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Carballo conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde desta consellería do 4 de febreiro de 2016.

2. A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou, no procedemento ordinario nº 4197/2016, a Sentenza número 96/2018, que consta como anexo no proxecto de modificación. O recurso é sobre a cualificación do predio A Pedra do Sal 69, con referencia catastral 7945905NH2974N0000SK, cualificada polo plan xeral como solo rústico de especial protección de espazos naturais. O veredicto anula a orde de aprobación do plan xeral no sentido de que o predio indicado debe ser incluído na delimitación do núcleo rural da Pedra do Sal, pero só na parte en que non resulte afectado pola liña de protección da servidume do dominio público marítimo-terrestre. A sentenza foi declarada firme mediante o Decreto da mesma sección do TSXG do 31 de xullo de 2018 (DOG do 22 de outubro).

3. O Pleno municipal aprobou a modificación en sesión do 23.12.2019.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación afecta a parcela catastral 7945905NH2974N0000SK, de 1.102 m², situada na Pedra do Sal, un núcleo costeiro de Carballo.

2. A parcela está clasificada como solo rústico (plano de estrutura orgánica do territorio a escala 1/20.000 do plan xeral) nas categorías de especial protección de costas e de espazos naturais (follas C-01 e seguintes do plano de clasificación do solo e sistemas xerais a escala 1/5.000 do plan xeral). A parcela é contigua á delimitación do solo do núcleo rural común da Pedra do Sal, obxecto do Plan especial PE-1 previsto no plan xeral. O plano de ordenación do núcleo rural da Pedra do Sal (plano LEM-03 1/2.000 do plan xeral) prevé no núcleo a aplicación da ordenanza zonal 2 de vivenda familiar en núcleo rural común con dous graos dentro del, o 1 (21 nos planos, parcela mínima 1.000 m², agás preexistentes, e edificabilidade 0,4 m²/m²) e o 2 (22 nos planos, parcela mínima 500 m², agás preexistentes, e edificabilidade 0,3 m²/m²). As parcelas máis próximas á parcela obxecto da modificación teñen asinado no plan vixente o grao 2.

3. A parcela está afectada no seu extremo norte pola servidume de protección de costas de 20 m de largo (plano SV-01.c de servidumes do litoral, a escala 1/5.000 do plan xeral). Tamén está incluída nun espazo da Rede Galega de Espazos Protexidos (plano MR-10a a escala 1/60.000 do plan xeral). Toda ela está incluída na área de recualificación Baldaio-Razo, delimitada no plano AR a escala 1/15.000 do plan xeral. De acordo co plano SV-05 do plan xeral, está dentro dun ámbito afectado pola determinacións específicas do Plan hidrolóxico de Galicia-costa.

4. A modificación ten por obxecto dar cumprimento á sentenza citada. Dentro da categoría de solo de núcleo rural común asígnaselle o grao 2.

5. A modificación altera os planos de clasificación do solo e sistemas xerais a escala 1/5.000, na esquina limítrofe das follas C-01, D-01, C-02 e B-02 (plano O-01 da modificación e versión corrixida da folla C-01), e o plano de núcleos rurais LEM-3 a escala 1/2.000 (plano O-02 da modificación e versión corrixida do plano LEM-3). Tamén se adapta á ficha do Plan especial PE-1 A Pedra do Sal (versión corrixida do plano da ficha).

III. Análise e consideracións.

1. O cumprimento dunha sentenza xudicial firme é razón de interese público suficiente (artigo 83.1 e concordantes da LSG) para motivar unha modificación do planeamento.

2. O ámbito reclasificado é o descrito no veredicto da sentenza, dando cumprimento a esta, posto que está constituído pola parcela con exclusión da área afectada pola zona de servidume de protección de costas.

3. Os planos do plan xeral EX-00 de estrutura xeral e orgánica do territorio, AR de ámbitos de recualificación, SV-02.C-01 de servidumes de estradas, SV-06.b de zonificación acústica do plan xeral vixente grafan a delimitación dos núcleos rurais. A modificación proposta non inclúe planos modificados nos cales se recolla a delimitación corrixida do núcleo da Pedra do Sal.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 6 do PXOM do concello de Carballo, en execución da Sentenza nº 96/2018, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, coa condición de que se corrixan os aspectos indicados na epígrafe III.3 desta orde.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda