Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 7 de abril de 2020 Páx. 17945

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 2 de marzo de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Ribeira na Ordenanza 8.3 dotacional e de equipamentos.

O Concello de Ribeira solicita a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal referida, en virtude do previsto no artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Logo de analizar a documentación recibida e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ribeira dispón na actualidade dun plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente polo Pleno do Concello do 17.12.2002, ao abeiro do previsto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 29.11.2018 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decidiu non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, en resolución do 19.12.2018.

4. Emitiron informes previos á aprobación inicial, de carácter técnico, o arquitecto municipal, e de carácter xurídico, o técnico de administración xeral de urbanismo e o secretario xeral, todos eles con data do 18.1.2019.

5. O Pleno do Concello de Ribeira aprobou inicialmente a modificación o 18.1.2019. Foi sometida á información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 21.2.2019 e Diario Oficial de Galicia do 26.2.2019), sen se presentaren alegacións, segundo o certificado do secretario municipal do 18.9.2019.

6. Consta a emisión dos seguintes informes estatais:

Ministerio de Defensa do 21.3.2019.

Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 29.3.2019.

Subdelegación do Goberno na Coruña (Área de Fomento) do 25.4.2019.

Dirección Xeral para a Sostibilidade da Costa e do Mar do 6.6.2019 e 16.1.2020.

Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 17.7.2019.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas do 19.2.2019.

Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 10.5.2019.

Axencia Galega de Infraestruturas do 28.6.2019.

Instituto de Estudos do Territorio do 1.8.2019.

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 2.8.2019.

Portos de Galicia do 14.8.2019.

Augas de Galicia do 14.8.2019.

Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas do 12.2.2020.

8. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Pobra do Caramiñal e Porto do Son.

9. Emitiron informes previos á aprobación provisional o arquitecto municipal, o 6.9.2019, e o técnico de administración xeral de urbanismo e o secretario municipal, o 19.9.2019.

10. O Pleno do Concello de Ribeira aprobou provisionalmente a modificación o 30.9.2019.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten por obxecto mellorar a regulación da Ordenanza 8.3 dotacional de equipamento docente, sociocultural, administrativo, sanitario e deportivo, en prol de dotala de maior flexibilidade á hora de reformar, ampliar ou reutilizar os equipamentos existentes e de implantar novos equipamentos; e coa finalidade de dar cabida ás novas necesidades e aos programas de uso futuro da dotación.

2. As modificacións propostas na Ordenanza 8.3 consisten en:

Garantir a permanencia das edificacións existentes, con posibilidade de seren reformadas ou ampliadas para adecualas ás futuras necesidades e exixencias.

Regular o réxime urbanístico das parcelas cualificadas como equipamento e a obtención dos equipamentos públicos previstos polo PXOM.

Pormenorizar o réxime de obras e os usos das edificacións existentes.

Modificar a redacción da epígrafe relativa aos usos.

Permitir tipoloxías edificatorias distintas da de edificación en volume illado, para adaptar o equipamento ao tipo de ordenación da zona en que se encontre.

Modificar os parámetros edificatorios, en canto a posibles excepcionalidades para equipamentos públicos.

Incluír criterios paisaxísticos de intervención.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación achegada, púidose comprobar que esta se axusta á normativa urbanística aplicable e que dá cumprimento ás observacións formuladas no informe emitido pola DXOTU o 29.11.2018, na fase de consultas previas; cómpre, en todo caso, formular as seguintes consideracións:

1. Os espazos baixo cuberta previstos na epígrafe de elementos arquitectónicos da normativa modificada deben computarse para efectos de edificabilidade, segundo o establecido no artigo 41.4 da LSG, como xa se indicou no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 29.11.2018 no trámite de consultas.

2. O documento que se presenta para a aprobación definitiva encóntrase integrado no mesmo ficheiro informático ca o expediente administrativo tramitado. Para a inscrición da modificación do PXOM, unha vez aprobada definitivamente, no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia (artigo 88 da LSG), deberá remitirse un exemplar en soporte dixital do documento da modificación, coa dilixencia da súa aprobación provisional e independizado do expediente administrativo.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

III. Resolución.

En consecuencia e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM do concello de Ribeira na Ordenanza 8.3 dotacional de equipamentos, condicionada ao cumprimento das observacións sinaladas no punto III anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio ambiente, Territorio e Vivenda